Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 7 de novembro de 2013 Páx. 43589

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

CORRECCIÓN de erros. Resolución do 21 de outubro de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, que aproba as bases reguladoras do programa de apoio do Igape para facilitar o acceso ao financiamento operativo das pequenas e medianas empresas elaboradoras de viños, financiado pola Consellería do Medio Rural e do Mar e instrumentado mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica, as sociedades de garantía recíproca galegas e as entidades financeiras adheridas, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva.

Advertidos erros na referida resolución, publicada no DOG nº 204, do 24 de outubro de 2013, procede facer a seguinte corrección:

Na páxina 41956, no artigo 4.1, onde di:

«4.1. Modalidade: liña de xestión de pagamento a provedores, que permita ás adegas obter o financiamento necesario para poder atender o pagamento aos provedores de uva das facturas correspondentes aos contratos homologados subscritos de conformidade coa Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 16 de setembro de 2013 (DOG núm. 180, do 20 de setembro), sendo o período de vixencia destes contratos as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015 (liña de confirming)».

Debe dicir:

«4.1. Modalidade e destino: liña de xestión de pagamento a provedores (confirming), que permita ás adegas obter o financiamento necesario para poder atender o pagamento aos provedores de uva das facturas correspondentes aos contratos homologados subscritos de conformidade coa Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 16 de setembro de 2013 (DOG núm. 180, do 20 de setembro) ou a Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 17 de outubro de 2013 (DOG núm. 204, do 24 de outubro), para as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015».

Na páxina 41956, no artigo 5.3, onde di:

«5.3. As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR».

Debe dicir:

«5.3. As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 1 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o límite máximo garantido e ata o 4 % do importe do financiamento avalado en concepto de cota social mutualista, que se aboará ao inicio da operación. Este importe será reembolsado ao cliente unha vez que remate a súa relación coa SGR».

Na páxina 41960, no artigo 8.7, onde di:

«8.7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a SGR comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número do expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (dous meses desde a data de presentación da solicitude de axuda no Igape) e os efectos do silencio administrativo (negativo)».

Debe dicir:

«8.7. Dentro dos dez días seguintes á presentación das solicitudes no rexistro telemático, a SGR comunicaralles aos solicitantes a data en que as solicitudes foron presentadas no Igape, o número do expediente asignado, o prazo máximo establecido para a resolución e notificación do procedemento (30 de decembro de 2013) e os efectos do silencio administrativo (negativo)».