Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 203 Mércores, 23 de outubro de 2013 Páx. 41814

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (45/2013).

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento despedimento/cesamentos en xeral 45/2013 deste xulgado do social, seguido por instancia de Paula Novoa Torres contra a empresa Xestión Celular Galega, S.L. Xecega, sobre despedimento, se ditou a seguinte resolución:

Sentenza: 402/2013.

DSP 45/2013-F.

En A Coruña o 1 de xullo de 2013.

Miguel Herrero Liaño, maxistrado do Xulgado do Social número 2 da Coruña, vistos os presentes autos seguidos neste xulgado co número 45/2013 en que foron parte, dun lado, como demandante, Paula Novoa Torres, asistida pola letrada Sra. Carpintero Gamallo, e doutra, como demandada, a empresa Xestión Celular Galega, S.L., que non comparece, sobre despedimento, pronunciou en nome do rei, a seguinte sentenza

Antecedentes de feito:

Primeiro. Paula Novoa Torres presentou, con entrada o día 15 de xaneiro de 2013, ante o xulgado decano demanda que foi repartida a este xulgado fronte á empresa Xestión Celular Galega, S.L., en que despois de expor os feitos e fundamentos que considerou pertinentes, terminaba suplicando que se ditase sentenza pola que se declare que a decisión extintiva adoptada pola demandada constitúe despedimento que debe ser cualificado como improcedente, cos efectos legais pertinentes e á súa opción se acorde a inmediata readmisión da demandante no seu posto de traballo e nas mesmas condicións que rexían con anterioridade ao seu despedimento, así como ao aboamento dos salarios de tramitación devindicados ou a indemnice a razón de 33 días de salario por ano de servizo e se lle aboe tamén a liquidación final por importe de 1.684,20 euros, así como o xuro legal por mora.

Segundo. Admitida a trámite a demanda, convocáronse as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar o 1 de xullo de 2013 coa asistencia da parte demandante, a cal ratificou a súa demanda, sen que comparecese a empresa demandada; recibido o xuízo a proba pola parte demandante, propúxose proba de interrogatorio e documental. Uníronse aos autos, logo de declaración de pertinencia, os documentos presentados, practicándose o resto da proba proposta e admitida co resultado ao que, de ser o caso, se fará mención; seguidamente as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións, quedando o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos seguíronse todos os trámites legais.

Feitos probados:

Primeiro. A demandante prestou servizos para a empresa demandada con antigüidade do 29.5.2012, coa categoría profesional de comercial, cun salario bruto mensual de 1.253,28 euros, con inclusión da parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. A demandante recibe carta de despedimento comunicada por burofax o 27.11.2012, con efectos do 23.11.2012, cuxo contido literal se dá por reproducido (doc. 2 da demanda). Nela exponse que a causa é a de despedimento disciplinario motivado polo baixo rendemento no traballo para o que foi contratada, situación que se vén dando desde o pasado mes de setembro, e que fai caso omiso ás advertencias e requirimentos que lle efectuou a dirección da empresa en varias ocasións. Invócase o artigo 54.2.e) do ET.

Terceiro. A traballadora non é nin foi representante dos traballadores da empresa.

Cuarto. O 11.1.2013 ten lugar ante o SMAC da Coruña acto de conciliación co resultado de sen avinza.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A parte demandante solicita a declaración de improcedencia alegando que os feitos en que se fundamenta o despedimento comunicado non son certos.

Segundo. A anterior relación de feitos quedou acreditada pola proba documental, así como o interrogatorio de parte, tomando en consideración a facultade de apreciar unha ficta confessio recollida nos artigos 91.2 da LRXS e 304 da LAC.

Terceiro. Acreditada a existencia dunha relación laboral, así como o acto de despedimento (extinción), corresponde á empresa xustificar a certeza da causa da procedencia deste (105 da LRXS) e, en caso de non o facer, este debe ser cualificado de improcedente (108 da LRXS), coas consecuencias inherentes a tal declaración.

Como lembra a sala, entre outras, en sentenza do 11 de decembro de 2001 (R. 4561/2001): «(...) é doutrina xurisprudencial reiterada que nos xuízos de despedimento corresponde ao traballador a proba da decisión empresarial de o cesar no seu posto de traballo, por ser o feito constitutivo da súa pretensión. Débese distinguir entre a existencia do despedimento mesmo e a causa que o orixina, pois aínda que a carga de probar esta última circunstancia recae sobre o empresario, a de acreditar a existencia dun acto empresarial que expresa vontade de pór fin á relación laboral é exixible ao traballador demandante como unha mera aplicación do principio recollido no artigo 1214 do Código civil (Sentenza do Tribunal Supremo do 25 de xullo de 1990)».

A extinción da relación laboral na forma descrita na demanda débese entender acreditada en virtude da presentación da carta de despedimento nos autos. A demandada, que non comparece, non acredita proba da veracidade dos feitos aducidos nela.

Acreditada pola parte demandante a extinción, a solución non podía ser outra que a de declaración de improcedencia do despedimento ao non resultar acreditadas as causas afirmadas na carta de despedimento, cos efectos previstos nos artigos 55.4 e 56 do Estatuto dos traballadores.

Cuarto. Polo exposto, e segundo o disposto polos artigos 110 da Lei reguladora da xurisdición social, e 56.1 do Estatuto dos traballadores, débese estimar a demanda, declarando a improcedencia do despedimento.

Como consecuencia da declaración de improcedencia, e do previsto no artigo 56 do Estatuto dos traballadores e nos artigos 123.2 e 110.1 da Lei reguladora da xurisdición social, en relación co artigo 56 do ET, o empresario, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, poderá optar entre a readmisión da traballadora, con aboamento dos salarios de tramitación -é dicir, os salarios deixados de percibir desde a data de despedimento ata a notificación da sentenza que declarase a improcedencia ou ata que atopase outro emprego, se tal colocación fose anterior á dita sentenza e o empresario probase o percibido, para o seu desconto-, ou o aboamento dunha indemnización de trinta e tres días de salario por ano de servizo, rateándose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano ata un máximo de vinte e catro mensualidades.

Resolvo que se estima a demanda formulada por Paula Novoa Torres fronte a Xestión Celular Galega, S.L. e, en consecuencia:

– Declárase improcedente o despedimento da demandante efectuado pola empresa demandada.

– Condénase a empresa demandada a que, no prazo de cinco días desde a data de notificación da sentenza, opte entre a readmisión inmediata da demandante nas mesmas condicións que rexían con anterioridade, con aboamento dos salarios de tramitación desde a data do despedimento, ata a notificación desta resolución, a razón de 41,78 euros diarios, ou ao aboamento dunha indemnización por despedimento a razón de 1.148,95 euros.

O aboamento da indemnización determinará a extinción do contrato de traballo, que se entenderá producida na data do cesamento efectivo no traballo.

No suposto de non optar o empresario pola readmisión ou pola indemnización, enténdese que procede a primeira.

Notifíquese a presente resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o cal se deberá anunciar neste xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución, para o cal abondará a manifestación da parte ou do seu avogado, graduado social ou representante dentro do indicado prazo.

Se o recorrente non goza do beneficio de xustiza gratuíta deberá, ao tempo de anunciar o recurso, ter consignado a cantidade obxecto de condena, así como o depósito de 300 euros na conta de depósitos e consignacións que ten aberta este xulgado, facendo constar no ingreso o número de procedemento.

Así o acorda, manda e asina, Miguel Herrero Liaño, maxistrado do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

E para que sirva de notificación en legal forma a Xestión Celular Galega, S.L. Xecega, en ignorado paradoiro, expido este edicto para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que sexan auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 5 de outubro de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial