Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 25 de novembro de 2013 Páx. 45641

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 13 de novembro de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade dunha embarcación, da que é titular a Comunidade Autónoma de Galicia, á Confraría de Pescadores San José de Cangas.

O Decreto 46/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Mar e do Fondo Galego de Garantía Agraria, dispón que esta é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma ao cal lle corresponde desenvolver as competencias e funcións en materia de ordenación pesqueira en augas interiores, marisqueo, acuicultura, confrarías de pescadores e demais organizacións e asociacións de profesionais do sector, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e segundo os termos sinalados pola Constitución española.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, permite a cesión de bens mobles da Comunidade Autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social, polo que o cesionario queda obrigado a destinar os bens para o fin expresado no correspondente acordo.

Por outra banda a Lei 6/2009, do 11 de decembro, de modificación da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, define as confrarías de pescadores de Galicia como corporacións de dereito público, sen ánimo de lucro, dotadas con personalidade xurídica e capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, actuando como órganos de consulta e colaboración da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en materias relativas á actividade extractiva e á ordenación do sector pesqueiro, e dispón que se rexerán pola súa lexislación específica.

A Confraría de Pescadores San José de Cangas solicita, mediante escrito do 20.5.2013, a cesión en propiedade dunha embarcación para destinala a fins de utilidade pública ou interese social e, en particular, a súa utilización como embarcación auxiliar nas bateas experimentais das cales dispón a confraría para engorda e cultivo de moluscos e deste xeito realizar as tarefas necesarias para acadar os obxectivos de produción e comercialización fixados en distintos proxectos que teñen como finalidade principal o cultivo de volandeira.

A Consellería do Medio Rural e do Mar dispón dunha embarcación, das características solicitadas pola Confraría, que foi declarada en abandono ao abeiro do establecido no artigo 157.5 da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, tras a resolución do expediente sancionador PESAN1 2008/446-5.

En consecuencia, en uso das facultades que me confire a Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Acórdase a cesión en propiedade á Confraría de Pescadores San José de Cangas da embarcación coas seguintes características:

Embarcación planeadora, de cor vermella, con casco de material P.R.F.V., no cal se distingue o nome JESVI e parte da súa matrícula: 7º VLL-3.

Cun motor Yamaha modelo 85 AET do ano 1997, de 62,15 kW. Os números de serie que se perciben son 68882 s 688L43639W.

Na popa da planeadora figura a numeración AAC54A19A202.

Dimensións: eslora 5,40 metros; manga 2,00 metros; puntal 1,00 metros.

Artigo 2

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade co establecido pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu artigo 82, o ben cedido destinarao a confraría cesionaria a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á súa utilización como embarcación auxiliar nas bateas experimentais das que dispón a confraría para engorda e cultivo de moluscos e realizar as tarefas necesarias para acadar os obxectivos de produción e comercialización fixados en distintos proxectos que teñen como finalidade principal o cultivo da volandeira.

b) Coa cesión outórgaselle á Confraría de Pescadores San José de Cangas a propiedade do ben moble cedido.

c) Serán por conta da entidade cesionaria a realización de todos os trámites de legalización da embarcación, en particular ante a capitanía marítima correspondente, correndo ao seu cargo todos os gastos que estes trámites orixinen.

Así mesmo, todos os gastos de conservación e mantemento do ben moble cedido correrán a cargo da confraría cesionaria.

d) Tanto se o ben cedido non se aplica aos fins sinalados, como se descoida ou utiliza con grave quebrantamento, ou se incumpren as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que sufrise.

Artigo 3

A cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral técnico desta consellería ou funcionario en quen delegue, e nela deberá constar o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Artigo 4

Corresponde á consellería competente en materia de patrimonio verificar a aplicación da embarcación citada no artigo 1, ao fin para o que é cedida, e poderá adoptar para isto cantas medidas sexan necesarias.

Disposición derradeira primeira

A Consellería do Medio Rural e do Mar, a través da Secretaría Xeral Técnica, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar