Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 210 Luns, 4 de novembro de 2013 Páx. 43101

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 5 da Coruña

EDICTO (1/2013 M).

María Jesús Hernando Arenas, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 5 da Coruña, fago saber que ante este xulgado se tramitan autos co número PO 1/2013 por instancia de "Ver PDF" contra Coruñesa de Parabrisas, S.L., Vidrio Arte Coruña, S.L., Auto Arte Coruña, S.L., Auto Arte Galiza, S.L. e Vidrio Arte Galiza, S.L., e Luis Manuel García Rodellino sobre cantidade, nos cales no día da data se ditou sentenza cuxa parte dispositiva di textualmente:

Ditame:

Que debo estimar e estimo a demanda que en materia de cantidade foi interposta por "Ver PDF" contra as entidades Coruñesa de Parabrisas, S.L., Vidrio Arte Coruña, S.L., Auto Arte Coruña, S.L., Auto Arte Galiza, S.L. e Vidrio Arte Galiza, S.L., e Luis Manuel García Rodellino e en consecuencia, debo condenar e condeno solidariamente a Coruñesa de Parabrisas, S.L., Vidrio Arte Coruña, S.L., Auto Arte Coruña S.L., Auto Arte Galiza, S.L. e Vidrio Arte Galiza, S.L., e Luis Manuel García Rodellino, a que lle aboen á demandante a cantidade de 3.7630,10 euros por complemento de salario devindicado durante a súa baixa, incrementadas no xuro do 10 % por mora e aplicable aos conceptos salariais.

Notifíqueselles a presente resolución ás partes facéndolles saber o seu dereito a interpor contra esta recurso de suplicación ante a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal poderán anunciar por comparecencia ou por escrito ante este xulgado no prazo de cinco días a partir da súa notificación.

Advírtaselle ao recorrente que non fose traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros do depósito especial indicado no artigo 229.1.a) da Lei reguladora da xurisdición social na conta aberta na entidade Banesto, a nome deste xulgado, co número 47570000, código 36 e número de expediente, acreditándoo mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, consignar na conta de depósitos e consignacións a nome deste xulgado a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario pola dita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a este xulgado co anuncio de recurso.

En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso no momento de anuncialo.

Dedúzase testemuño literal desta sentenza, que quedará nestas actuacións, con inclusión da orixinal no libro de sentenzas.

Así, por esta a miña sentenza, o pronuncio, mando e asino.

Para que conste e inserir no Diario Oficial de Galicia co fin de que lle sirva de notificación á empresa demandada Coruñesa de Parabrisas, S.L., co apercibimento de que as sucesivas notificacións se realizarán nos estrados do xulgado, agás as que revistan forma de emprazamentos, sentenzas e autos, expido e asino o presente edicto.

A Coruña, 11 de outubro de 2013

María Jesús Hernando Arenas
Secretaria xudicial