Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 225 Luns, 25 de novembro de 2013 Páx. 45627

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 18 de novembro de 2013, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, pola que se dispón a publicación do convenio de colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Comunidade Autónoma de Galicia sobre atribución de competencia de recursos contractuais.

Con data do 7 de novembro de 2013, o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, a través da Subsecretaría de Facenda e Administracións Públicas, e a Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería de Facenda, asinaron un convenio de colaboración sobre atribución de competencia de recursos contractuais.

De conformidade co establecido na cláusula sétima do convenio, dispoño a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de novembro de 2013

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio

ANEXO
Convenio de colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Comunidade Autónoma de Galicia sobre atribución de competencia
de recursos contractuais

Madrid, 7 de novembro de 2013

Reunidos:

Dunha parte, Pilar Platero Sanz, subsecretaria de Facenda e Administracións Públicas nomeada polo Real decreto 1853/2011 (BOE do 24 de decembro), con competencia para subscribir o presente convenio en virtude da delegación efectuada polo artigo 6 da Orde HAP/1335/2012, do 14 de xuño, de delegación de competencias.

E doutra, Elena Muñoz Fonteriz, como conselleira de Facenda da Xunta de Galicia, para cuxo cargo foi nomeada polo Decreto da Presidencia 8/2012, do 3 de xaneiro, e actuando en representación da Xunta de Galicia de conformidade co disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2013.

Expoñen:

1. O texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, establece no seu artigo 41.3 que as comunidades autónomas poderán atribuír a competencia para a resolución dos recursos especiais regulados nela, así como das solicitudes de medidas preventivas e cuestións de nulidade que se interpoñan contra os seus actos do procedemento de adxudicación ou contra os contratos xa adxudicados por elas, ao Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, creado no número 1 do mesmo artigo. Así mesmo, o artigo 101 da Lei 31/2007, do 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais, atribúe aos órganos indicados no artigo 41 do citado texto refundido a competencia para resolver as reclamacións, solicitudes de medidas preventivas e cuestións de nulidade suscitados respecto dos actos do procedemento de licitación e adxudicación das entidades contratantes regulados nela.

Para tal efecto, o artigo 41.3 do texto refundido da Lei de contratos do sector público dispón que a Administración xeral do Estado e a comunidade autónoma que desexe atribuír a competencia ao Tribunal deberán celebrar o correspondente convenio, no cal, entre outras, estipularanse as condicións en que a comunidade sufragará os gastos derivados desta asunción de competencias.

Pola súa banda, respecto das corporacións locais, o número 4 do mesmo artigo establece que no suposto de que non exista previsión expresa na lexislación autonómica, a competencia corresponderá ao mesmo órgano a que as comunidades autónomas, en cuxo territorio se integran, atribuísen a competencia para resolver os recursos do seu ámbito.

2. O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais está adscrito ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, conforme o disposto no número 1 do artigo 41 do texto refundido e no número 10 do artigo 18 do Real decreto 265/2012, do 27 de xaneiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O Tribunal actúa con plena independencia funcional no exercicio das súas competencias e correspóndelle o coñecemento dos recursos que se interpoñan contra os actos e contratos que se especifican no artigo 40 do citado texto refundido e 101.1 da Lei sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais, así como das medidas provisionais que se soliciten conforme o disposto nos artigos 43 e 103, respectivamente, da citada normativa e, finalmente, das cuestións de nulidade a que fan referencia os artigos 37 e 109 das mesmas normas.

3. A Comunidade Autónoma de Galicia decidiu acollerse á opción establecida no citado artigo 41.3 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, e para este fin celébrase o presente convenio coa Administración xeral do Estado, en virtude do cal se someterán á resolución que adopte o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais os recursos, reclamacións e cuestións mencionados no parágrafo anterior correspondentes aos órganos que teñen a condición de poderes adxudicadores, nos termos establecidos no artigo 3.3 do citado texto refundido, tanto da Comunidade Autónoma coma das corporacións locais do seu ámbito territorial.

4. Visto o anteriormente exposto e no marco de colaboración mutua que debe presidir as relacións entre as administracións públicas, e en cumprimento do establecido no artigo 4.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os representantes de ambas as dúas partes consideran que resulta moi beneficioso para o cumprimento dos seus respectivos fins establecer un marco de colaboración no ámbito das citadas materias de contratación pública.

Así mesmo, o artigo 33 da Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, prevé a cooperación entre as administracións públicas co fin de adoptar medidas para a racionalización e contención do gasto público.

5. Segundo establece a disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no ámbito da Administración xeral do Estado, os titulares dos departamentos ministeriais e os presidentes ou directores dos organismos públicos vinculados ou dependentes poderán celebrar os convenios previstos no artigo 6, dentro das facultades que lles outorga a normativa orzamentaria e logo de cumprimento dos trámites establecidos, entre os cales se indicará necesariamente o informe do ministerio ou ministerios afectados. O réxime de subscrición destes e, se é o caso, da súa autorización, así como os aspectos procedementais ou formais relacionados con eles axustarase ao procedemento que regulamentariamente se estableza.

En tanto non teña lugar o devandito desenvolvemento regulamentario deben entenderse aplicables as previsións contidas no Acordo do Consello de Ministros do 2 de marzo de 1990, modificado polo Acordo de Consello de Ministros do 3 de xullo de 1998, relativos ao contido dos convenios e o procedemento para a súa aprobación previa á sinatura.

De acordo co establecido no citado Acordo do Consello de Ministros do 2 de marzo de 1990, o modelo de convenio de colaboración coas comunidades autónomas sobre atribución de competencias de recursos contractuais recibiu informe favorable por acordo do Consello de Ministros na súa reunión do día 29 de xuño de 2012, e o presente convenio conta co informe favorable da Avogacía do Estado do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

En consecuencia, ambas as dúas administracións públicas acordan subscribir o presente convenio de colaboración de conformidade coas seguintes cláusulas:

Primeira. Natureza

O presente convenio de colaboración celébrase ao abeiro do disposto nos artigos 41.3 do texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, e 101.1 da Lei 31/2007, do 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais, e réxese, ademais, polas disposicións dos artigos 6 e 8 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o presente convenio ten natureza administrativa e suxéitase canto á súa regulación ao ordenamento xurídico-administrativo. As cuestións litixiosas que poidan xurdir na súa interpretación e cumprimento serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional do contencioso-administrativo.

O presente convenio de colaboración non estará suxeito ás disposicións do texto refundido, segundo o teor do establecido no seu artigo 4.1.c). No entanto, as dúbidas e lagoas que na súa execución ou interpretación poidan suscitarse serán resoltas polo órgano competente aplicando os principios contidos na citada lei.

Segunda. Ámbito obxectivo de aplicación

1. O obxecto do presente convenio é a atribución por parte da Comunidade Autónoma de Galicia ao Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais, en diante o Tribunal, da competencia para a tramitación e resolución dos recursos, solicitudes de adopción de medidas provisionais e cuestións de nulidade dos actos do procedemento de adxudicación e contratos a que se refiren os artigos 40.1, 43 e 37, do texto refundido e 101, 103 e 109 da Lei sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais.

2. No caso de que a Administración xeral do Estado faga uso da facultade prevista na disposición adicional primeira, número 1, da Lei 34/2010, do 5 de agosto e establécese un tribunal administrativo territorial de recursos contractuais con competencia sobre o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para o coñecemento e resolución dos recursos, reclamacións, solicitudes e cuestións de nulidade interpostos contra actos e contratos dela, así como os interpostos contra os actos e contratos das corporacións locais do seu ámbito territorial, entenderase atribuída ao tribunal administrativo territorial de nova creación, nos mesmos termos previstos neste convenio, polo tempo de vixencia que lle reste.

Terceira. Ámbito subxectivo de aplicación

1. A atribución de competencia comprenderá tanto os actos adoptados polos órganos da Comunidade Autónoma de Galicia coma os que adopten as corporacións locais do seu ámbito territorial.

2. Sométense igualmente ao coñecemento e resolución do Tribunal, en todo caso, os actos daqueles entes, organismos e entidades que teñan a consideración de poder adxudicador, conforme o disposto no artigo 3.3 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, tanto se se integran na Comunidade Autónoma como nas corporacións locais do seu ámbito territorial, mesmo aínda que non teñan a condición de Administración pública.

3. Igualmente estarán atribuídos á competencia do Tribunal as reclamacións, solicitudes de medidas preventivas e cuestións de nulidade interpostas con relación a actos adoptados polas entidades contratantes sometidas á Lei sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais.

Cuarta. Comunicacións

Conforme o establecido na disposición adicional terceira da Lei 34/2010, do 5 de agosto, as comunicacións entre o Tribunal e os entes que se citan na cláusula anterior realizaranse por medios informáticos, electrónicos ou telemáticos. Para tal fin, as que deban remitirse ao Tribunal depositaranse en formato PDF na dirección URL do Tribunal que se determine, logo de envío ao enderezo de correo electrónico tribunal_recursos.contratos@minhap.es do correspondente aviso no cal se farán constar, ademais, os datos da persoa de contacto designada polo órgano de contratación co obxecto de resolver as cuestións que poida formular o citado envío, sen prexuízo dos medios de comunicación que con carácter adicional poidan establecerse a través da Plataforma de Contratación do Estado.

Cando non sexa posible enviar as comunicacións por tales medios, utilizarase calquera dos medios que sexan legalmente admisibles procurando, en todo caso, elixir o que resulte máis rápido.

Para a axeitada realización das comunicacións do Tribunal aos órganos de contratación da Comunidade Autónoma de Galicia, esta proporciona a lista de enderezos de correo electrónico que se achega como anexo a este convenio.

O vogal designado pola Consellaría de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia como membro da comisión mixta de seguimento, á cal se refire a cláusula décima deste convenio, será a persoa de contacto co Tribunal co obxecto de resolver as cuestións que poidan suscitarse respecto á remisión de información ao Tribunal, cando non sexa posible a súa resolución a través do órgano de contratación cuxo expediente se impugna ou reclama. Así mesmo, o citado vogal será o competente para realizar o control e o seguimento do envío efectivo e a recepción da documentación remitida ao Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais para os efectos de garantir o cumprimento dos prazos legalmente previstos para a resolución dos recursos.

Quinta. Procedemento

1. A remisión das comunicacións, dos informes e dos expedientes administrativos a que se refira o recurso ou a cuestión de nulidade interpostos deberá facerse dentro dos prazos previstos no texto refundido da Lei de contratos do sector público polo titular do órgano de contratación afectado, da súa secretaría ou da súa unidade de contratación, nos termos sinalados na cláusula cuarta, incluíndo, no caso dos expedientes administrativos, toda a documentación integrante deles salvo que expresamente indique outra cousa o Tribunal ao reclamalo.

No caso de que as comunicacións, informes e expedientes administrativos obxecto do recurso ou cuestión de nulidade se encontren escritas en linguas cooficiais, a Comunidade Autónoma deberá xuntar a súa tradución.

2. As notificacións dos actos que segundo o teor do disposto no citado texto refundido e a Lei sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais sexan susceptibles de recurso ou reclamación, respectivamente, deberán indicar, a partir da data de entrada en vigor deste convenio, a competencia do Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais para o seu coñecemento e resolución.

3. Do mesmo xeito corresponderá ao Tribunal, nos termos establecidos nos artigos 49.2 e 108.2 respectivamente das dúas disposicións normativas citadas no parágrafo anterior, velar pola execución das resolucións adoptadas por el.

Sexta. Gastos derivados da asunción de competencias polo Tribunal

1. En compensación pola asunción polo Tribunal da competencia para resolver os recursos e cuestións de nulidade interpostos ao abeiro do establecido na cláusula primeira, a Comunidade Autónoma satisfará ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a cantidade fixa anual de 20.000 euros.

Así mesmo, satisfarase unha cantidade adicional de 350 euros por recurso resolto, a partir dun número mínimo de recursos de 40.

O gasto derivado do convenio financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 06.01.611 A.227.06, para o cal se efectuou a oportuna retención de crédito.

Cando os expedientes administrativos ou calquera documentación relacionada con eles remitidos ao Tribunal deban ser traducidos para a súa toma en consideración por estaren redactados total ou parcialmente nalgunha das linguas cooficiais, o custo da tradución deberá ser sufragado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A Secretaría do Tribunal notificará á Comunidade Autónoma, dentro dos dous primeiros meses de cada ano natural, a liquidación que corresponda polos recursos e reclamacións resoltos polo Tribunal o ano anterior.

A contía a que ascenda a devandita liquidación máis a cantidade fixa a que se refire o primeiro parágrafo do número 1 da presente cláusula, ingresaraas a Comunidade no Tesouro Público no prazo máximo de dous meses desde que se efectúe a comunicación correspondente pola Secretaría Xeral do Tribunal.

3. Nos dous meses seguintes á sinatura do presente convenio, farase efectivo o pagamento pola Comunidade Autónoma da parte proporcional da contía fixa establecida no número 1 desta cláusula que corresponda polos meses do primeiro ano que resten ata o comezo do ano natural seguinte. A liquidación da contía variable que corresponda a ese primeiro ano efectuarase na forma establecida no número 2.

4. En caso de rescisión do convenio, nos dous meses seguintes á data de finalización das actividades efectuarase a liquidación das cantidades fixa e variable que correspondan, procedendo ao ingreso ou pagamento da contía resultante.

5. Sen prexuízo do disposto nos números anteriores, a partir do vencemento de cada período de vixencia do convenio o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas poderá revisar o importe das contías que se aboen ao Tribunal en función dos recursos e reclamacións resoltos polo Tribunal o ano anterior e dos custos finalmente asumidos para a súa resolución, para o cal remitirá á Comunidade Autónoma unha proposta cos novos importes acompañada da correspondente memoria xustificativa.

Sétima. Publicación

Unha vez subscrito, o presente convenio deberá ser publicado integramente no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia e na Plataforma de Contratación do Estado.

Igualmente, deberán ser obxecto de publicación as modificacións do convenio, a súa prórroga, mesmo no caso de que sexa tácita, e a extinción dos seus efectos, sen prexuízo, neste último caso, do que se establece no número 2 da cláusula seguinte.

Oitava. Entrada en vigor e duración

1. O presente convenio producirá efectos desde o momento da súa publicación no Boletín Oficial del Estado e terá unha duración de tres anos.

O Tribunal será competente para resolver unicamente os recursos especiais en materia de contratación, as reclamacións nos procedementos de adxudicación dos contratos, as solicitudes de adopción de medidas provisionais e as cuestións de nulidade que se tivesen interposto ou solicitado con posterioridade á entrada en vigor do presente convenio.

A competencia para resolver os recursos, reclamacións, medidas provisionais ou cuestións de nulidade que se tivesen interposto ou solicitado con anterioridade á entrada en vigor do presente convenio, será do órgano que a tivese atribuída ata a data en virtude da disposición transitoria segunda da Lei 34/2010, do 5 de agosto.

2. O convenio non poderá ser denunciado ata que transcorra un ano da súa vixencia. Transcorrido este, poderá denunciarse en calquera momento e a denuncia do convenio causará efecto a partir do transcurso de tres meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

3. A vixencia do convenio entenderase prorrogada por un novo prazo igual ao previsto no número 1 cando, chegado o momento da súa extinción, non fose denunciado por ningunha das partes.

Novena. Outros supostos de extinción

1. No caso de que a Comunidade Autónoma tivese creado con carácter previo á denuncia deste convenio un órgano independente ao cal tivese atribuído a competencia para resolver os recursos indicados na cláusula primeira, este convenio deixará de estar vixente a partir da mesma data en que o órgano creado comece a exercer as súas funcións de conformidade coa disposición que o regule.

2. Salvo que na disposición que cree o novo órgano independente se estableza outra cousa, os asuntos de que estivese a coñecer o Tribunal no momento de producirse o cambio de competencia seguirán baixo o coñecemento deste ata a súa resolución, sen prexuízo de que a responsabilidade de velar pola execución das resolucións ditadas a asuma o novo órgano creado.

3. O incumprimento das obrigas a que se refire a cláusula sexta do presente convenio dará lugar á súa extinción.

Décima. Órgano de seguimento

1. Para o control do cumprimento e xestión do disposto nas cláusulas deste convenio de colaboración, constituirase unha comisión mixta coas seguintes funcións:

1ª) Adoptar as medidas precisas para a eficaz práctica dos trámites de remisión dos informes, dos expedientes administrativos e das comunicacións que deban cursarse entre os órganos da Comunidade Autónoma e o Tribunal e propoñer os que se refiran ás comunicacións entre este e os órganos daquela.

2ª) Analizar os datos relativos ao custo da asunción de competencias por parte do Tribunal co fin de propoñer o importe da cantidade que se vai satisfacer por este concepto, para os efectos da revisión de prezos prevista na cláusula sexta, 5.

3ª) Analizar, estudar e propoñer calquera outra medida que sexa de utilidade para o bo funcionamento do convenio.

2. A Comisión estará integrada por dous vogais, un deles en representación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que será o secretario do Tribunal, e o outro designado pola Consellería de Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondendo a presidencia alternativamente a cada un deles cada ano.

3. A comisión reunirase como mínimo unha vez ao ano, ou sempre que o solicite unha das partes.

4. Serán de aplicación á actuación da comisión as normas de constitución e actuación dos órganos colexiados establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

De conformidade co todo o exposto e convido, no exercicio de que son titulares os asinantes, subscriben o presente convenio, por duplicado exemplar.

      Pilar Platero Sanz Elena Muñoz Fonteriz
Subsecretaria de Facenda Conselleira de Facenda
e Administracións Públicas