Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 24 de outubro de 2013 Páx. 42115

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Baralla

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello, en sesión ordinaria que tivo lugar o 27 de setembro de 2013, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, acordou:

Primeiro. Aprobar inicialmente o Plan de ordenación municipal do Concello de Baralla, nos termos que constan no expediente.

Segundo. Que o plan aprobado inicialmente con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade, sexa sometido:

– Ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, mediante anuncio no DOG e en dous dos xornais de maior difusión na provincia de Lugo.

A realización deste trámite de información pública non se lles notificará aos propietarios de terreos afectados, conforme o disposto no artigo 85 da lei.

O prazo de información pública será de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no DOG.

– Ás consultas previstas no documento de referencia.

– Ao trámite de audiencia, durante o mesmo prazo, aos concellos limítrofes.

Terceiro. Ao mesmo tempo que o trámite de información pública, solicitaránselles ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios.

Cuarto. Suspender o outorgamento de licenzas naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente. A duración máxima da suspensión, segundo o artigo 77 da Lei 9/2002, é de dous anos contados desde a aprobación inicial e en calquera caso extinguirase coa aprobación definitiva do planeamento.

O ámbito de suspensión de licenzas derivado da aprobación inicial do PXOM afecta a totalidade do municipio, salvo naquelas actuacións permitidas simultaneamente no PXOM e nas vixentes normas subsidiarias.

Motívase a suspensión no feito de que as determinacións urbanísticas presentan diferenzas substanciais entre o recollido nas normas subsidiarias e o PXOM aprobado inicialmente. Faise complexa a determinación gráfica das áreas concretas que presentan incompatibilidade de ordenación, debido a que a casuística posible é ilimitada, sendo imposible concretar as áreas de compatibilidade, que dependerán de cada caso, de cada parcela ou mesmo da actuación que se pretende realizar en cada unha delas.

En termos xerais, a suspensión non afectará as solicitudes de obra menor relativas á mera conservación e ás necesarias para o mantemento do uso preexistente que, de ser o caso, se outorgan sen prexuízo da obtención das autorizacións pertinentes.

En todo caso, establécense uns criterios que permitan tratar con maior claridade a confluencia dos dous planeamentos xerais municipais e que, en calquera caso, deberán suxeitarse para cada parámetro urbanístico ou determinación gráfica ás condicións máis estritas establecidas no planeamento que sexa limitativo en cada aspecto que se vai considerar.

En función das clases de solo definidas na lexislación autonómica, así como os contidos que o PXOM lles outorga, establécese:

• Solo urbano consolidado: dado o amplo espectro de tipos edificatorios dunha mesma ordenanza nas vixentes normas subsidiarias, só se suspenderán licenzas naqueles casos en que, aínda que cumpran as vixentes normas subsidiarias, non coincidan coa ordenación proposta no PXOM.

• Solo urbano non consolidado: naqueles ámbitos en que tanto as NSP municipal como o PXOM en tramitación están relegados a un planeamento de desenvolvemento (plans especiais de reforma interior), con independencia de que fosen parcialmente edificados, deberá suspenderse calquera iniciativa de desenvolvemento destes plans, agás o que xa ten iniciada a súa tramitación, e están pendente unicamente da aprobación definitiva, que é recollido no documento do PXOM como plan en tramitación.

• Solo de núcleo rural: unicamente poderán concederse licenzas naqueles núcleos rurais que aparezan delimitados nas vixentes NSP municipal e no documento do PXOM coa delimitación e parcela mínima máis restritiva.

• Solo urbanizable: non se autorizará ningunha iniciativa de planeamento de desenvolvemento.

• Solo rústico: dado que non existe correspondencia entre as categorías de solo rústico (non urbanizable) das NS e as do PXOM en tramitación, as licenzas para actividades ou edificacións nesta clase de solo estarán supeditadas aos correspondentes informes sectoriais, segundo as categorías de solo rústico que establece o PXOM e á autorización autonómica.

Conforme o disposto no artigo 85 da lei, o expediente sométese ao trámite de información pública durante o prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Durante o dito prazo, poderá ser examinado por calquera interesado e poderanse presentar as alegacións que se consideren pertinentes, para o cal estará á súa disposición, no salón de sesións da casa do concello, en horario de atención ao público, de luns a venres, das 9.30 ás 14.30 horas.

Baralla, 4 de outubro de 2013

Manuel Jesús González Capón
Alcalde