Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 9 de setembro de 2013 Páx. 35557

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 28 de agosto de 2013 pola que se modifica a Resolución do 11 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para que acrediten a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transportes por Estrada.

O Decreto 251/1998, de 10 setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, dispón, no seu artigo 13, que a composición das distintas seccións do comité será revisada cada 4 anos.

Tendo en conta que a última revisión da composición do Comité Galego de Transportes por Estrada (a partir deste momento, o Comité) se realizou no ano 2009, procedía comezar coa súa renovación, motivo polo que se ditou a Resolución do 11 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocaron as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para que acreditasen a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transportes por Estrada.

No punto cuarto da dita resolución establecéronse unha serie de requisitos que deben ser achegados polas asociacións e federacións que desexan formar parte do Comité.

Na medida en que parte desa documentación, respecto das asociacións e federacións que desexan formar parte do Departamento de Transporte de Mercadorías, é accesible para esta Administración a través de sistemas informáticos, procedemos a ditar a presente resolución que modifica a anterior e que exime as ditas federacións e asociacións de achegada.

En consecuencia, modifícase o punto cuarto, número 1, letra b, da Resolución do 11 de xullo de 2013, de xeito que, no caso do Departamento de Mercadorías, non será precisa a achega das matrículas, ao constar estas nos sistemas informáticos utilizados por esta Administración.

Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2013

Miguel Rodríguez Bugarín
Director xeral de Mobilidade