Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 205 Venres, 25 de outubro de 2013 Páx. 42138

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 24 de setembro de 2013, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo do núcleo rural do Touzal, na parroquia de San Pedro de Gabín, concello de Montederramo (Ourense).

O Concello de Montederramo remitiu o expediente de delimitación do núcleo rural do Touzal, redactado en abril de 2012 e tramitado ao abeiro do número 2 da disposición adicional 2ª da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (en diante LOUG) solicitando a súa aprobación definitiva.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Montederramo non dispón de ningún instrumento de planeamento xeral municipal e réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a elas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

2. O expediente foi tramitado de acordo co previsto no inciso terceiro do número 2 da disposición adicional segunda e nel constan:

• O sometemento ao trámite de información pública, que se levou a cabo mediante a publicación de anuncios no DOG nº 123, do 28 de xuño de 2012, e nos xornais La Voz de Galicia na data do 14 de xuño de 2012 e Faro de Vigo na data do 4 de xullo de 2012.

• Certificación do secretario municipal do 21 de agosto de 2012 en que se reflicte que no devandito período non se presentaron alegacións.

• Certificado do acordo de aprobación provisional, adoptado polo pleno do Concello na súa sesión do 24 de maio de 2013.

• A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emite informe o 6 de maio de 2013 onde conclúe que o expediente de delimitación do núcleo rural do Touzal non ten afección sobre ningún ben pertencente ao patrimonio cultural de Galicia.

II. Contido.

O proxecto propón unha nova delimitación do asentamento poboacional do Touzal como núcleo rural histórico tradicional cunha superficie de 7.181 m2.

A delimitación fixa as condicións de uso e de edificación nos terreos delimitados e define o trazado viario, asumindo as aliñacións existentes. Non se identifica ningún elemento de valor cultural nin equipamento existente.

III. Consideracións e motivación.

Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello e á vista do informe subscrito pola Subdirección Xeral de Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. Constitúen o solo de núcleo rural as áreas do territorio que serven de soporte a un asentamento tradicional de poboación singularizado, identificable e diferenciado administrativamente nos censos e padróns oficiais. No proxecto remitido queda xustificada a preexistencia e o recoñecemento do núcleo rural do Touzal segundo o nomenclátor de entidades de poboación da provincia de Ourense (Decreto 332/1996, do 26 de xullo).

2. Á vista da ordenación aplicable, a delimitación de solo de núcleo rural histórico-tradicional cumpre cos requisitos establecidos no artigo 13.3.a) da LOUG. O réxime xurídico aplicable aos terreos incluídos na delimitación será o establecido pola LOUG para o solo de núcleo rural.

3. O expediente contén o estudo individualizado do núcleo rural conforme o sinalado no artigo 61.3 da LOUG, así como os planos de delimitación do perímetro do núcleo rural.

4. Nos planos queda reflectido o trazado da rede viaria pública existente, sen existiren espazos reservados para dotacións e equipamentos públicos, e consta a regulación detallada dos usos, volume e condicións hixiénico-sanitarias dos terreos e construcións, así como as características estéticas da edificación e do seu contorno.

3. De acordo co número 2 da disposición adicional segunda da LOUG (modificada pola Lei 15/2004), e a Orde do 11 de maio de 2009, sobre adscrición de órganos e delegación de competencias como consecuencia da entrada en vigor do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleo rural corresponde á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

1. Visto canto antecede, apróbase definitivamente o proxecto de delimitación do solo de núcleo rural do Touzal, na parroquia de San Pedro de Gabín, concello de Montederramo (Ourense).

2. Contra a presente resolución non caberá interpoñer recurso en vía administrativa e pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación, sen prexuízo da formulación, no seu caso do requirimento previo en igual prazo (artigos 44 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa).

3. Notifíquese esta resolución ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2013

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file