Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Martes, 29 de outubro de 2013 Páx. 42481

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 23 de outubro de 2013 pola que se notifica citación para formalización de acta de reversión e recuperación de superficie e instalacións da concesión administrativa outorgada por Resolución do 7 de outubro de 2011 a Racionalización de Servicios Navales, S.L., con destino á ocupación e explotación das instalacións e dos terreos para a varada, reparación e mantemento de embarcacións no porto de Tragove (Cambados).

O 20 de setembro de 2013, o presidente de Portos de Galicia, de acordo coas competencias conferidas polo artigo cuarto da Orde do 30 de marzo de 2012, da Consellería do Medio Rural e do Mar, resolveu declarar a caducidade da concesión administrativa de referencia, o que determina a extinción anticipada da concesión, a reversión da superficie ocupada e das instalacións ao dominio público portuario, e a incautación da totalidade das garantías que, se é o caso, se constituísen para responder da explotación e/ou construción da concesión.

Intentada a notificación da citación para a formalización da acta de reversión a través do servizo de Correos no enderezo do concesionario que consta no expediente sito na Travesía da Coruña, número 4, oficina 8, de Vigo, provincia de Pontevedra, e non sendo posible a súa práctica, de conformidade co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, notifícase mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e exposición no taboleiro de edictos do Concello de Vigo á mercantil Racionalización de Servicios Navales, S.L. (Rasernaval), que o día 7 de novembro de 2013, ás 12.00 horas, formalizarase no lugar da concesión acta de reversión e recuperación gratuítas e libres de cargas para a Administración da superficie e instalacións que integraban a concesión.

Antes do dito acto o titular deberá retirar do espazo portuario todos os materiais, equipos ou instalacións da súa propiedade que non revertan gratuitamente ao dominio público, e de non facelo así, Portos de Galicia efectuará a dita retirada de maneira subsidiaria e á súa custa.

Chegado o termo previsto para a formalización da reversión, e no caso de que non sexa posible a recuperación total ou parcial das instalacións, Portos de Galicia iniciará os procedementos previstos para este caso na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, que aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante.

E para que conste e lle sirva de notificación, e en cumprimento do disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, expido, asino e selo a presente cédula.

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2013

José Ignacio Villar García
Director de Portos de Galicia