Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Martes, 10 de setembro de 2013 Páx. 35756

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica no concello de Mugardos (expediente IN407A 164/2012).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: alimentación LMTS, avda. Yáñez Badía-Bombeo, As Lagoas.

Situación: Concello de Mugardos.

Características técnicas:

Liña eléctrica de media tensión subterránea, a 15/20 kV, cunha lonxitude de 0,868 km, con orixe nos empalmes proxectados coa LMTS, CTS, RBTS Franza-Mugardos (expediente 91/2011), no tramo entre a subestación Vilar do Colo (expediente 52701 e o CT Catro Camiños), condutor tipo RHZ1-2OL-12/20 kV, 3 (1×240 mm² Al), e final no CS bombeo As Lagoas que instalará o cliente (entrada e saída).

Resultando os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución do 2 de outubro de 2012 esta xefatura territorial someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa do dito proxecto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no DOG do 5 de novembro de 2012 e no BOP do 22 de outubro de 2012.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar a bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Remitíronse separatas aos seguintes organismos:

– Á Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, que amosou a súa conformidade con condicionantes que foron aceptados pola empresa promotora.

– Ao Concello de Mugardos, que achegou informe desfavorable do 31 de outubro de 2012 manifestando que o proxecto carece das imprescindibles autorizacións sectoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que poidan condicionar as condicións técnicas do proxecto.

Esta xefatura territorial deulle traslado do dito informe a Unión Fenosa Distribución, S.A. quen alegou que o 25 de outubro de 2012 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas prestou a súa conformidade a esta obra con informe favorable e que de acordo co establecido no artigo 120 p.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, as autorizacións a que se refire ese título serán outorgadas sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e o ambiente, solicitando a continuación na tramitación regulamentaria do expediente.

– A contestación de Unión Fenosa Distribución, S.A. foi trasladada de novo ao Concello de Mugardos xunto cunha copia do informe favorable da Consellería de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas, ratificándose o dito concello no informe desfavorable xa emitido anteriormente.

– Tras analizar o expediente, o persoal técnico desta xefatura territorial emitiu informe no que estimaba o envío deste expediente ao Consello da Xunta para a súa aprobación, debido ao informe desfavorable do Concello de Mugardos, e de acordo co establecido no artículo único 1.c) do Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

– O 18 de xuño de 2013 esta xefatura remitiu o expediente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para envialo ao Consello da Xunta, quen procedeu a devolver o dito expediente a esta xefatura territorial xunto cun informe do 22 de xullo de 2013 onde se indica que non procede o seu envío ao Consello dado que o artigo único 1. c) Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, se refire a que compete autorizar o Consello da Xunta de Galicia cando o peticionario e mais a Administración, organismo ou empresa de servizo público ou de servizos de interese xeral afectada que emitiu o condicionado manteñan a discrepancia «en canto ás condicións técnicas establecidas nel» e o órgano competente para autorizar a instalación eléctrica non acepte as ditas condicións. Neste caso, o informe do Concello de Mugardos non establece ningunha condición técnica, carece de fundamento e non fai referencia a ningunha normativa nin a qué ámbito competencial se refiren as autorizacións da Consellería de Medio Ambiente a que se refire.

– Cómpre indicar que esta xefatura territorial xunto coa Dirección Xeral de Enerxía e Minas entenden que de acordo co establecido no artigo 120.2 do Real decreto 1955/2000, este tipo de autorizacións son outorgadas «sen prexuízo das concesións ou autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables, e en especial as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente», epígrafe onde xa queda recollido o condicionado do concello.

De acordo con todo o anteriormente exposto e cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar e aprobar o proxecto de execución da dita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e o ambiente.

A instalación executarase nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

Contra esta resolución poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 9 de agosto de 2013

Por ausencia (Artigo 39.3 Decreto 324/2009; DOG nº 117, do 17 de xuño)
Isidoro Martínez Arca
Xefe do Servizo de Administración Industrial