Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Xoves, 7 de novembro de 2013 Páx. 43657

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 21 de outubro de 2013 pola que se efectúa requirimento previo de desafiuzamento administrativo dos departamentos números 2 e 3 do porto de Tragove (Cambados-Pontevedra) destinados a almacenamento de aparellos.

A Xefatura da Zona Sur de Portos de Galicia comunica que a mercantil Transportes Arenaz, S.L. está a ocupar os departamentos números 2 e 3 do porto de Tragove destinados ao almacenamento de aparellos sen a debida autorización e que, efectuados dous requirimentos ao domicilio facilitado pola empresa demandando a solicitude de nova autorización ou, en caso contrario, ordenando o desaloxo dos departamentos, foron devoltos polo servizo de Correos.

Polo exposto, de acordo co establecido no artigo 113 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 103 do Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, e no artigo 31 do Decreto 227/1995, que aproba o regulamento da entidade pública Portos de Galicia, notifícase á mercantil Transportes Arenaz, S.L., con último domicilio coñecido na rúa Pombal, número 10, de Cambados, mediante a publicación da presente cédula no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Cambados, o inicio do procedemento de desafiuzamento administrativo.

Outórgase trámite de audiencia por un prazo máximo de 10 días hábiles contados desde a publicación da presente cédula no Diario Oficial de Galicia, ou da súa exposición no taboleiro de edictos do Concello de Cambados, durante o cal poderán formularse alegacións e presentarse os documentos ou xustificacións que se consideren pertinentes. Durante o dito prazo poderá solicitarse nova autorización para regularizar a ocupación.

De acordo co disposto no artigo 114 da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, a competencia para emitir o presente acto administrativo corresponde á Presidencia do Consello de Administración da entidade pública Portos de Galicia.

A instrución do presente procedemento recae no xefe da División Xurídica de Portos de Galicia, Jesús Javier Fernández Barro, cuxo réxime de abstención e recusación é o previsto nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contra o presente acto administrativo de iniciación non se admitirán accións interditais ou para a tutela sumaria da posesión das previstas na Lei de axuizamento civil.

E para que conste e sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2013

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia