Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 30 de setembro de 2013 Páx. 38329

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 19 de setembro de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para que as/os mariscadoras/es a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar co obxecto de alcanzar a pensión de xubilación, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

A normativa reguladora da actividade de marisqueo a pé, que comprende o recollido no título IV da Lei 11/2008, do 3 de decembro, de pesca de Galicia, modificada pola Lei 6/2009, do 11 de decembro, no capítulo III do Decreto 425/1993, do 17 de decembro, polo que se refunde a normativa vixente sobre o permiso de actividade pesqueira e marisqueira, modificado polo Decreto 114/2007, do 31 de maio, así como na Orde do 15 de xullo de 2011 pola que se regula o permiso de explotación para o marisqueo a pé, establece que, con carácter xeral, as/os mariscadoras/es a pé deben cesar na súa actividade no mesmo día en que fagan os 65 anos (coa excepción prevista na disposición transitoria quinta do Decreto 425/1993), e serán dados de baixa no censo correspondente. En tales circunstancias poderán solicitar a correspondente pensión de xubilación, de conformidade coa normativa vixente en materia de seguridade social.

Non obstante, existe un colectivo de mariscadoras/es que, ao finalizar a súa actividade profesional por acadar a idade anteriormente indicada, non pode gozar da pensión de xubilación por non ter o período mínimo de cotización requirido pola Seguridade Social.

A Orde TAS/2865/2003, do 13 de outubro, pola que se regula o convenio especial no sistema da Seguridade Social, permite, na actualidade, dar solución e cobertura ás/aos mariscadoras/es que se atopan nesta circunstancia.

A natureza desta figura fai necesario o establecemento de axudas que, con suxeición ao sinalado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitan colaborar no pagamento das cotizacións para completar, mediante a subscrición dun convenio deste tipo, os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, co obxecto de alcanzar unha pensión de xubilación.

De acordo con todo o exposto, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto, en primeiro lugar, establecer as bases reguladoras das axudas para que as/os mariscadoras/es a pé poidan completar os períodos mínimos de cotización ao réxime especial dos traballadores do mar, mediante a subscrición de convenio especial, co fin de alcanzar a pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, e, en segundo lugar, establecer a súa convocatoria para o ano 2013.

2. Estas axudas serán aplicables en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O prazo de vixencia desta orde abranguerá desde o 1 de novembro do ano anterior ao da convocatoria ata o 31 de outubro do ano da convocatoria.

Artigo 2. Beneficiarias/os das axudas

1. Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as/os mariscadoras/es que reúnan os requisitos establecidos no artigo seguinte e que no período comprendido entre o 1 de novembro e o 31 de decembro do ano anterior ao da convocatoria tivesen o permiso de explotación para o marisqueo a pé en vigor ata o día inmediato anterior á data en que cumpran os 65 anos.

Así mesmo, poderán solicitar estas axudas as/os mariscadoras/es que reúnan os requisitos establecidos no artigo seguinte e que no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro do ano da convocatoria tivesen o permiso de explotación para o marisqueo a pé en vigor ata o día inmediato anterior á data en que cumpran os 65 anos e un mes (segundo o disposto na Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema de seguridade social).

2. Igualmente, poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as persoas que, unha vez cumpridos os 65 anos, teñan prorrogado o permiso de explotación, e que, ao finalizar o dito período de prórroga sen volver solicitar unha nova, cumpran os requisitos exixidos para a concesión destas axudas.

3. Tamén poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde as persoas beneficiarias delas na última convocatoria que sigan cumprindo os requisitos necesarios para ser beneficiarias delas, así como aquelas ás que lles fose denegada a axuda na última convocatoria por non cumprir os requisitos necesarios e que si os cumpran na presente convocatoria.

4. Non poderán solicitar estas axudas as persoas que, cumprindo os requisitos necesarios para ser beneficiarias delas nesta convocatoria, fosen beneficiarias nalgunha convocatoria anterior e renunciasen a ela ou se desen de baixa de forma voluntaria no convenio asinado co ISM.

Artigo 3. Requisitos das/os beneficiarias/os

As/os beneficiarias/os deberán:

a) Ter exercido a actividade marisqueira a pé de forma ininterrompida desde o ano 2000 ata a data en que cumpran os 65 anos (ou 65 anos e un mes, segundo o establecido no artigo 2.1) ou ata a data de remate do permiso de explotación no suposto de telo prorrogado cunha idade superior a esta.

b) Non ter ingresos anuais na unidade familiar superiores a 2,5 veces o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM): 18.637,85 euros.

Para estes efectos, entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente, e, se os houber, os fillos menores de 18 anos, con excepción dos que con consentimento dos seus pais vivan independentes deles, e os fillos maiores incapacitados xudicialmente suxeitos a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

c) Estar ao día, con anterioridade a ditarse a proposta e resolución de concesión, nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

d) Asinar un convenio especial coa base mínima do grupo III, tarifa 9, do réxime especial dos traballadores do mar, ou ter asinado convenio especial de base igual ou superior a aquel.

e) Non ser beneficiaria/o de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e non ser perceptora/or de pensión de xubilación ou incapacidade permanente.

f) Non estar incursa/o en prohibición que lle impida ter condición de beneficiaria/o de subvencións.

