Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 27 de setembro de 2013 Páx. 38233

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (103/2013).

Susana Varela Amboage, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela, fai saber que no procedemento execución de títulos xudiciais 103/2013 deste xulgado do Social, seguido por instancia de Digna María Castiñeira Rama contra a empresa Mercado Tropical, S.L., sobre despedimento, se ditou decreto con data do 6 de setembro de 2013, cuxa parte dispositiva se xunta:

«Parte dispositiva:

Para dar efectividade ás medidas concretas solicitadas, acordo:

– Requirir de pagamento a Mercado Tropical, S.L., pola cantidade reclamada en concepto de principal e xuros devindicados, de ser o caso, ata a data da demanda e, se non pagar no prazo de dez días, procédase ao embargo dos seus bens na medida suficiente para responder pola cantidade pola cal se despachou execución máis as custas desta.

– Requirir a Mercado Tropical, S.L., co fin de que no prazo de dez días manifeste unha relación de bens e dereitos suficientes para cubrir a contía da execución, con expresión, de ser o caso, das cargas e gravames, así como, no caso de inmobles, se están ocupados, por que persoas e con que título, baixo apercibimento de que, no caso de non o verificar, poderá ser sancionado, cando menos, por desobediencia grave, en caso de que non presente a relación dos seus bens, inclúa nela bens que non sexan seus, exclúa bens propios susceptibles de embargo ou non desvele as cargas e gravames que pesen sobre eles, e poderánselle impor tamén multas coercitivas periódicas.

Notifíquese ás partes e fágaselles saber que, en aplicación do mandato contido no artigo 53.2 da Lei de xurisdición social, no primeiro escrito ou comparecencia ante o órgano xudicial, as partes ou interesados e, de ser o caso, os profesionais designados, sinalarán un domicilio e datos completos para a práctica de actos de comunicación. O domicilio e os datos de localización facilitados con tal fin producirán plenos efectos e as notificacións intentadas neles sen efecto serán válidas ata que non sexan facilitados outros datos alternativos, e será carga procesual das partes e dos seus representantes mantelos actualizados. Así mesmo, deberán comunicar os cambios relativos ao seu número de teléfono, fax, enderezo electrónico ou similar, sempre que estes últimos estean a ser utilizados como instrumentos de comunicación co tribunal.

Modo de impugnación: contra esta resolución cabe recurso directo de revisión, que se deberá interpor ante este órgano xudicial no prazo dos tres días hábiles seguintes ao da súa notificación, con expresión da infracción que contén a xuízo do recorrente (artigo 186 LPL). O recorrente que non teña a condición de traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, deberá facer un depósito para recorrer de 25 euros, na conta 5076 aberta en Banco Español de Crédito, debendo indicar no campo concepto, a indicación “Recurso” seguida do código “31 Social-Revisión”. Se o ingreso se fai mediante transferencia bancaria, deberá incluír tras a conta referida, separados por un espazo coa indicación “Recurso” seguida do “código 31 Social- Revisión”. Se efectúa diversos pagamentos na mesma conta, deberá especificar un ingreso por cada concepto, mesmo se obedecen a outros recursos da mesma ou distinta clase, indicando no campo de observacións a data da resolución contra a cal se recorreu, utilizando o formato dd/mm/aaaa. Quedan exentos do seu aboamento, en todo caso, o Ministerio Fiscal, o Estado, as comunidades autónomas, as entidades locais e os organismos autónomos dependentes deles.

A secretaria xudicial».

Advírtese o destinatario de que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, agás no suposto da comunicación das resolucións que sexan autos ou sentenzas ou cando se trate de emprazamento.

E para que sirva de notificación a Mercado Tropical, S.L., expido este edicto.

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2013

A secretaria xudicial