A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes elevou a correspondente proposta relativa á solicitude de homologación dun contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Rías Baixas. A dita solicitude foi formulada, no que corresponde ao sector produtor, polos representantes das organizacións e asociacións agrarias Xóvenes Agricultores-ASAJA, Sindicato Labrego Galego e Federación Rural Galega-Asociación Galega de Viticultura. Polo que atinxe ao sector elaborador, a proposta veu avalada polas asociacións Asociación de Adegas do Salnés, Asociación Marcas Rías Baixas e Asociación Empresarios Bodegueros Rías Baixas, así como polas seguintes adegas: Viña Almirante, S.C.G.; Bodegas Eidosela, S.C.G. e Bodegas Martín Códax, S.A.U.
A dita proposta faise de conformidade co disposto na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, e de acordo cos requisitos previstos no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o seu regulamento, e co fin de que os operadores do sector dispoñan dun instrumento útil para dotar de transparencia o mercado mellorando a concorrencia neste.
Tendo en conta que o ámbito de aplicación do contrato proposto non supera o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e en virtude do artigo 149.3º da Constitución, que establece a supletoriedade do dereito estatal,
DISPOÑO:
Artigo 1. Homologación do contrato tipo da D.O. Rías Baixas
Homológase o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Rías Baixas, cuxo texto figura no anexo desta disposición.
Artigo 2. Período de vixencia
O período de vixencia da homologación deste contrato tipo será as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2013
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar
ANEXO
Contrato de compravenda de uva para a súa transformación en viño
na D.O. Rías Baixas
Campañas 2013, 2014 e 2015
..., ... de... de 20...
Reunidos:
Dunha banda, ..., de agora en diante o/a vendedor/a, con NIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., e que actúa en nome propio.
E doutra..., de agora en diante o/a comprador/a, con NIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., representado por..., con NIF nº..., con capacidade para a formalización deste contrato en virtude de documento do... de... de 20... no cal adquire apoderamento da empresa, inscrito no Rexistro Mercantil de... cos seguintes datos....
Recoñécense ambas as partes capacidade e lexitimación para formalizaren este contrato e fano conforme as seguintes
Estipulacións:
Primeira. Obxecto do contrato
A compravenda de uva de vinificación das variedades albariño e caíño branco apta para a súa transformación en viño amparado pola D.O. Rías Baixas producida nas parcelas que se establecen como anexo I a este contrato, inscritas no Rexistro de Viñas do Consello Regulador; e que reúnan as seguintes condicións:
1. Condicións aplicables:
a) Grao alcohólico probable (% vol.): maior ou igual que 11.
b) Acidez máxima (g/l de ácido tartárico): 11,8. Este parámetro pode ser revisado en función da media que se acade segundo o estudo que faga a Comisión de Seguimento no mes de setembro.
2. Cantidade máxima: a correspondente aos metros cadrados que figuran no anexo I.
Se a uva non reúne algunhas das condicións expostas anteriormente, o/a comprador/a non estará obrigado a comprala.
Segunda. Duración do contrato
A vixencia deste contrato comeza o día da súa sinatura e remata o 31 de decembro de 2015, sendo revisable anualmente dentro do ano natural e antes da floración.
Este contrato poderá ser rescindido antes do 31 de xullo de cada ano, por mutuo acordo das partes. Este acordo será notificado á Comisión de Seguimento nun prazo de 7 días.
Terceira. Especificacións técnicas
O vendedor só poderá utilizar produtos fitosanitarios autorizados polo rexistro do ministerio correspondente, cumprindo sempre a normativa de rastrexabilidade vixente; tampouco poderá exceder as doses máximas recomendadas e debe respectar os prazos de seguranza de cada produto e a normativa de aplicación ao respecto.
Antes da vendima, os asinantes do contrato poderán comprobar o estado e a calidade dos froitos, para o cal poden tomar mostras, de cuxo resultado deben informar a outra parte.
Cuarta. Prezo
O prezo total que se aplicará neste contrato para uva que cumpra as especificacións da normativa reguladora da D.O. será o resultado de aplicar ao prezo libremente pactado entre as partes no anexo II o importe das primas por grao que se definen no anexo III deste contrato.
Con anterioridade suficiente á vendima de cada ano revisaranse as primas de acordo coas circunstancias que as partes consideren.
Quinta. Condicións de facturación e pagamento
O vendedor está obrigado a entregar factura ao comprador antes de que transcorran 30 días desde a recepción efectiva da mercadoría, conforme o artigo 4.1 da Lei 3/2004, na redacción dada polo Real decreto lei 4/2013, sendo a dita data o último día da entrega, co IVE correspondente e na cal figurará a cantidade de uva e o prezo pactado.
As cantidades monetarias resultantes do cumprimento deste contrato pagaranse nos prazos que as partes establezan no anexo IV do contrato.
Sexta. Recepción, control e imputabilidade de custos
A cantidade de uva correspondente a este contrato será entregada na súa totalidade na adega ou nalgún dos puntos de recepción máis próximos ao das parcelas do/a vendedor/a, instalados para o efecto polo/a comprador/a. O control da calidade e peso do froito efectuarase no momento da entrada na adega ou punto de recepción. Poderá estar presente, para efectos deste control, unha persoa habilitada para o efecto polo/a vendedor/a. No caso de discrepancia entre as partes sobre as condicións de calidade do produto marcadas neste contrato, recorrerase a un/unha técnico/a designado polos interesados. Os gastos ocasionados correrán a cargo da parte que estivese errada na súa apreciación.
Sétima. Comisión de Seguimento
O control, seguimento e vixilancia do cumprimento do presente contrato, para os efectos dos dereitos e obrigas de natureza privada, serán realizados por unha comisión de seguimento constituída para o efecto. A dita comisión terá personalidade xurídica de seu e constituirase sen ánimo de lucro e con carácter representativo e composición paritaria entre os representantes dos produtores e das adegas da D.O. asinantes da solicitude de homologación do contrato-tipo a que se axusta este contrato.
A Comisión de Seguimento recibirá os contratos para a súa homologación ata o 30 de novembro de cada campaña.
Oitava. Indemnizacións
Salvo os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistros, situacións catastróficas ou adversidades climatolóxicas producidas por causas alleas á vontade das partes, o incumprimento deste contrato para os efectos de entrega ou recepción da uva dará lugar a unha indemnización da parte responsable á parte afectada dun 25 % do valor da produción, sempre que no dito incumprimento se aprecie a decidida vontade de desatender a obriga contraída, apreciación que poderá facerse pola correspondente Comisión de Seguimento, dentro dos trinta días seguintes á recepción do comunicado pola parte afectada. O prazo para a comunicación da parte afectada polo incumprimento do contrato á Comisión de Seguimento de tal circunstancia será de 20 días naturais desde que se produce tal incumprimento.
Para o cálculo da indemnización usaranse os informes publicados, ao final da campaña, polo Consello Regulador da D.O. Rías Baixas relativos ás producións e graos medios da subzona en que estea/n inscrita/s a/s parcela/s deste contrato.
A consideración dunha situación de forza maior poderá ser constatada pola citada comisión, para o cal recibirá aviso da parte afectada dentro do mesmo prazo anteriormente establecido.
Novena. Arbitraxe
Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato e que non puider resolverse de mutuo acordo, ou pola Comisión de Seguimento a que se fai referencia na cláusula sétima, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.
De conformidade con canto antecede, e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e na data expresados no encabezamento deste contrato.
Asdo. O/a vendedor/a Asdo. O/a comprador/a
ANEXO I
Identificación de parcelas obxecto deste contrato
Concello |
Lugar |
Nome parcela |
Polígono |
Parcela-subparcela |
Superficie ha-a-ca |
Variedade |
ANEXO II
Prezo inicial
Variedade |
Prezo €/K |
Albariño Caíño branco |
ANEXO III
Primas por grao
Grao |
11,0 |
11,1 |
11,2 |
11,3 |
11,4 |
11,5 |
11,6 |
Coeficiente |
1,00000 |
1,00000 |
1,01176 |
1,01176 |
1,02353 |
1,02353 |
1,03529 |
11,7 |
11,8 |
11,9 |
12,0 |
12,1 |
12,2 |
12,3 |
12,4 |
1,03529 |
1,04706 |
1,04706 |
1,05882 |
1,07059 |
1,08235 |
1,09412 |
1,10588 |
12,5 |
12,6 |
12,7 |
12,8 |
12,9 |
13,0 |
1,11765 |
1,12941 |
1,14118 |
1,15294 |
1,16471 |
1,17647 |
ANEXO IV
Condicións de pagamento
Pagamento |
Porcentaxe |
Data |
Primeiro |
||
Segundo |
||