Artigo 4. Contía e percepción das axudas

1. As/os beneficiarias/os percibirán unha axuda destinada a aboar o importe do convenio especial que deben subscribir coa Seguridade Social. A contía da axuda será igual ao importe do dito convenio, coa limitación dunha contía máxima de 350 € mensuais durante o período a que corresponda a convocatoria.

2. O período subvencionable abranguerá entre o 1 de novembro do ano anterior ao da convocatoria e o 31 de outubro do ano da convocatoria.

En todo caso, os efectos económicos virán determinados pola data de efectos do convenio especial asinado coa Seguridade Social.

Artigo 5. Dotación orzamentaria

1. As axudas concederanse por importe máximo de 330.000 euros e imputaranse á aplicación 12.10.722A.780.0, proxecto 2013 00641, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

2. En todo caso, a concesión das axudas estará subordinada á existencia de crédito adecuado e suficiente. En caso de que o número de solicitudes supere o crédito dispoñible, procederase ao rateo do importe global máximo previsto entre os beneficiarios da subvención, segundo o disposto no artigo 9.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. Así mesmo, prevese a posibilidade de ampliar o crédito en virtude do artigo 31 da Lei 9/2007. Desta maneira, o importe consignado en cada convocatoria poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias sen que iso dea lugar á apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 6. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde.

As persoas que cumpran o requisito referido no artigo 3.a) con posterioridade á publicación desta orde e reúnan todos os demais requisitos nela exixidos, poderán presentar a súa solicitude no prazo dun (1) mes desde a data en que se cumpra tal requisito, e sempre durante a vixencia desta orde.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

2. As solicitudes formalizaranse no anexo I desta orde e deberán xuntar os seguintes documentos:

a) Informe expedido polo Instituto Social da Mariña ou Instituto Nacional da Seguridade Social en que conste o cómputo total (cotizados + asimilados) de días de cotización para efectos de xubilación.

b) Compromiso de subscribir o convenio especial a que se refire a letra d) do artigo 3 co Instituto Social da Mariña (anexo III), ou copia compulsada do convenio especial asinado.

c) Declaración de non ser beneficiario de ningunha outra axuda para a mesma finalidade e de non ser perceptor de pensión de xubilación ou incapacidade permanente e de non estar incurso en prohibición que lle impida ter a condición de beneficiario de subvencións (anexo II).

d) Xustificación dos ingresos da unidade familiar da/o beneficiaria/o, presentada da seguinte maneira:

– Ingresos da persoa solicitante:

1. A presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar.

2. No caso de denegar expresamente a dita autorización, deberá achegar, xunto coa solicitude, unha copia compulsada da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT, relativo ao ano 2012.

– Ingresos dos demais membros que compoñen a unidade familiar:

1. Presentación do anexo VII, debidamente cuberto, autorizando a Consellería do Medio Rural e do Mar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar.

2. No caso de non asinar o citado anexo, deberase achegar, xunto coa solicitude, copia compulsada da declaración do IRPF ou, se é o caso, certificado emitido pola AEAT, relativo ao ano 2012, referidos aos ditos membros da unidade familiar.

En ambos os dous casos, no suposto de que algún dos membros que compoñen a unidade familiar non presentase a declaración da renda, a persoa solicitante deberá achegar, de ser o caso, unha declaración responsable de que os ingresos da unidade familiar non son superiores a 2,5 veces o IPREM segundo o modelo do anexo V.

3. As persoas que percibiron estas axudas na última convocatoria deberán presentar, para beneficiarse desta convocatoria, unicamente os anexos I e II (e V, VI e VII, de ser o caso), debidamente cubertos, salvo que estean nalgún suposto de extinción da axuda.

4. As persoas solicitantes que, entre o 1 de novembro de 2012 e o 31 de outubro de 2013, causasen baixa no convenio especial de forma voluntaria ou por teren pasado á situación de pensionista, deberán comunicar, mediante declaración responsable (anexo VI), a data da dita baixa.

5. As/os solicitantes deberán comunicarlle á Consellería toda variación que se produza na súa situación respecto da Seguridade Social, no prazo máximo dos cinco (5) días hábiles seguintes a aquel en que esta se produza.

No caso de falecemento dalgunha ou dalgún solicitante, este feito deberá ser comunicado polos seus herdeiros, coa maior brevidade posible e dentro dos dez (10) días hábiles seguintes ao falecemento, debendo presentar o certificado de defunción.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos ou documentos coa finalidade de acreditar a identidade da persoa solicitante. Polo tanto, o modelo de solicitude normalizado incluirá unha autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos achegados no procedemento administrativo. No caso de que a persoa interesada non autorice o órgano xestor para realizar esta operación, estará obrigada a achegalos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento e neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. As persoas interesadas presentarán coas súas solicitudes os documentos e as informacións determinados no artigo 7, salvo que os documentos exixidos xa estean en poder de calquera órgano da Administración actuante; neste caso, a persoa solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade.

Artigo 9. Presentación de documentación

1. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo 10. Emenda

1. Unha vez revisadas as solicitudes, poderá reclamarse, en caso de documentación incompleta ou defecto desta, ás/aos interesadas/os para que nun prazo de dez (10) días hábiles remitan cantos datos, documentos complementarios e aclaracións se consideren necesarios para poder resolver o expediente, coa indicación de que, se así non o fixesr, se considerará que desistiron da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Estas reclamacións serán feitas a través de publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, serán publicadas no taboleiro de anuncios da correspondente xefatura territorial e/ou comarcal da Consellería do Medio Rural e do Mar.

2. Sen prexuízo do anterior, en calquera momento do procedemento a Consellería do Medio Rural e do Mar poderá requirir aqueles datos ou documentos complementarios que resulten necesarios para a tramitación e adopción da resolución que proceda.

Artigo 11. Procedemento de concesión e órgano avaliador

1. Polo obxecto e finalidade destas axudas, que se concederán, dentro dos límites orzamentarios, a todas/os as/os beneficiarias/os que reúnan os requisitos exixibles, non será necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas. Este procedemento vai ter a consideración de concorrencia competitiva.

2. A concesión destas axudas tramitarase polo procedemento abreviado establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, polo que non intervirá o órgano avaliador a que se refire a citada norma legal.

3. Unha vez revisadas as solicitudes e comprobado que reúnen os requisitos exixidos na presente orde, a Secretaría Xeral Técnica elaborará a correspondente proposta de resolución, que será remitida ao órgano competente para a resolución destas axudas.

Artigo 12. Resolución e aceptación

1. Segundo o sinalado no artigo 7.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión de subvencións correspóndelle á conselleira do Medio Rural e do Mar, sen prexuízo da delegación prevista na disposición adicional primeira desta orde.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco (5) meses, que se computarán desde a data de publicación desta convocatoria, conforme o sinalado no artigo 23.4 da citada Lei 9/2007 e no artigo 1.2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Conforme o sinalado no artigo 23.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima aos interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

3. A resolución das axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia segundo o establecido no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, así como no taboleiro de anuncios da correspondente xefatura territorial e/ou comarcal da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Os interesados disporán dun prazo de dez (10) días para comunicar a aceptación ou o rexeitamento da axuda nas condicións expresadas na resolución; transcorrido este prazo sen producirse manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada a axuda, segundo dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Recursos

Contra a resolución que se dite, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun (1) mes, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente da orde contencioso-administrativa, que se interporá no prazo de dous (2) meses, contados en ambos os dous casos desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

Para proceder á liquidación da axuda será imprescindible que as/os beneficiarias/os presenten o anexo IV datado e asinado, xustificante acreditativo dos pagamentos das cotas do convenio realizados e, se é o caso, certificacións de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e de seguridade social e de non ter débedas pendentes, por ningún concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias deberán comunicarlle á Consellería calquera modificación das condicións tidas en consideración para a concesión da axuda, no prazo dos (5) cinco días hábiles seguintes a aquel en que esta se produza.

2. As persoas beneficiarias someteranse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectúe a Consellería, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás que a lexislación vixente lles atribúe a outros organismos da Comunidade Autónoma.

3. Igualmente, someteranse ás obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Causas de extinción da axuda

A percepción da axuda extinguirase polas seguintes causas:

a) Por quedar a/o beneficiaria/o comprendida/o, pola realización de actividade, no campo de aplicación de calquera réxime dos que integran o sistema da Seguridade Social.

b) Por adquirir a condición de pensionista de xubilación ou de incapacidade permanente en calquera dos réximes do sistema da Seguridade Social.

c) Por falecemento da/o beneficiaria/o.

d) Por cumprir os requisitos necesarios para causar pensión de xubilación.

e) Pola falta de pagamento das cotas do convenio especial asinado pola/o beneficiaria/o co Instituto Social da Mariña.

Artigo 17. Reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial da subvención concedida, así como do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos supostos establecidos nos artigos 32 e 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para o devandito procedemento de reintegro terase en conta o establecido no capítulo II do título II da mesma lei.

Disposición adicional primeira

1. A conselleira do Medio Rural e do Mar avoca a competencia para a resolución destas axudas, delegada no secretario xeral do Mar en virtude do recollido no artigo 2 da Orde do 30 de marzo de 2012 de delegación de competencias no secretario xeral técnico, secretarios xerais e xefes territoriais da Consellería do Medio Rural e do Mar e no presidente do ente público Portos de Galicia.

2. Delégase no secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural e do Mar a competencia para a resolución destas axudas.

Disposición adicional segunda

A Consellería do Medio Rural e do Mar publicará no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con suxeición a esta orde, indicando o programa e crédito orzamentario a que se imputan, beneficiaria/o, cantidade concedida e finalidade da subvención.

Disposición adicional terceira

En todo o non previsto nesta orde observarase o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposición derradeira

A presente orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file