Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 9 de setembro de 2013 Páx. 35555

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 27 de agosto de 2013 pola que se amplía a dotación orzamentaria para a concesión de axudas ao abeiro da Orde do 1 de abril de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013.

O día 7 de maio de 2013 a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicou no Diario Oficial de Galicia número 87 a Orde do 1 de abril pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a pequenas e medianas empresas de Galicia para o financiamento de proxectos relacionados coa prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental na nosa comunidade autónoma, e se fai pública a súa convocatoria para o ano 2013.

No seu artigo 21 precísanse as aplicacións orzamentarias e o importe económico previsto para o financiamento das ditas axudas e sinálase que as dotacións iniciais se poderán incrementar.

A súa dotación orzamentaria ascende á cantidade de 2.417.906,00 € para o ano 2013.

Tendo en conta o elevado volume de solicitudes que se están a recibir, esta cantidade resulta insuficiente, polo que, co fin de dar o maior grao de cobertura a todas as solicitudes de axudas destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cómpre, mediante esta orde, ampliar a dotación orzamentaria para a concesión das ditas axudas.

Na súa virtude, e facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, de conformidade co previsto na Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e demais normativa concordante e de desenvolvemento,

ACORDO:

Ampliar a dotación da Orde do 1 de abril de 2013, publicada no Diario Oficial de Galicia número 87, do 7 de maio, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás pemes para o financiamento de actuacións destinadas á prevención, protección, mellora e coñecemento ambiental, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, con cargo ás dispoñibilidades orzamentarias existentes na aplicación 07 03 541D 770.0 por importe de 838.626,00 €.

Como resultado desta ampliación, o orzamento total asignado á presente orde ascende ás seguintes cantidades:

Ano 2013: 3.256.532,00 €.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas