Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 6 de novembro de 2013 Páx. 43353

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 22 de outubro de 2013 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Diversia.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Diversia con domicilio no lugar de Frións, en Ribeira (A Coruña).

Feitos.

1. María Milagros Rey Pérez, presidenta do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Diversia foi constituída en escritura pública outorgada en Ribeira (A Coruña) o 30 de xullo de 2013, ante a notaria María Covagonda Vázquez López, co número de protocolo 691, pola Asociación Ámbar das Persoas con Diversidade Funcional que actúa representada pola súa presidenta María Milagros Rey Pérez.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto velar pola dignidade e os dereitos humanos e civís das persoas con discapacidade, exercendo a tutela, curatela e a asistencia social e educativa das persoas con discapacidade psíquica, física ou sensorial, así como o fomento do estudo, investigación, formación e divulgación en materia de discapacidade.

4. O padroado inicial da fundación está formado por María Milagros Rey Pérez, como presidenta; e José Antonio Chouza Romero e María Luisa Rodríguez Queiruga como vogais; figurando, tamén, Rosana Oliveira Sieira como secretaria non patroa.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Diversia, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de Fundacións de Interese Galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 15 de outubro de 2013,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Diversia, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza