Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 16 de outubro de 2013 Páx. 40924

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 8 de outubro de 2013 pola que se divide en sectores independentes a zona de concentración parcelaria de San Martiño-A Armenteira (Meis-Pontevedra).

A concentración parcelaria de San Martiño-A Armenteira (Meis-Pontevedra) foi declarada de utilidade pública, interese social e urxente execución polo Decreto 173/1999, do 27 de maio (DOG nº 111, do 11 de xullo).

O perímetro da zona de concentración parcelaria de San Martiño-A Armenteira (Meis-Pontevedra), comprende as terras dedicadas a prado, labradío e monte das parroquias de San Martiño e A Armenteira.

Os límites da zona son:

Norte: concello de Ribadumia.

Sur: concellos de Poio e Meaño.

Leste: parroquia de San Salvador de Meis.

Oeste: concello de Meaño.

A zona de concentración parcelaria comprende unha superficie total de 1.437,66 ha.

A zona comprende a totalidade do solo rústico das parroquias de San Martiño e A Armenteira, unha vez excluídas as parcelas catalogadas no Plan xeral de ordenación municipal como solo de núcleo rural.

A zona, ademais de ser dunha gran superficie, tamén o é de complexidade, dada a estrutura da propiedade, de 17.319 parcelas, o número de propietarios, que ascende a 2.098, e as grandes diferenzas agronómicas entre as dúas parroquias.

A necesidade de segregación da zona está motivada pola excepcionalidade da súa estrutura orográfica e da propiedade. Na zona pódense distinguir dous sectores claramente diferenciados polo seu potencial agronómico, uso, aproveitamentos, dispersión e identificación da propiedade:

a) Unha zona en que predominan as terras de pequena superficie, dispersas e de sinxela identificación, tanto canto á súa delimitación e propiedade, dedicadas á súa evolución ao cultivo intensivo de hortícolas e viña e que se localizan na contorna dos núcleos rurais e nas agras xa cultivadas da parroquia de San Martiño.

b) Outra zona en que predominan terreos de forte pendente dedicados en exclusiva ao aproveitamento do monte, con gran dispersión da propiedade, de difícil identificación en superficie e canto aos seus titulares. Nesta zona sería preciso un aproveitamento conxunto para facer rendible as explotacións. Esta zona correspóndese co oeste da parroquia da Armenteira.

Por outra banda, a segregación facilitaría o proceso de concentración, axilizando o procedemento, pois podería verse ralentizado dado o gran número de propietarios e elevado número de predios na zona de Armenteira, que podería repercutir negativamente na evolución da zona de San Martiño, zona de cultivos intensivos e viña nas agras e proximidades dos núcleos rurais.

O informe emitido polo Servizo de Infraestruturas Agrarias da Xefatura Territorial desta Consellería en Pontevedra incorporouse ao expediente.

Para que o citado proceso se desenvolva de xeito áxil –o que redunda en beneficio de todos os afectados– e conforme o disposto no artigo 52 bis da Lei de concentración parcelaria para Galicia, oída a xunta local da zona e visto o informe do Servizo de Infraestruturas, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, con data do 16 de agosto de 2013, propuxo a segregación da zona de San Martiño-Armenteira (Meis-Pontevedra) en dous sectores.

Esta consellería é competente para ditar esta orde, de acordo co establecido no artigo 52 bis da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia.

Concorren as excepcionais circunstancias a que se refire o artigo 52 bis da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, na redacción que lle deu a Lei 12/2001, do 10 de setembro:

«Mediante orde do conselleiro competente en materia de agricultura, oída a xunta local da zona, e por sobreviren circunstancias excepcionais debidamente xustificadas polo servizo territorial correspondente, poderase dividir unha zona de concentración en sectores independentes. Neste caso a execución e a publicación dos distintos trámites do proceso poderán realizarse en cada sector con independencia dos restantes».

Por todo o anterior,

RESOLVO:

1. Dividir a zona de concentración parcelaria de San Martiño-A Armenteira (Meis-Pontevedra) nos dous sectores independentes que se indican a seguir:

– San Martiño-Armenteira sector I:

O perímetro da zona sería o formado por:

Parroquia de San Martiño e leste da parroquia da Armenteira, que comprende os lugares de Fornos, Lamas, Saramagoso, A Bandeira, Valiñas, Arosa, Talide, Guimeráns, A Gándara, Os Cruceiros, A Laxe, A Barcia, A Bouza, Gondarei, A Pereira, Caxín, Cabeza de Boi, As Congostras, Gondes, As Pereiras, Castiñeira, Couso, San Amedio, Fofán, Vilar, Cuchín, A Vacariza, Bicaño, Valdedeus, Valboa e O Busto.

Esta zona comprende os seguintes polígonos:

1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8, 9, 10, 11, 12, 14, 15, 16, 17, 18, 19, 20, 21, 22, 23, 24, 25, 28, 29, 32, 33, 34, 35, 36, 37, 38 e parte dos polígonos 26, 31 e 41.

Os límites desta zona son:

Norte: concello de Ribadumia.

Sur: montes da Armenteira.

Leste: parroquia de San Salvador de Meis.

Oeste: concello de Meaño e montes da Armenteira.

Superficie que se vai concentrar: 833,85 ha.

– San Martiño-A Armenteira sector II:

O perímetro da zona sería o formado por:

Montes da parroquia da Armenteira, que comprende as paraxes de Castro da Armenteira, Monte de Vea, Caldeliñas, Caldeiriños, Carbadoiro, Tomada dos Campos, Tomada Grande, Tomada Nova, As Tuxeiras, Alto do Leixo, Tomada da Lagoa e Barallosa.

Esta zona comprende os seguintes polígonos:

27, 30, 39, 40, 42, 43, 44, 45, 46, 47 e parte dos polígonos 26, 31 e 41.

Os límites desta zona son:

Norte: San Martiño-A Armenteira.

Sur: concellos de Poio e Meaño.

Leste: San Martiño-A Armenteira e parroquia de San Salvador de Meis

Oeste: concello de Meaño.

Superficie que se vai concentrar: 333,22 ha.

2. A execución e publicación dos distintos trámites do proceso poderán realizarse en cada sector con independencia do outro.

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar