Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 4 de setembro de 2013 Páx. 35134

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2013 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) que aproba as bases polas que se regulan os límites, condicións e procedementos para a tramitación de solicitudes de novacións significativas nos préstamos concedidos por este instituto nos diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002.

O Consello de Dirección do Igape, na súa xuntanza do día 22 de xullo de 2013, acordou, por unanimidade dos membros asistentes, aprobar as bases polas que se regulan os límites, condicións e procedementos para a tramitación de solicitudes de novacións significativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases polas que se regulan os límites, condicións e procedementos para a tramitación de solicitudes de novacións significativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002.

Segundo. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2013

Javier Aguilera Navarro
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica

Bases polas que se regulan os límites, condicións e procedementos
para a tramitación das solicitudes de novacións modificativas nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002

O Decreto 133/2002, do 11 de abril, habilitou o Igape para conceder préstamos ou créditos a favor de empresas domiciliadas en Galicia, para o apoio a emprendedores e ao financiamento de producións audiovisuais. Os ditos ámbitos foron ampliados mediante os decretos 154/2004, do 7 de xullo, e 174/2007, do 6 de setembro, e habilitouse o Igape para a concesión de préstamos de acordo cos requisitos e características establecidos nos programas que con carácter xeral, para tal efecto aprobe.

O dito Decreto 133/2002 establecía no seu artigo 6, que o prazo máximo de amortización dos préstamos non superaría os 7 anos, límite que foi modificado mediante o Decreto 45/2009, do 2 de febreiro, pasando este a ser de 12 anos.

Ao abeiro destes decretos instrumentáronse distintos programas, adaptados aos ámbitos de actuación, condicións financeiras e prazos máximos de reembolso que, no seu momento, a normativa en vigor permitía.

No actual contexto de crise, moitos dos proxectos apoiados con estas liñas de préstamo non obtiveron os resultados esperados, e sufriron desviacións moi relevantes respecto ás previsións dos plans de negocio que sustentaron as decisións de investimento e financiamento.

Así, en moitos proxectos que na actualidade poderían continuar sendo sendo viables, a capacidade de reembolso cos recursos xerados polas actividades económicas resulta insuficiente para cumprir cos prazos de reembolso comprometidos no seu momento co Igape.

Á dita insuficiencia de recursos engádese a complexa situación do sistema financeiro, que dificulta a negociación das beneficiarias cando promoven reestruturacións de débedas. Nestes procesos de reestruturación é habitual a exixencia de que todos os acredores financeiros, entre os que se inclúe o Igape, actúen de xeito coordinado, sen estipular prazos de pagamento que subordinen ou dean prioridade aos reintegros a un acredor sobre os demais.

Nestas circunstancias, resultan frecuentes as solicitudes de modificación dos calendarios de amortización dos préstamos e resulta necesario conceder prazos adicionais e modificar as condicións financeiras para tratar de evitar, na medida do posible, que a situación derive en procesos de insolvencia, e se poidan soster as actividades empresariais e os postos de traballo.

As diferentes normativas polas que o Igape puxo en marcha os programas de préstamos, incluían rixideces en canto a condicións financeiras e prazos, máis limitados que o estipulado no decreto actualmente en vigor, e non regulaban os procedementos de tramitación daquelas solicitudes que, motivadas pola incapacidade de reembolso por parte das beneficiarias nos prazos comprometidos, supuxesen flexibilizar os calendarios de cumprimento das obrigas.

En virtude destes antecedentes, o Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do 22 de xullo de 3013, adopta o acordo de aprobar as seguintes bases polas que se regulan os límites, condicións e procedementos para a tramitación de solicitude de novación nos préstamos concedidos polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) nos diversos programas instrumentados ao abeiro do Decreto 133/2002, do 11 de abril, de regulación da concesión de préstamos polo Igape, e as súas modificacións.

Primeira. Requisitos

Poderán acollerse a estas bases aquelas empresas debedoras do Igape e titulares de operacións de préstamo que foran concedidas ao abeiro de calquera das seguintes normativas:

– Resolución do 26 de abril de 2002 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección que establece un programa de préstamos para financiar producións audiovisuais na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Resolución do 24 de marzo de 2003 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Igape, que establece un programa de préstamos para financiar proxectos emprendedores na Comunidade Autónoma de Galicia.

– Resolución do 25 de abril de 2005 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape que establece un programa de préstamos para financiar proxectos en materia de innovación tecnolóxica en la Comunidade Autónoma de Galicia.

– Resolución do 12 de decembro de 2007 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape que establece un programa de préstamos para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimentos (BEI).

– Resolución do 16 de marzo de 2009 pola que se fai público o acordo do Consello de Dirección do Igape que establece un programa de préstamos para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos do Banco Europeo de Investimento (BEI).

– Resolución do 22 de marzo de 2011 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba o Programa de préstamos do Igape para financiar proxectos de investimento na Comunidade Autónoma de Galicia con fondos del Banco Europeo de Investimentos (BEI).

Segunda. Condicións

2.1. O Igape poderá conceder novacións modificativas dos préstamos en vigor, axustándose aos prazos máximos establecidos polo Decreto 133/2002, do 11 de abril, e ás súas posteriores modificacións.

2.2. As novacións modificativas que sexan autorizadas levarán consigo, en todos os supostos, un incremento nos tipos de xuro aplicados.

2.2.1. O novo tipo de xuro ordinario aplicable será o resultado de agregar ao tipo ordinario actualmente pactado una marxe adicional, que será expresamente establecida no acordo de concesión, de conformidade aos seguintes criterios:

a) No caso de concederse unha carencia na amortización de principal, por cada 6 meses de carencia ou fracción de período semestral, a marxe adicional será de 25 puntos básicos.

b) No caso de incrementarse o prazo de vixencia do préstamo, o tipo nominal anual aplicable incrementarase, por cada ano de vixencia adicional, en 25 puntos básicos adicionais.

No caso de concederse conxuntamente prazos de carencia de amortización e incrementos no prazo de vixencia, o tipo de xuro nominal anual será o resultado de agregar ao tipo inicialmente aplicable as marxes adicionais sinaladas nos puntos a) e b) anteriores.

2.2.2. O novo tipo de xuro de demora será o resultado de sumar 600 puntos básicos ao tipo de xuro ordinario.

2.3. Con carácter xeral, as novacións modificativas non poderán supoñer un cambio nas garantías constituídas a favor do Igape, salvo as oportunas inscricións de modificación de prazo de vixencia das hipotecas ou prórrogas na vixencia dos avais.

2.4. As modificacións concedidas poderán considerar a condonación de xuros de demora, cando concorran os seguintes supostos:

a) Que fosen solicitadas con anterioridade ao vencemento das cotas do principal non pagadas.

b) Que a titular aboe ao Igape un importe equivalente aos xuros ordinarios vencidos con anterioridade á instrumentación da novación.

c) Que así se recolla expresamente no acordo de concesión da modificación.

2.5. As modificacións concedidas poderán considerar a capitalización dos seguintes conceptos:

a) A totalidade do principal vencido e non pagado.

b) Ata un máximo do 80 % dos xuros ordinarios vencidos en non pagados.

c) Ata un máximo do 60 % dos xuros de demora vencidos.

As restantes débedas vencidas deberán ser ingresadas con carácter previo á instrumentación da novación.

2.6. As modificacións concedidas poderán considerar periodicidades de amortización e de liquidación de xuros diferentes aos establecidos inicialmente.

2.7. As modificacións concedidas poderán supoñer a modificación ou inclusión de novas cláusulas de amortización anticipada obrigatoria en función dos beneficios futuros, e limitacións na repartición de dividendos da sociedade titular.

Terceira. Tramitación

3.1. As titulares dos préstamos interesadas deberán presentar as súas solicitudes preferiblemente por vía electrónica a través da instancia de solicitude normalizada co IDE (anexo I), accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns ao servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando a instancia de solicitude normalizada (anexo I) co IDE, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, acompañada da documentación establecida no artigo 3.3, en orixinal ou copia cotexada.

Para achegar xunto coa instancia de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF. A aplicación informática permitirá anexar estes arquivos en formato PDF sempre que cada arquivo individual non supere os 4 MB. No caso de que un documento PDF ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño. Calquera outro formato de arquivo distinto do PDF non será aceptado pola aplicación informática nin será considerado como documentación presentada.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que, coa súa sinatura, abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro de 2004, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) A presentación ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia admite a sinatura da solicitude por parte dunha soa persoa física. No caso de que deba ser asinada por máis dunha persoa (por exemplo solicitudes con dous asinantes, representación mancomunada etc.), deberá necesariamente anexar un documento en que se deixe constancia de que todos os asinantes autorizan un deles para presentar a solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

d) Unha vez asinada a instancia de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia.

e) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación.

f) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso, o solicitante deberá acceder á web do Igape no enlace tramitación telemática, para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos na Lei 11/2007, do 22 de xuño (BOE nº 150, do 23 de xuño).

3.2. Os solicitantes poderán obter, en todo momento, un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no formulario. Deberano solicitar no enderezo de correo electrónico informa@igape.es, indicando os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación informática para xerar un formulario modificado cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

3.3. Documentación que se debe acompañar:

a) Memoria xustificativa da petición, asinada por representante da empresa, na que se exporán os motivos da modificación solicitada, a situación do proxecto, as principais desviacións respecto ao plan inicial e as perspectivas futuras no negocio.

b) Descrición do cadro de persoal actual, expectativas de emprego. Descrición de expedientes de regulación de emprego presentados nos dous últimos anos, vixentes e/ou previstos.

c) Copia das contas anuais correspondente ao último exercicio pechado. Balance e conta de resultados actual asinados por representante da empresa.

d) Cadro de posicións de endebedamento financeiro actualizado, no que se especifiquen todas as operacións vixentes por entidade financeira, indicando vencementos, cantidades vencidas adebedadas e garantías constituídas a favor de cada entidade.

e) Informe CIR do Banco de España cunha antigüidade non superior a 90 días á data de solicitude. No caso de existir discrepancias entre o dito informe e o cadro de posicións de endebedamento financeiro citado na letra c) anterior, detalle descritivo das ditas diferenzas.

f) Relación de aprazamentos formalizados e ou débedas vixentes coas administracións públicas.

g) No caso de que as outras entidades financeiras acredoras concedesen ou estean valorando a posibilidade de refinanciar ou conceder flexibilidade en prazos, comunicación por parte destas ao respecto.

h) Nota simple rexistral actualizada do estado de cargas, no caso de garantías reais.

O Igape poderá solicitar ademais calquera outra documentación complementaria que considere oportuna, establecéndose un prazo máximo de 15 días para a remisión desta por parte da empresa desde a data de requirimento, de non terse presentado no dito prazo, o Igape procederá ao arquivo da solicitude.

3.4. A Área de Financiamento do Igape emitirá informe técnico ao que se lle incorporará un anexo coa redacción das cláusulas modificativas ou adicionais elaborado polos servizos xurídicos do IGAPE.

Será competente para resolver a súa concesión o Consello de Dirección do Igape por proposta da súa dirección xeral.

No acordo de concesión da modificación, farase constar o novo prazo, os calendarios de amortización e liquidación de xuros, as débedas que se capitalizan, os novos tipos de xuro aplicables, as obrigas e compromisos adicionais e todas aquelas outras condicións que sexan obxecto de modificación. No caso de existir discrepancias entre o concedido e o solicitado, farase constar as motivacións.

O acordo denegatorio será motivado.

3.5. O Igape notificaralle ao solicitante a concesión ou denegación da solicitude. O prazo máximo para notificar a resolución do procedemento será de tres meses a partir da data de presentación da solicitude completa no Igape, transcorrido o cal o solicitante poderá ter por desestimada a súa solicitude. O citado prazo poderá ser suspendido nos supostos establecidos no artigo 42.5º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.6. A prestameira terá un prazo de 4 meses desde a notificación da aprobación para a súa instrumentación, transcorrido o cal decaerá a concesión e arquivarase o expediente, salvo xustificación que motive a concesión dunha prórroga do dito prazo.

Todos os gastos, honorarios, taxas e impostos que a instrumentación da modificación supoña serán, pola súa conta, e será a encargada de liquidar a escritura ou póliza notarial de modificación e, se é o caso, xestionar a súa presentación nos rexistros competentes.

A dita escritura ou póliza notarial deberá ser presentada ao Igape unha vez liquidada e, se é o caso, inscrita, nun prazo máximo de 6 meses desde a data de formalización. En caso contrario, o acordo de modificación quedará sen validez, manténdose o calendario de amortización inicial e devengándose os xuros de demora das cotas que non foran atendidas conforme aquel.

missing image file
missing image file