Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Venres, 15 de novembro de 2013 Páx. 44500

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se aproba o proxecto de execución e o desmantelamento dunha instalación eléctrica no concello de Cee (expediente IN407A 266/2009).

Visto o expediente para outorgamento de aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Electra de Jallas, S.A. (na actualidade Unión Fenosa Distribución, S.A.).

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: modificado I LMT, CT Bazarra.

Situación: concello de Cee.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión aérea a 20 kV, de 0,04 km, con orixe en apoio existente da POT-803 ao CT Bazarra e final no centro de transformación proxectado, en condutor RHZ1-2OL-12/20 kV 3(1×240) Al.

Centro de transformación prefabricado UNIBLOC 3L+1P, cunha potencia de 400 kVA, relación de transformación de 20.000/400-230 V, substituíndo o actual CT Bazarra (que se desmantelará).

En virtude da Resolución do 7 de novembro de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, autorizouse o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a nome de Electra del Jallas, S.A.U. a favor de Unión Fenosa Distribución, S.A.

A dita autorización supeditouse a que Unión Fenosa Distribución, S.A. acreditase nun prazo de seis meses a transmisión da dita titularidade e a comunicase nun prazo dun mes desde que se fixera efectiva.

O 18 de xaneiro de 2013, Unión Fenosa Distribución, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a devandita transmisión, quedando constancia que o 4 de decembro de 2012 se elevou a pública a escritura de fusión da sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A. e Electra del Jallas, S.A.U., outorgada ante o notario de Madrid Fernando de la Cámara García, baixo o número 2.571 do seu protocolo, e que foi inscrita no Rexistro Mercantil de Madrid o 31 de decembro de 2012, tomo 30183, libro 0, folio 105, sección 8, folla M503809, inscrición ou anotación 28.

Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Aprobar o proxecto de execución do modificado I e o desmantelamento do actual CT Bazarra da devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

A instalación executarase nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

Previamente á solicitude de acta de posta en servizo, deberá terse modificado o punto de entroncamento coa instalación particular existente.

En relación co desmantelamento:

– Deberán dar íntegro cumprimento ao establecido no proxecto presentado, e o tratamento dos residuos farase conforme o establecido na Lei 22/2011 e demais lexislación de aplicación na materia.

– A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial u outros necesarios para a realización das obras das instalacións.

– Unha vez finalizado o desmantelamento procederase a comunicalo a esta xefatura territorial para que se fagan as comprobacións técnicas que se consideren oportunas e levantar a acta de peche da instalación.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 17 de outubro de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña