Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 197 Martes, 15 de outubro de 2013 Páx. 40706

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 2 de outubro de 2013 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2013, e se procede á súa convocatoria.

O Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle no eixe estratéxico 1 «Xestión do talento» as actuacións de apoio á carreira investigadora, entre as cales se atopa o Programa de apoio á etapa posdoutoral.

A finalidade deste programa é incrementar a incorporación de persoal investigador ao sistema de I+D+i galego fomentando, na súa etapa inicial, a mobilidade internacional para mellorar a súa formación e posibilitando a reincorporación nos axentes que conforman o sistema.

Unha das accións que se propoñen para a consecución destes obxectivos consiste en ampliar a formación do persoal investigador doutor mediante o financiamento, de común acordo coas tres universidades do Sistema universitario de Galicia (SUG), dun contrato de estadía de dous anos no estranxeiro e dun ano nunha universidade do SUG, ao retorno da dita estadía.

Complementariamente nesta convocatoria, de xeito transitorio e co obxecto de non interromper a traxectoria investigadora de persoas que comezaron a súa formación no Plan Incite, facilítase o acceso a un contrato dun ano a investigadores/as co obxecto de dar continuidade á formación do persoal investigador que obtivo unha praza nunha universidade do SUG no programa Ángeles Alvariño do Plan Incite (convocatorias de 2007 ou 2009) permanecendo nel ata o seu remate e completando o seu período de estadía de 24 meses de acordo coa súa respectiva orde de convocatoria.

Ademais, esta convocatoria quere contribuír a reducir o desequilibrio entre homes e mulleres dedicados á investigación no Sistema universitario de Galicia, en cumprimento do compromiso de eliminación de discriminacións entre homes e mulleres que recolle o artigo 1 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de homes e mulleres. Por isto, as axudas que se regulan nesta convocatoria terán en consideración o peso relativo das mulleres nas propostas presentadas, de maneira que se potencie o seu número e a calidade do seu traballo.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procede á convocatoria das axudas de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do ano 2013.

Polo que antecede,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2013 e procede á súa convocatoria.

Estas axudas teñen como finalidade, por unha parte, a ampliación da especialización no estranxeiro de persoal investigador doutor, mediante o financiamento de estadías de investigación posdoutorais e a súa reincorporación a unha universidade do SUG e, por outra, posibilitar a continuación da traxectoria investigadora das persoas que obtiveron unha praza nunha universidade do SUG no programa Ángeles Alvariño do Plan Incite (convocatorias de 2007 ou 2009) permanecendo nel ata o seu remate e completando o seu período de estadía de 24 meses de acordo coa súa respectiva orde de convocatoria. Polo tanto, estas axudas adoptan dúas modalidades:

– Modalidade A: contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG (anexo I).

– Modalidade B: contratos dun ano de duración, sen posibilidade de prórroga, nunha universidade do SUG, dirixidos ao persoal doutor investigador beneficiario dun contrato nunha universidade do SUG do programa Ángeles Alvariño do Plan Incite (convocatorias de 2007 ou 2009), que permanecese nel ata o seu remate e completase o seu período de estadía de 24 meses de acordo coa respectiva orde de convocatoria (anexo II).

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias destas axudas as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas, a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita universidade.

Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten como candidatas persoas co grao de doutor que cumpran na data de peche da convocatoria as condicións que se indican para cada tipo de axuda nos anexos I e II segundo a modalidade a que opten.

Artigo 3. Número, duración e importe das axudas

O número, a duración e o importe das axudas concedidas para cada unha das modalidades serán:

– Na modalidade A: 50 axudas, dun máximo de tres anos, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser a partir do 1 de abril de 2014 ata a data que corresponda segundo as sinaturas dos contratos das persoas seleccionadas, sen que en ningún caso poidan superar a duración máxima de tres anos e que non poderán ser obxecto de prórroga. O importe máximo de cada axuda é de 40.000 euros anuais, con contías variables en función do destino dos dous primeiros anos de estadía, tal e como se describe no artigo 3 do anexo I. A porcentaxe de axudas concedidas para cada rama de coñecemento das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007 (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 12 % dos contratos financiados.

– Na modalidade B: 50 axudas, dun máximo dun ano, que se desenvolverán nas datas que se indiquen na resolución de adxudicación, que terán que ser entre o 1 de decembro de 2013 e o 31 de decembro de 2014, por un importe total máximo de 35.200 euros anuais cada unha delas, de acordo coa desagregación que se describe no artigo 3 do anexo II.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

En ningún caso lle serán exixibles á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

Os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria (pagamento dos contratos, custos sociais e complementos a cada universidade beneficiaria por persoa contratada).

Dos conceptos subvencionables, o importe correspondente ao pagamento dos contratos e aos seus custos sociais poderá estar cofinanciado nunha porcentaxe do 80 % co Fondo Social Europeo, polo que en todo caso se respectarán as condicións da Orde TIN/2965/2008, do 14 de outubro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo FSE durante o período de programación 2007-2013, modificada pola Orde TIN/788/2009, do 25 de marzo.

Artigo 5. Formalización e presentación de solicitudes

As universidades presentarán as solicitudes de xeito individualizado para cada unha das persoas candidatas propostas segundo o modelo normalizado que figura como anexo III (modalidade A) ou anexo IV (modalidade B) desta orde. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia e deberá vir asinada pola persoa representante legal da universidade.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

As solicitudes deberán vir acompañadas da seguinte documentación (ademais da específica que se indica nos anexos I e II para cada tipo de axuda):

a) Declaración das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas ou dos seus organismos ou sociedades (anexo V).

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo V).

c) Consentimento expreso á Administración para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas (que se recolle no formulario de solicitude, anexo III ou IV, segundo corresponda). A reserva que se puider facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou á revogación do acto de outorgamento.

d) Documento asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda aceptando a súa candidatura (anexo VI).

e) Documento asinado polo/a responsable ou coordinador/a do grupo de investigación aceptando a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do grupo (anexo VII).

f) Documento asinado polo/a director/a do departamento manifestando a súa conformidade para a integración no seu departamento da persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo VIII).

g) Declaración opcional da persoa candidata a ser destinataria da axuda do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade (anexo VI).

h) Fotocopia do NIF da persoa candidata a ser destinataria da axuda, só no caso de non autorizar a comprobación dos datos persoais a través do Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que se recolle no anexo VI, ou a fotocopia do pasaporte, no caso de cidadáns non comunitarios que non teñan permiso de residencia en España.

i) Declaración da rama de coñecemento e da área temática ás cales se adscribe a persoa candidata a ser destinataria da axuda (anexo VI).

O prazo de presentación de solicitudes finalizará o 30 de novembro para a modalidade A, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG, e para a modalidade B será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

De conformidade co artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a obriga de presentar a certificación do cumprimento de obrigas coa Administración pública da Comunidade Autónoma, coa Administración do Estado e coa Seguridade Social substituirase por unha declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración.

Artigo 6. Tramitación

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporá a listaxe de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, na internet, no enderezo www.edu.xunta.es (no apartado da Secretaría Xeral de Universidades).

Estas listaxes estarán expostas por un período de 10 días naturais e as persoas interesadas poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros ou falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que a persoa interesada desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, o secretario xeral de Universidades ditará unha resolución pola que se aproban as listaxes definitivas de solicitudes admitidas e excluídas, que se publicará na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de inadmisión da solicitude presentada.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 7. Avaliación e selección

A avaliación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas e a selección das universidades beneficiarias das axudas realizarase segundo os procedementos e a documentación que se sinalan nos anexos I e II desta convocatoria para cada modalidade.

Os resultados desta avaliación faranse chegar á comisión de selección, que lles sumará 2 puntos a aquelas persoas candidatas a ser destinatarias das axudas que superasen a puntuación mínima e que se comprometesen ao emprego da lingua galega na memoria final da actividade. Será a comisión de selección a que elaborará a proposta de resolución de acordo co establecido nesta convocatoria, coas avaliacións correspondentes e coa dispoñibilidade de recursos.

A comisión de selección estará constituída por sete membros:

– A persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente/a da comisión.

– Serán vogais da comisión:

• A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

• A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa en quen delegue.

• Tres persoas de recoñecido prestixio nas principais áreas de coñecemento das solicitudes presentadas a esta convocatoria, nomeadas polo/a presidente/a da comisión de selección.

• Un xefe ou xefa de servizo da Secretaría Xeral de Universidades, que actuará como secretario/a da comisión.

A comisión de selección formulará a proposta de resolución, na cal figurarán de xeito individualizado as universidades beneficiarias, xunto coa relación das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas, especificándose a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo correspondente. Na modalidade A desta orde a comisión de selección elaborará, de ser o caso, unha listaxe de espera en que figurarán as universidades xunto coas persoas candidatas a ser destinatarias das axudas que non acaden a puntuación suficiente para iso, pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola comisión de selección.

No caso de igualdade de puntuación, prevalecerán as mulleres sobre os homes e, de manterse o empate, a persoa candidata a ser destinataria das axudas que obtivese con anterioridade o título de doutor/a polo que foi avaliado/a.

A proposta de concesión formulada pola comisión así como, de ser o caso, a listaxe de espera para posibles substitucións, publicaranse na internet, no enderezo http://www.edu.xunta.es (no apartado da Secretaría Xeral de Universidades). Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 8. Resolución

A competencia para resolver estas axudas correspóndelle á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A comisión de selección elevaralle a proposta de resolución que incluirá, para cada universidade beneficiaria, a relación de persoas seleccionadas co importe da axuda concedida, a listaxe de espera, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Todas as solicitudes serán resoltas no prazo máximo de cinco meses, contados desde a publicación desta orde. A non resolución en prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co previsto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As universidades cuxas solicitudes sexan denegadas ou desestimadas poderán recuperar a documentación presentada no prazo dun ano a partir da publicación da concesión das axudas no Diario Oficial de Galicia. Pasado ese prazo, aquela documentación que non sexa recollida será destruída, agás a que fose obxecto de recurso.

Artigo 9. Aceptación da axuda

A aceptación da axuda supón a publicación na listaxe de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2.d) do Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión Europea.

Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias procederán á vinculación das persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato.

Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e ao seu cofinanciamento polo Fondo Social Europeo.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar de prestación de servizo e á duración do contrato, que deberá ser con dedicación a tempo completo.

A data límite para a sinatura dos contratos, que se establecerá na resolución de adxudicación das axudas, será en todo caso antes do 30 de decembro de 2013 para a modalidade B e do 30 de abril de 2014 para a modalidade A, agás para os cidadáns non comunitarios que será antes do 28 de febreiro de 2014 (modalidade B, sen que isto supoña ampliación da data límite de finalización dos contratos) e do 30 de xuño de 2014 (modalidade A).

A non formalización do contrato dentro do prazo previsto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 10. Libramento da subvención

As universidades como beneficiarias, e como contratantes das persoas seleccionadas, serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa comunitaria e nacional de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

Para proceder ao libramento dos fondos será preciso que a universidade correspondente remita a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

– Copia cotexada dos contratos asinados no prazo dun mes contado desde a súa sinatura.

– As certificacións dos gastos e pagamentos realizados, xunto coas nóminas, recibos de pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social das persoas contratadas, da cal só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de tres meses, quedando sen ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas que non respecten este período.

– Declaración responsable de estar ao día das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración, de conformidade co artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de conformidade co establecido no artigo 11.e) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

– Declaración responsable de que se mantén un sistema de contabilidade separado para os gastos cofinanciados polo FSE.

A documentación indicada nos dous puntos anteriores achegarase consonte a seguinte periodización:

• No caso da modalidade A:

a) Na data límite do 30 de xuño de 2014, a documentación correspondente á mensualidade de abril de 2014.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada, destinados a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao primeiro ano de contrato e aos contratos que efectivamente se enviasen con anterioridade a esta data.

b) Na data límite do 20 de decembro de 2014, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2014 a outubro de 2014, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes aos complementos por persoa contratada pendentes de xustificación no anterior pagamento, logo do envío por parte das universidades dos contratos laborais.

c) Na data límite do 30 de xuño de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2014 a abril de 2015, ambos os dous meses incluídos.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao segundo ano de contrato.

d) Na data límite do 20 de decembro de 2015, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2015 a outubro de 2015, ambos os dous meses incluídos.

e) Na data límite do 30 de xuño de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de novembro de 2015 a abril de 2016, ambos os dous meses incluídos.

Con esta mesma data, deberase remitir copia cotexada dos contratos de retorno realizados ao abeiro do disposto nesta mesma orde.

Coa data do pagamento relativo a esta xustificación libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias, correspondente ao terceiro ano de contrato.

f) Na data límite do 20 de decembro de 2016, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2016 a outubro de 2016, ambos os dous meses incluídos.

g) Na data límite do 30 de xuño de 2017, a documentación correspondente ao período de novembro de 2016 ata a finalización do contrato.

• No caso da modalidade B:

a) Na data límite do 30 de xuño de 2014, a documentación correspondente ás mensualidades de decembro de 2013 a abril de 2014, ambos os dous incluídos.

b) Na data límite do 20 de decembro de 2014, a documentación correspondente ás mensualidades de maio de 2014 a outubro de 2014, ambos os dous meses incluídos.

c) Na data límite do 30 de xaneiro de 2015, a documentación correspondente ao período desde o 1 de novembro de 2014 ata a finalización do contrato.

Nesta modalidade, no mes de decembro de 2013, unha vez recibidos os contratos, libraranse os fondos pertencentes ao complemento por persoa contratada, destinado a cada unha das universidades beneficiarias.

Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 365 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

O posible cofinanciamento co Fondo Social Europeo (FSE) implica que as universidades beneficiarias das axudas deberán cumprir as seguintes obrigas:

1. Achegar copia do contrato, nóminas, recibos de pagamento e boletíns de cotización á Seguridade Social dos contratados.

2. Manter unha separación contable adecuada dos gastos da subvención que facilite a «pista de auditoría», así como conservar a documentación por un período de tres anos a partir do peche do Programa operativo 2007-2013, tal como se define no artigo 89.3 do Regulamento 1083/2006 do Consello.

3. Cumprir as obrigas de información e publicidade establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) nº 1828/2006 e comunicar aos/ás contratados/as o posible cofinanciamento polo FSE do custo subvencionado do contrato.

Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Coa última xustificación, a universidade beneficiaria presentará:

– Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

– Unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renuncie antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.

Poderán realizarse pagamentos parciais á conta da liquidación final nas condicións establecidas na presente orde.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

Artigo 11. Réxime de compatibilidade

As universidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 12. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a universidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá de poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades.

Artigo 13. Incumprimento, reintegros e sancións

O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da universidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Renuncia das axudas e interrupcións

No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral a universidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades, nun prazo mínimo de 15 días naturais antes de que se produza. Deberá ir acompañada dun informe da universidade beneficiaria onde se indique se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na listaxe de espera, sempre e cando suceda dentro do prazo de tres meses a partir da data de resolución de concesión. A persoa substituta quedará suxeita ás mesmas condicións durante o tempo de aproveitamento da axuda.

A situación de baixa por incapacidade temporal, maternidade, risco durante o embarazo, adopción ou acollemento, risco durante a lactación e paternidade suspenderán o cómputo da duración do contrato, logo da solicitude da universidade beneficiaria correspondente nun prazo de 10 días hábiles desde que esa baixa se produza. Neste caso, o tempo interrompido poderá recuperarse sempre que as dispoñibilidades orzamentarias o permitan. En ningún caso a recuperación do tempo interrompido poderá supoñer un aumento do importe da axuda concedida inicialmente e a cantidade correspondente á cota patronal da seguridade social do período prolongado correspóndelle asumila á universidade contratante.

Artigo 15. Control

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderá solicitar un informe ás universidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas, de acordo coa normativa do FSE sobre indicadores de resultado, durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

En ambas as dúas modalidades as persoas contratadas serán sometidas a procesos de avaliación do seu rendemento científico dentro do programa, de acordo coas condicións que se establecen en cada un dos anexos.

Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos autonómicos, estatais e europeos con funcións de control sobre os fondos de cohesión e, en particular, do FSE.

Artigo 16. Dotación orzamentaria

As axudas imputaranse á aplicación orzamentaria 09.40.561B.444.0 correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, na que existe crédito axeitado e suficiente, coa seguinte distribución por anos:

Programa

Modalidade

Crédito (en euros)

2013

2014

2015

2016

2017

Axudas posdoutorais

Modalidade A

1.197.916,67

2.000.000,00

1.849.583,33

712.500,00

Modalidade B

50.000,00

1.567.500,00

142.500,00

Total

50.000,00

2.765.416,67

2.142.500,00

1.849.583,33

712.500,00

Estes créditos poderán redistribuírse entre as diferentes modalidades e anualidades cando o volume de solicitudes presentadas e avaliadas favorablemente así o requira.

Estas axudas poderán estar cofinanciadas nunha porcentaxe do 80 % con cargo ao Programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013 no relativo aos gastos xerados pola contratación que se pagarán con cargo ás anualidades 2013, 2014 e 2015, co fin de respectar a data límite de elixibilidade dos gastos prevista no artigo 56.1 do Regulamento (CE) nº 1083/2006, do Consello. Os complementos ás universidades beneficiarias, de 1.500 e 1.000 € anuais por axuda, non son financiables con FSE. Por iso, as universidades beneficiarias das axudas e as persoas contratadas con cargo a elas deberán cumprir as normas recollidas no Regulamento (CE) nº 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, polo que se fixan normas de desenvolvemento para o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión; no Regulamento (CE) nº 1081/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao FSE e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1748/1999; as normas de información e publicidade dos fondos contidos no Regulamento 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro (L 371/1, DOUE do 27 de decembro de 2006), e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición derradeira primeira

A presente orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde poderase recorrer mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposición derradeira terceira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I
Modalidade A

Artigo 1. Obxecto da axuda

Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2013, co obxecto de ampliar a formación do persoal investigador no estranxeiro con posibilidade de retorno, mediante o financiamento dun contrato dun máximo de dous anos de duración para a realización de estadías no estranxeiro e un contrato de retorno dun ano de duración nunha universidade do SUG.

Artigo 2. Requisitos

As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir na data límite de presentación de solicitudes os seguintes requisitos:

a) Ter o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o título de doutoramento dunha universidade do SUG. Non obstante, as persoas que non acadasen ningunha destas titulacións nunha universidade do SUG tamén poderán optar á axuda, aínda que o número máximo das que se poderán conceder nese suposto non poderá exceder o 10 % do total das concedidas.

b) Estar en posesión do grao de doutor e que este fose obtido en data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2008. Entenderase como data de obtención do título de doutor a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.

A data de obtención do título de doutor/a poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2008, pero igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2006, nos seguintes casos:

Os/as titulados/as que acrediten fidedignamente que se atopaban nalgunha das seguintes circunstancias entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2007: que estaban de baixa maternal, que tiñan a cargo menores de 3 anos ou que tiñan baixo a súa dependencia directa e legal e vivindo ás súas expensas cónxuxe, parella de feito, fillos, ascendentes de 1º grao por consanguinidade ou afinidade ou tutelados por sentenza xudicial firme que teñan discapacidade física, psíquica ou sensorial superior ao 33 %.

No caso de que o título de doutor/a fose obtido no estranxeiro deberá estar homologado segundo o establecido no Real decreto 309/2005, do 18 de marzo, polo que se modifica o Real decreto 285/2004, do 20 de febreiro, polo que se regulan as condicións de homologación e validación de títulos e estudos estranxeiros de educación superior. Para os efectos sinalados nesta alínea terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación.

No caso dos solicitantes que estean en posesión de máis dun doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

c) Non ter sido seleccionado/a nos programas posdoutorais Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal do Plan Incite, nos programas Juan de la Cierva e Ramón y Cajal e non ter gozado con anterioridade de ningunha axuda posdoutoral que recolla estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración.

Artigo 3. Contía, duración e características

O número máximo de contratos que poderán formalizarse con cargo a estas axudas é de 50, por un período máximo de dous anos (fase de estadía), e un terceiro (fase de retorno) sempre que a persoa contratada obteña unha avaliación positiva da fase de estadía, e de acordo coa seguinte distribución:

Na fase de estadía (máximo de dous anos):

– Un total de 32.500 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

– Un total de 36.000 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou Iberoamérica (zona 2).

– Un total de 38.500 € brutos anuais en concepto de salario e custos sociais se o destino principal da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

Por destino principal enténdese aquel no cal a persoa contratada computa un número de días maior en cada ano de contrato.

Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

– Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas. Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada contratado/a da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

Na fase de retorno (máximo dun ano):

– Un máximo de 34.200 euros anuais incluíndo neste importe a retribución brutal anual e o pagamento dos custos sociais.

– Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

A porcentaxe de axudas concedidas para cada rama de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas; Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 12 % dos contratos financiados. A rama de coñecemento será a sinalada nos anexos III e VI.

O período de 24 meses de estadías no estranxeiro deberá aterse ás seguintes normas:

a) Deberá presentarse un plan completo para o período cunha relación detallada das datas e centros de destino. Ademais das sinaturas do/a doutor/a que vaia realizar a estadía e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación deberanse xuntar cartas de aceptación, asinadas por persoas con capacidade para iso, de cada un dos centros de destino.

b) A persoa contratada non poderá realizar a/s estadía/s no seu país de nacemento, de nacionalidade ou naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente ou o de doutor/a que lle deu acceso ao programa.

c) A estadía deberá ser continuada, durante 24 meses, desde o inicio do contrato. Admítese unha periodización en tramos mínimos de seis meses en cada un dos centros receptores e nun máximo de dúas áreas xeográficas diferentes dentro das sinaladas no artigo 3 deste anexo.

d) Unicamente por circunstancias excepcionais sobrevidas poderá modificarse o plan de estadía aprobado, logo de solicitude e informe favorable da universidade en que a persoa está contratada, e coa autorización expresa da Secretaría Xeral de Universidades.

O período de contrato retorno deberá aterse ás seguintes normas:

a) A persoa contratada desenvolverá o seu traballo no grupo e no departamento polos que se realizou a solicitude de axuda.

b) Unicamente por circunstancias excepcionais poderase autorizar un cambio de destino ou área con respecto ao solicitado. Para estes efectos, a universidade beneficiaria deberá solicitar o cambio mediante escrito motivado, xunto coa petición da persoa contratada e o visto e prace dos responsables ou coordinadores do grupo a que inicialmente foi asignada e do novo grupo de acollida, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades, que resolverá ao respecto.

Artigo 4. Formalización das solicitudes

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria, deberá achegarse a seguinte documentación da persoa candidata a ser destinataria da axuda:

a) Fotocopia compulsada do título de doutor/a ou doutro acreditativo de ter alcanzado o dito grao, en que conste a data da súa obtención. No caso de título de doutor obtido no estranxeiro, fotocopia compulsada da homologación ou da solicitude de homologación presentada ante o órgano competente.

b) Fotocopia compulsada do título de licenciatura, grao ou equivalente. Esta documentación unicamente terá que entregarse se o título de licenciatura, grao ou equivalente foi obtido nunha universidade do SUG e o título de doutor nunha universidade de fóra do SUG.

c) Currículum vítae da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado (formato pdf), xunto cos documentos xustificativos dos méritos alegados e as copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos etc., que se citen no currículum vítae. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades poderá solicitar ás universidades os comprobantes dos méritos alegados.

d) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación) das actividades que se propoñen realizar durante a vixencia do programa.

e) Plan de estadía detallado en que se indiquen os períodos de estadía previstos (que deberán ser dun mínimo de seis meses en cada un dos centros seleccionados), a súa duración e os centros de destino escollidos. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e a persoa directora do grupo que figura na solicitude. Para cada un dos centros de destino engadirase carta de aceptación da estadía asinada polo director ou directora do centro ou figura equivalente.

Se a solicitude se presenta en papel, a documentación a que fan referencia as alíneas c), d) e e) debe achegarse en soporte CD ou similar.

f) Declaración responsable de non ter sido seleccionado nos programas posdoutorais Ángeles Alvariño e Isidro Parga Pondal do Plan Incite, nos programas Juan de la Cierva e Ramón y Cajal e non ter gozado con anterioridade de ningunha axuda posdoutoral que recolla estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous o máis anos de duración (anexo VI).

Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 7 desta convocatoria realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.

Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o baremo que se sinala a continuación, sendo preciso obter unha puntuación superior a 60 puntos nesta fase:

1. Publicacións de carácter científico: máximo 40 puntos.

1.1. Libros (con ISBN): máximo 40 puntos. A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.2. Capítulos de libro (con ISBN): máximo 10 puntos en total. A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

1.3. Publicacións en revistas científicas: máximo 40 puntos.

– Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente: máximo 40 puntos.

– Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos): máximo 10 puntos.

– Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores): máximo 1 punto.

2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.

2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos: máximo 20 puntos.

– Proxectos europeos ou internacionais: máximo 20 puntos.

– Proxectos nacionais: máximo 10 puntos.

– Proxectos autonómicos: máximo 5 puntos.

2.2. Participación en contratos de investigación: máximo 10 puntos.

– Contratos con empresas: máximo 10 puntos.

– Contratos coa Administración: máximo 5 puntos.

– Informes técnicos e outros: máximo 2,5 puntos.

2.3. Patentes rexistradas ou en explotación: máximo 10 puntos.

– En explotación: máximo 10 puntos.

– Rexistradas: máximo 2 puntos.

3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 10 puntos.

3.1. Estadías posdoutorais en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a: máximo 5 puntos.

Os comités de expertos só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da/s actividade/s investigadora/s, relacionada/s coa rama de coñecemento e a área temática, levada/s a cabo durante os períodos de estadía.

3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas: máximo 5 puntos.

– Relatorios en congresos internacionais: máximo 5 puntos.

– Relatorios en congresos nacionais: máximo 3 puntos.

