Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Venres, 8 de novembro de 2013 Páx. 43702

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2013 pola que se procede ao arquivo das solicitudes de subvencións a proxectos de renovación das instalacións de iluminación pública exterior existentes (ILE) nos concellos de Galicia que finalmente non obtiveron axuda.

De acordo co artigo 12 da Resolución do 7 de marzo de 2013 pola que se estableceron as bases reguladoras e anunciouse a convocatoria de subvencións para proxectos de renovación da iluminación pública exterior existentes nos concellos de Galicia, con financiamento en parte procedente dos fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2007-2013 (DOG núm. 53, do 15 de marzo), aquelas solicitudes que reuniron os requisitos e a documentación exixibles por bases foron obxecto de valoración técnica pola comisión prevista no artigo 13.

O procedemento administrativo de concesión fixado no artigo 1 das bases é o de concorrencia competitiva, que se realiza a través da comparación das solicitudes presentadas co fin de establecer unha prelación entre estas de acordo cos criterios de valoración previamente fixados nas bases reguladoras, para finalmente adxudicar co límite fixado na convocatoria dentro do crédito dispoñible, aquelas que obtivesen maior puntuación (artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Por conseguinte, unha vez valoradas todas as solicitudes estableceuse unha orde de prelación segundo a puntuación outorgada a cada unha delas, de maior a menor, segundo os criterios de valoración previstos no artigo 14 das bases reguladoras.

Debido á limitación do crédito dispoñible foron subvencionados os proxectos cunha maior puntuación, permanecendo as restantes solicitudes á espera de poder acceder á axuda en función das circunstancias previstas no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de posibles renuncias dos concellos que si resultaron beneficiarios. Algunhas destas solicitudes obtiveron posteriormente a axuda.

Rematado o prazo de xustificación dos investimentos, sobre a base do disposto nos artigos 42.1 e 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Proceder ao arquivo das solicitudes que sendo viables tecnicamente non puideron acceder á axuda por insuficiencia de crédito orzamentario.

A listaxe completa de expedientes arquivados, publicarase na páxina web do Instituto Enerxético de Galicia (www.inega.es) e no taboleiro de anuncios situado na planta baixa da sede desta entidade pública, na rúa Avelino Pousa Antelo, nº 5, San Lázaro, en Santiago de Compostela.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación ou notificación, de acordo co previsto nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con carácter previo, pódese interpoñer recurso administrativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun (1) mes contado do mesmo xeito, tal e como dispoñen os artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo doutros recursos que se estimen oportunos.

Santiago de Compostela, 30 de outubro de 2013

Ángel BernardoTahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia