Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 16 de outubro de 2013 Páx. 41067

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Portas

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno do Concello de Portas, en sesión ordinaria do 30 de agosto de 2013, conforme o disposto no artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e o disposto no artigo 11 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, e o artigo 7 da vixente Lei 6/2007, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, acordou por maioría absoluta:

1. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Portas, elaborado por OAU Oficina de Arquitectura, Urbanismo y Planificación, SLP, no cal se inclúe o informe de sustentabilidade ambiental (ISA).

2. Someter o dito plan xeral a información pública, cos documentos integrantes do expediente administrativo tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, por un prazo de dous meses, efectuando a publicación dos anuncios correspondentes no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión da provincia (Diario de Pontevedra e Faro de Vigo). Para estes efectos, o período de información pública rematará transcorridos os dous meses desde o día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia. Durante este, todas as persoas interesadas poderán facer uso do seu dereito a consultar os documentos nas dependencias do Concello de Portas, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas, e presentar as alegacións escritas oportunas en horario de oficina.

Simultaneamente ao trámite de información pública, o concello solicitaralles ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios, que deberán ser emitidos no prazo máximo dun mes, agás que a lexislación sectorial sinale outro prazo.

Así mesmo, e durante o prazo de información pública, daráselles audiencia aos municipios limítrofes.

3. De conformidade co sinalado no artigo 77 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o acordo de aprobación inicial determina por si só a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas, nos ámbitos que se relacionan nos parágrafos seguintes. Esta suspensión terá unha duración máxima de dous anos e extinguirase, en todo caso, coa aprobación definitiva do planeamento:

a) En todas as zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres, en calquera clase de solo, agás naquelas zonas que sirvan para a propia execución destes.

b) Nos núcleos rurais suspenderase só naquelas zonas en que non se poidan cumprir as dúas ordenacións ou normativas simultaneamente (normas complementarias e subsidiarias de planeamento (NSP) da provincia de Pontevedra vixentes e PXOM).

c) No solo rústico só se suspenderán as licenzas no caso xeral da alínea a) anterior (zonas afectadas por sistemas xerais ou locais de vías, infraestruturas, equipamentos ou espazos libres) e naquelas zonas en que non se poidan cumprir as dúas ordenacións ou normativas simultaneamente (NSP vixentes e PXOM).

Portas, 6 de setembro de 2013

Roberto Vázquez Souto
Alcalde