– Comunicacións en congresos internacionais: máximo 2 puntos.

– Comunicacións en congresos nacionais: máximo 1 punto.

3.3.Teses de doutoramento dirixidas: máximo 5 puntos.

– Teses dirixidas: máximo 5 puntos.

– Teses codirixidas: máximo 2 puntos.

3.4. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 2,5 puntos. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos relacionados coa rama de coñecemento e a área temática, que non se atopen recollidos nos números anteriores.

4. Plan de estadía e de traballo proposto: máximo 30 puntos.

4.1. Relevancia científica dos centros de estadías propostos: máximo 20 puntos. Valorarase a relevancia científica de cada un dos centros propostos, e a complementariedade entre eles, para o desenvolvemento do plan de traballo da persoa candidata a ser destinataria da axuda.

Terase en consideración a relevancia internacional do centro ou centros propostos establecendo unha gradación segundo a súa adecuación:

– Pouco adecuado: ata 4 puntos.

– Adecuado: desde 4,1 ata 8 puntos.

– Moi adecuado: desde 8,1 ata 12 puntos.

– Excelente: desde 12,1 ata 16 puntos.

Aínda que non é obrigatorio acudir a máis dun centro, considerarase positivo que o candidato ou candidata prevexa esta posibilidade, sempre que a permanencia en cada un deles sexa dun mínimo de seis meses. Outorgaranse ata un máximo de 4 puntos, de acordo coa seguinte distribución:

– A estadía en dous centros distintos achega pouco valor: de 0 a 1 punto.

– A complementariedade entre centros enténdese como elemento de mellora do plan de estadías: de 1 a 2 puntos.

– A complementariedade entre centros considérase óptima: ata 4 puntos.

4.2. Plan de traballo que se vai desenvolver durante a totalidade do programa: máximo 10 puntos. Valorarase a calidade, coherencia e viabilidade do plan de traballo en relación coa súa temática e cos obxectivos que se pretenden alcanzar.

Concederanse ata un máximo de 6 puntos ao plan de traballo durante a fase de estadía (dous primeiros anos do contrato) e de 4 puntos na fase retorno (último ano do contrato).

As solicitudes recibidas agruparanse na correspondente rama de coñecemento, das cinco recollidas no Real decreto 1393/2007, isto é: Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura.

As persoas candidatas ordenaranse por orde decrecente de puntos respectando a porcentaxe de prazas establecida para cada rama de coñecemento no artigo 3 e o máximo do 10 % indicado no artigo 2 deste anexo.

Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento

• Na fase de estadía:

Unha vez cumpridos 21 meses de estadía, as universidades beneficiarias remitirán un informe, xunto cunha memoria asinada pola persoa contratada e polo/a responsable ou coordinador/a do grupo, sobre o grao de cumprimento do plan de estadías. Este informe, ao cal deberán engadirse os certificados de ter realizado a estadía emitidos polos centros receptores, será avaliado pola Secretaría Xeral de Universidades, que poderá contar co asesoramento de expertos externos, e será preciso obter unha avaliación positiva e realizar un mínimo de 21 meses de estadía nesta fase para poder acceder ao contrato na fase de retorno.

• Na fase de retorno:

Unha vez finalizado o contrato, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados no anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto) pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 7. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo co/coa candidato/a seleccionado/a.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos, para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

e) Contratar un seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir o período total de estadía efectiva.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderá recibir bolsas que se convocan para cubrir algunha das accións formativas que vai realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización). Na fase de estadía, as persoas contratadas poderán recibir bolsas de axuda aos gastos de desprazamento e instalación sempre que sexan concordantes e coherentes co plan de estadías aprobado. Nestes casos será preciso que a universidade beneficiaria presente na Secretaría Xeral de Universidades, para a súa autorización se procede, unha breve memoria descritiva da bolsa a que se opta asinada pola persoa contratada, xunto cun informe do/a responsable ou coordinador/a do grupo e outro da propia universidade en que estea contratada, con indicación expresa de que as ditas bolsas son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

4. Presentar unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo.

ANEXO II
Modalidade B

Artigo 1. Obxecto da axuda

Axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, de apoio á etapa inicial de formación posdoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), para o ano 2013, co obxecto de dar continuidade á formación do persoal investigador que obtivo unha praza nunha universidade do SUG no programa Ángeles Alvariño do Plan Incite (convocatorias de 2007 ou 2009) permanecendo nel ata o seu remate e completando o seu período de estadía de 24 meses de acordo coa súa respectiva orde de convocatoria, mediante o financiamento dun contrato dun ano de duración nunha universidade do SUG.

Artigo 2. Requisitos

As persoas que contraten as universidades con cargo a estas axudas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter sido seleccionado para unha universidade do SUG no programa Ángeles Alvariño do Plan Incite (convocatorias de 2007 ou 2009) permanecendo nel ata o seu remate.

b) Ter completado o período de 24 meses de estadía posdoutoral ao final do programa correspondente, de acordo coa súa respectiva orde de convocatoria.

O contrato deberá desenvolverse na mesma área en que a persoa contratada rematou o seu contrato Ángeles Alvariño. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato.

Artigo 3. Contía e duración

O número máximo de contratos que poderán formalizarse con cargo a estas axudas é de 50 por un período máximo dun ano, sen posibilidade de prórroga, e de acordo coa seguinte distribución:

• Un total de 34.200 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

• Un complemento a cada unha das universidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

Artigo 4. Formalización das solicitudes

Ademais da documentación sinalada nas bases da convocatoria deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Currículum vítae da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado (formato pdf), acompañado dos documentos xustificativos dos méritos alegados xunto coas copias de publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos etc., que se citen no CV. Sinalaranse de xeito expreso e detallado as melloras no currículum vítae durante o tempo de contrato no programa Ángeles Alvariño. Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades poderá solicitar ás universidades os comprobantes dos méritos alegados.

b) Plan de traballo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo) das actividades que propón realizar durante a vixencia do seu contrato.

c) Resumo das estadías realizadas para dar cumprimento ás exixencias do programa Ángeles Alvariño 2007 ou 2009 en que se indiquen os períodos de estadía realizados, a súa duración e os centros de destino escollidos. Para cada un dos centros de destino engadirase carta de xustificación da estadía asinada polo director do centro ou figura equivalente. Completarase cun breve resumo (cunha extensión de 1.200-2.000 palabras) sobre os principais obxectivos acadados durante as estadías e o seu grao de aproveitamento.

Se a solicitude se presenta en papel, a documentación a que fan referencia as alíneas a), b) e c) debe achegarse en soporte CD ou similar.

d) Certificado da universidade pola que foi contratado/a ao abeiro do programa Ángeles Alvariño en que se faga constar que a persoa candidata permaneceu no programa ata o seu remate e que cumpriu o requisito de ter realizado 24 meses de estadía posdoutoral ao finalizar o contrato segundo a súa orde de convocatoria.

Artigo 5. Avaliación e selección das solicitudes

A avaliación e selección a que fai referencia o artigo 7 desta convocatoria realizarase, para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo de avaliadores que estará formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e a partir da documentación indicada no artigo 4 deste anexo.

Os avaliadores outorgarán a puntuación correspondente a cada persoa candidata de acordo cos criterios que se recollen na seguinte táboa e será preciso obter unha puntuación superior a 60 puntos:

Criterio

Puntuación máxima

Melloras do currículum vítae durante o contrato Ángeles Alvariño

30

Plan de traballo que se propón

50

Valoración do grao de aproveitamento do plan de traballo levado a cabo nas estadías Ángeles Alvariño

20

Artigo 6. Procedementos de avaliación do rendemento

Unha vez finalizado o contrato, as persoas contratadas serán sometidas a unha avaliación da actividade investigadora desenvolvida. O proceso de avaliación será realizado por un equipo de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema universitario de Galicia, coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lle será requirida ás persoas contratadas. Para obter unha avaliación positiva deberán acadarse os criterios sinalados no anexo I da Resolución do 20 de xullo de 2005 (BOE do 26 de agosto) pola que se establecen os criterios de avaliación do programa I3. O marco temporal comprenderá o conxunto da traxectoria investigadora do persoal contratado, sen exceptuar ningún ano de actividade.

Artigo 7. Dereitos e obrigas

Son obrigas xerais da universidade contratante, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Formalizar un contrato de traballo de duración determinada con dedicación a tempo completo co/coa candidato/a seleccionado/a.

c) Proporcionarlle o apoio necesario e facilitarlle a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

d) Permitir a súa integración nos departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

1. Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

2. Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolva as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

3. Poderán recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que van realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización).

4. Presentar unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, en que se describa o traballo realizado durante a duración do programa. O prazo para a súa presentación será dun mes desde a extinción do contrato de traballo.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file