Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 17 de setembro de 2013 Páx. 36709

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba a proposta motivada do Concello de Baiona de determinación de todo o municipio de Baiona como zona de grande afluencia turística.

Vista a solicitude presentada polo Concello de Baiona para a determinación do dito concello como zona de grande afluencia turística, de acordo co disposto no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, a Consellería de Economía e Industria ten en consideración os seguintes

Feitos:

Primeiro. Con data do 18 de xuño de 2013 ten entrada escrito do Concello de Baiona en que solicita da Consellería de Economía e Industria que declare a totalidade do municipio de Baiona como zona de grande afluencia turística para os efectos da aplicación do réxime especial de horarios previsto no capítulo III da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e autorice, en concreto, a apertura de todos os domingos nos meses de xullo e agosto en horario de 9.00 a 22.00 horas.

Xunto coa solicitude, o Concello de Baiona achega proposta motivada aprobada por maioría absoluta do Pleno, así como informe favorable da cámara de comercio do ámbito territorial afectado e da Asociación de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios Rías Baixas. Así mesmo, achega informe desfavorable por parte da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona e a xustificación de ter dado audiencia ás organizacións sindicais máis representativas.

Segundo. Con data do 25 de xuño de 2013, a Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía e Industria achega á Axencia Turismo de Galicia copia da documentación, ao tempo que solicita informe sobre o devandito expediente de acordo co disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro.

Terceiro. Con data do 27 de xuño de 2013, a Axencia Turismo de Galicia emite informe favorable sobre esta cuestión.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de comercio a resolución dos expedientes de solicitude de autorización comercial autonómica, de conformidade co establecido no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia.

Segundo. A determinación das zonas de grande afluencia turística realizarase conforme o procedemento e requisitos establecidos no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, en que se sinala:

Artigo 9. Determinación das zonas de grande afluencia turística

1. Para determinar as zonas de grande afluencia turística, exceptuadas do réxime xeral, é precisa a proposta motivada do Concello directamente afectado, que será aprobada por maioría absoluta do pleno, a cal deberá especificar se a exclusión se pide para a totalidade do municipio ou só para unha parte deste, e indicar o período ou os períodos do ano a que se circunscribe a solicitude e mais a franxa horaria de apertura diaria solicitada, e á que deben achegarse os seguintes informes:

a) Informe da cámara de comercio do ámbito territorial afectado.

b) Informe das asociacións ou agrupacións de comerciantes retallistas máis representativas do sector comercial no ámbito territorial afectado.

c) Informe das asociacións de consumidores e usuarios máis representativas no ámbito territorial afectado.

d) Informe das organizacións sindicais máis representativas no ámbito territorial afectado.

2. A consellería competente en materia de comercio é o órgano que ten atribuída a competencia para aprobar ou denegar a proposta a que se refire o número 1, logo do informe preceptivo da dirección xeral competente en materia de turismo.

3. De proceder a modificación da resolución ditada, con base na necesidade obxectiva dos consumidores, abrirase de novo o procedemento establecido no número 1 coa participación das asociacións e organizacións sinaladas nela e cos informes preceptivos do concello, se é o caso, e da dirección xeral competente en materia de turismo.

4. A proposta a que se refire o número 1 considerarase aprobada de non se ditar resolución expresa no prazo tres meses, contados desde a súa presentación, xunto con toda a documentación preceptiva.

5. A declaración de zona de grande afluencia turística, para os efectos desta lei, terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

6. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellaría competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Terceiro. O artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, sinala con carácter básico:

4. Para os efectos do establecido no número 1, as comunidades autónomas, por proposta dos concellos correspondentes, determinarán as zonas de grande afluencia turística para o seu respectivo ámbito territorial. Consideraranse zonas de grande afluencia turística aquelas áreas coincidentes coa totalidade do municipio ou parte del en que concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) Existencia dunha concentración suficiente, cuantitativa ou cualitativamente, de prazas en aloxamentos e establecementos turísticos ou no número de segundas residencias respecto ás que constitúen residencia habitual.

b) Que teña sido declarado patrimonio da humanidade ou no que se localice un ben inmoble de interese cultural integrado no patrimonio histórico artístico.

c) Que limiten ou constitúan áreas de influencia de zonas fronteirizas.

d) Celebración de grandes eventos deportivos ou culturais de carácter nacional ou internacional.

e) Proximidade a áreas portuarias en que operen cruceiros turísticos e rexistren unha afluencia significativa de visitantes.

f) Que constitúan áreas cuxo principal atractivo sexa o turismo de compras.

g) Cando concorran circunstancias especiais que así o xustifiquen.

Cuarto. A proposta motivada do Concello de Baiona, aprobada por maioría absoluta polo Pleno da Corporación local, sinala como xustificación da solicitude as seguintes razóns:

«Baiona foi o primeiro municipio galego que recibiu a distinción de municipio de excelencia turística. Durante o período do devandito plan realizáronse unha serie de actuacións co obxecto de converter a vila no escaparate turístico de Galicia, incrementar os niveis de calidade ofertados ao turista, mellorar a calidade de vida dos veciños e visitantes e acadar un desenvolvemento sustentable e equilibrado.

Do mesmo xeito, Baiona foi declarada polo Consello da Xunta de Galicia municipio turístico galego o día 7 de maio de 1999 e publicado no DOG nº 102, do 31 de maio de 1999.

Unha serie de feitos endóxenos condicionan o desenvolvemento turístico da nosa vila:

– A importancia histórica de Baiona, primeiro porto do vello continente, que tivo coñecemento do encontro entre os dous mundos o 1 de marzo de 1493, feito que é lembrado todos os anos cunha celebración declarada de interese turístico.

– A riqueza patrimonial do municipio vén determinada polas súas cinco parroquias, polo conxunto arquitectónico da Fortaleza de Monterreal e o seu contorno e, de xeito especial, pola súa zona histórica, que por Decreto 48/1993, do 25 de febreiro, foi declarado ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico artístico e elementos exteriores recollidos na declaración.

– A súa riqueza natural e paisaxística, en que destacan a serra da Groba, o estuario do Miñor e as illas Estelas, declarada Zona Zepa dentro do convenio Ramsar e incorporado á Rede Natura 2000, así como a ría de Baiona, coa obtención de bandeiras azuis nas súas praias e no porto deportivo do Monterreal Club de Yates de Baiona durante diversos anos.

– O seu patrimonio cultural e etnográfico, que en todas as parroquias permite coñecer e gozar de importantes tradicións dos nosos antepasados.

– O peso fundamental do sector turístico na nosa economía, sobre todo a raíz da posta en servizo do Parador Nacional de Turismo Conde de Gondomar.

Doutra banda, nos últimos anos e en todos os destinos turísticos, gaña importancia a posta en marcha de políticas e estratexias que buscan acadar que o desenvolvemento turístico sexa sustentable e equilibrado:

– Calidade no destino, auspiciada polas administracións central e autonómica e englobada dentro do Plan integral de calidade do turismo español (PICTE), e definidas no Sistema integral de calidade turística española en destino (SICTED).

– Promoción de destino, definida polas administracións autonómica e central, en que a marca España verde é fundamental para lograr a nosa proxección internacional.

– Defensa do noso contorno e protección da calidade de vida dos nosos veciños e visitantes, cumprindo cos obxectivos definidos na Carta de Aalborg de cidades sustentables, como paso fundamental no desenvolvemento do proceso de posta en marcha da Axenda Local 21 de Baiona e da súa declaración como municipio sustentable.

– Así como as diversas declaracións, políticas, estratexias e medidas tomadas polos organismos internacionais, en particular pola Organización Mundial do Turismo (OMT), en canto a lograr que o feito do turismo incida de xeito positivo no incremento da calidade de vida da poboación residente, no contorno e no favorecemento dos intercambios culturais respectuosos entre os pobos.

Dos espectáculos que tradicionalmente se celebran en Baiona destaca a representación teatral da Arribada da Carabela Pinta, posta en escena durante a Festa da Arribada, que conmemora a chegada da Carabela Pinta o día 1 de marzo de 1493 ao porto de Baiona, coa nova do descubrimento de América, e que foi declarada festa de interese turístico nacional.

Na vila ten a súa sede o Monterreal Club de Yates, prestixioso club de vela internacional, situado no recinto da fortaleza de Monterreal, pode acoller no seu peirao arredor de trescentas embarcacións.

Ao longo do ano celébranse diferentes competicións. Destacan o Trofeo Príncipe de Asturias, que reúne case 100 barcos no mes de setembro, a regata Match-Race Open de España e a Copa de Inverno-Liga Galega de Clubs.

Feito significativo foi a súa participación, como único club español, na regata máis prestixiosa do mundo: a Copa América. Para a ensinanza deste apaixonante deporte dispón dunha escola de vela.

Contamos tamén co novo Porto Deportivo de Baiona, situado no Paseo Afonso IX, o cal ten unha reserva de máis de 300 puntos de atracada, un dique flotante de máis de 180 metros de lonxitude, rampla de varadoiro, medios de izada e escola de vela.

Todo isto motiva que Baiona sexa un gran punto de atractivo turístico, cunha poboación en temporada estival que chega a quintuplicarse. De acordo cos datos da memoria de actividades turísticas do Concello de Baiona, en 2012 recibiu un total anual de 116.357 persoas. Este incremento de poboación, que se concentra fundamentalmente nos meses de xullo e agosto, presupón un volume importante de consumidores que necesitan abastecerse de produtos e implica unha maior carga de traballo das superficies comerciais, tanto do pequeno comercio retallista como das grandes superficies, polo que se considera que a ampliación da liberdade de horarios terá efectos positivos sobre a produtividade e a eficiencia na distribución comercial retallista e os prezos, e proporcionará ás empresas unha nova variable que permitirá incrementar a competencia efectiva entre os comercios».

Quinto. O informe para a determinación do Concello de Baiona como zona de grande afluencia turística do 27 de xuño de 2013, emitido pola Axencia Turismo de Galicia sinala:

«O Decreto 196/2010, do 27 de setembro, crea a Axencia Turismo de Galicia, como axencia publica autonómica, e establece como o seu obxectivo o de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

O Concello de Baiona conta coa declaración de municipio turístico galego, acordada polo Consello da Xunta na súa reunión do día 7 de maio de 1999.

O Concello de Baiona fundamenta a súa proposta de determinación de zona de grande afluencia turística nunha serie de feitos endóxenos que condicionan o seu desenvolvemento turístico, entre os que destacan:

• A súa importancia histórica.

• A súa riqueza patrimonial, de xeito especial destaca a súa zona histórica declarada ben de interese cultural con categoría de conxunto histórico artístico e elementos exteriores recollidos na declaración.

• A súa riqueza natural e paisaxística, da que forman parte a serra da Groba, o estuario do Miñor, as illas Estelas e a ría de Baiona.

• O seu patrimonio cultural e etnográfico.

• Así como o peso fundamental do sector turístico na economía do concello, sobre todo a raíz da posta en servizo do Parador Nacional de Turismo Conde Gondomar.

No concello ten a súa sede o Monterreal Club de Yates, club que participou na regata Copa América. Ao longo do ano acóllese a celebración de diferentes competicións, entre as que destacan o Trofeo Príncipe de Asturias, a regata Match-Race Open de España e a Copa de Inverno-Liga Galega de Clubs.

Todo isto motiva que o Concello de Baiona constitúa unha zona de grande afluencia turística, cuxa poboación en temporada estival, fundamentalmente xullo e agosto, chega a quintuplicarse, segundo os datos que constan na memoria de actividades turísticas do Concello.

Con base no exposto, emítese informe favorable sobre a determinación do Concello de Baiona como zona de grande afluencia turística, ao abeiro do disposto no artigo 9.2 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia».

Vistos os precedentes citados, especialmente o disposto no artigo 5.4 da Lei estatal 1/2004, do 21 de decembro, de horarios comerciais, na redacción dada polo Real decreto lei 20/2012, do 13 de xullo, ao ter en conta a declaración como ben de interese cultural da zona histórica de Baiona por Decreto 48/1993, do 25 de febreiro, e o feito de que a súa poboación en temporada estival, fundamentalmente xullo e agosto, chega a quintuplicarse,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a proposta motivada do Concello de Baiona de determinación de todo o municipio de Baiona como zona de afluencia turística, de acordo co establecido no artigo 9 da Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia, e autorizar a apertura de todos os domingos nos meses de xullo e agosto, en horario de 9.00 a 22.00 horas.

Segundo. A declaración de zona de grande afluencia turística terá unha vixencia de cinco anos, prorrogables por idénticos períodos, sempre e cando quede acreditada para cada caso a persistencia das causas que motivaron a autorización inicial. Así que sexa aprobada será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. Se desaparecesen as causas que motivaron a declaración de zona de grande afluencia turística, a consellería competente en materia de comercio procederá á revogación dela, logo de audiencia das organizacións que se sinalan no número 1, correspondentes ao concello afectado. Así mesmo, poderanse solicitar os informes oportunos da dirección xeral competente en materia de turismo.

Contra esta resolución, que é definitiva na vía administrativa, caberá interpoñer, se é o caso, recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación (artigo 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común); ou ben, directamente, recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data (artigo 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-adminitrativa), sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren procedente.

Comuníquese aos interesados.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2013

P.D. (Orde do 30.4.2009; DOG nº 87)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria