Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Venres, 6 de setembro de 2013 Páx. 35508

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Traballo e Benestar

ANUNCIO do 30 de agosto de 2013, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar, polo que se empraza a interesada para ser notificada por comparecencia da resolución de expediente sancionador por infracción en materia de servizos sociais.

Na data do 21 de agosto de 2013 ditouse resolución no expediente sancionador 76-2013, seguido contra Galicia Saudade, S.L. pola comisión de infraccións en materia de servizos sociais.

Unha vez intentada a notificación da dita resolución por correo certificado con xustificante de recepción no enderezo que consta no expediente, foi devolto polo servizo de Correos. Por tanto, e de acordo co disposto nos artigos 59.5 e 61 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, mediante este anuncio notifícaselle a resolución a interesada e fáiselle saber que unha copia dela está á súa disposición nas dependencias da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais, informándoo de que contra a dita resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso potestativo de reposición ante a Consellería de Traballo e Benestar no prazo dun mes, de conformidade co disposto no artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de 2 meses, de conformidade co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contados ambos os prazos a partir do día seguinte ao desta publicación.

No caso de estar conforme con esta resolución, deberá facer efectiva a multa no seguinte prazo: 1) se a notificación se realiza entre os días 1 e 15 do mes, desde a data da notificación ata o día 20 do mes posterior ou, se este non for hábil, ata o inmediato hábil seguinte, e 2) se a notificación se realiza entre os días 16 e último do mes, desde a data da notificación ata o día 5 do segundo mes posterior ou o inmediato hábil seguinte. O pagamento voluntario porá fin ao expediente. De non facelo así, procederase ao seu cobramento pola vía de constrinximento.

Santiago de Compostela, 30 de agosto de 2013

María Jesús Lorenzana Somoza
Secretaría xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar

ANEXO

Expediente: 76/2013.

Entidade infractora: Galicia Saudade, S.L., con CIF B36445641.

Último enderezo coñecido: avenida Rosalía de Castro nº 5, 1º D, concello de Ponteareas.

Acto de notificación: resolución do expediente sancionador.

Data da resolución: 21.8.2013.

Infraccións e preceptos infrinxidos:

– Unha infracción moi grave das tipificadas no artigo 82.e) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, polas infraccións tipificadas como graves cando a súa comisión provoque danos ou prexuízos de difícil ou imposible reparación para as persoas usuarias de servizos sociais, ou cause unha importante deterioración ou un prexuízo social.

– Unha infracción grave das tipificadas no artigo 81.a) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, polo inicio, a modificación substancial ou o cesamento de actividades dun centro, servizo ou programa carecendo da autorización administrativa correspondente.

– Tres infraccións graves das tipificadas no artigo 81.a) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, polo inicio, a modificación substancial ou o cesamento de actividades dun centro, servizo ou programa carecendo da autorización administrativa correspondente.

– Unha infracción grave das tipificadas no artigo 81.k) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, por obstruír o labor inspector.

– Unha infracción grave das tipificadas no artigo 81.f) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, por desatender as necesidades básicas de atención ou de avaliación e o seguimento das persoas usuarias, de acordo cos requirimentos do seu plan individual de atención.

– Unha infracción leve das tipificadas no artigo 80.a) da Lei 13/2008, do 3 de decembro, por irregularidades de carácter formal no cumprimento da normativa vixente en materia de servizos sociais.

Precepto sancionador: artigos 83.1.a), b) e c), así como o artigo 83.2 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Sanción imposta: multa por importe total de 34.007 euros, como resultado das seguintes sancións: multa de 15.001 euros pola infracción moi grave tipificada no artigo 82.e), multa de 3.001 euros por cada unha das catro infraccións graves tipificadas no artigo 81.a), multa de 3.001 euros pola infracción grave do artigo 81.k) e multa de 1.000 euros pola infracción leve tipificada no artigo 80.a), todos eles artigos da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Competencia: artigos 88.2 e 3 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.