Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 198 Mércores, 16 de outubro de 2013 Páx. 40922

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 2 de outubro de 2013, da Presidencia do Consello Galego de Benestar Social, pola que se convoca o procedemento de elección para a representación das entidades prestadoras de servizos sociais da categoría 2 (familia, infancia e menores) no Consello Galego de Benestar Social.

O artigo 40 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece que o Consello Galego de Benestar Social é o órgano superior consultivo e de participación do Sistema galego de servizos sociais e está adscrito ao departamento da Xunta de Galicia competente na materia.

O artigo 5 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, regula a composición do Consello Galego de Benestar Social. Este precepto dispón a representación das entidades prestadoras de servizos sociais neste consello mediante a elección de doce representantes como vogais.

O artigo 6 do Decreto 246/2011 regula o procedemento de elección para a representación das entidades de servizos sociais no Consello Galego de Benestar Social, establecendo a agrupación das áreas de actuación das entidades en tres categorías así como o número de representantes por cada unha delas:

– Categoría 1. Atención e prevención da dependencia, discapacidade e maiores: 4 representantes.

– Categoría 2. Familia, infancia e menores: 4 representantes.

– Categoría 3. Servizos á comunidade e inclusión social, igualdade e outros: 4 representantes.

Actualmente, o Consello Galego de Benestar Social non conta con representación na categoría 2 (familia, infancia e menores), o que levou a que na sesión extraordinaria do Consello se acordase a apertura do procedemento de elección establecido no Decreto 246/2011, para a categoría 2 de entidades prestadoras de servizos sociais.

Polo exposto, de conformidade co establecido na Lei 13/2008, do 3 de decembro, e no Decreto 246/2011, do 15 de decembro, reguladores do Consello Galego de Benestar Social, esta Presidencia

RESOLVE:

Primeiro. Convocar o procedemento de elección para a representación das entidades prestadoras de servizos sociais definidas no artigo 30 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, da categoría 2 (familia, infancia e menores) no Consello Galego de Benestar Social, segundo o procedemento regulado no artigo 6 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación.

Segundo. Considerar que o prazo dun mes a que se refire o artigo 6 do Decreto 246/2011 comeza a contar desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2013

Beatriz Mato Otero
Presidenta do Consello Galego de Benestar Social