Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 168 Mércores, 4 de setembro de 2013 Páx. 35131

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de agosto de 2013 pola que se acorda a cesión en propiedade de material informático propiedade da Consellería de Traballo e Benestar a favor da Fundación Monte do Gozo.

A Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, permite a cesión de bens mobles da comunidade autónoma sempre que se dediquen a fins de utilidade pública ou interese social e a súa afectación ou explotación non se xulgue previsible.

O Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 3/1985, do 13 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, que mantén a súa vixencia no que non resulte incompatible coa vixente Lei 5/2011, mentres non entren en vigor as disposicións de desenvolvemento desta, exixe que a orde de cesión exprese a finalidade concreta á cal a entidade beneficiaria debe destinar os bens, así como as súas condicións.

A Fundación Monte do Gozo, entidade sen ánimo de lucro, ten por obxecto a atención integral aos colectivos marxinados ou en estado de necesidade e a aqueles en situación de exclusión social, así como a prevención, formación, educación, rehabilitación e reinserción, apoio e intermediación no ámbito penitenciario, xurídico e xudicial ás persoas con problemas de adicción, ás súas familias e aos colectivos de risco (e dentro destes especialmente ao traballo con menores, mulleres inmigrantes e discapacitados físicos e psíquicos).

A Consellería de Traballo e Benestar é propietaria de material informático, catorce pantallas de visualización para ordenador, procedente da Dirección Xeral de Emprego e Formación.

Para tal fin, a Consellería de Traballo e Benestar tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto nos artigos 84 e seguintes da Lei 5/2011, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96.bis do regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo.

Polo exposto e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 83.3. da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da cesión

Acórdase a cesión en propiedade a favor da Fundación Monte do Gozo de catorce pantallas de visualización para ordenador, cuxas características son as seguintes

Cantidade

Marca

Modelo

1

Airis

L-171

1

Airis

L-170

1

Airis

L-169

1

Airis

L-168

1

Airis

A150X1

1

Ibm

Think Vision 9417-AB9

3

Inves

VT5M71

2

Lg

Flatron 1750-GN

1

Philips

HN58170T

1

Samsung

Syncmaster 172-A

1

Sony

SDM-S73

Artigo 2. Réxime da cesión

As cesións sinaladas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) Os bens cedidos, tal como establecen os artigos 84 e seguintes da Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, destinaranse a fins de utilidade pública ou interese social da entidade Fundación Monte do Gozo. Concretamente, destinaranse ao traballo diario encamiñado a formación profesional ocupacional das persoas en tratamento nos seus centros, co fin de favorecer as posibilidades de inserción no mercado laboral das persoas en risco de exclusión social.

b) Coa cesión outórgaselle á entidade a propiedade dos bens mobles cedidos.

c) Se os bens cedidos non se aplicasen aos fins sinalados, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor do detrimento ou deterioración que experimentasen.

d) Serán por conta da entidade cesionaria todos os gastos de conservación e mantemento dos bens mobles cedidos.

Artigo 3. Formalización

As ditas cesións formalizaranse mediante acta subscrita pola secretaria xeral técnica desta consellería ou funcionario en quen delegue, e debe constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar para ditar e realizar as resolucións e trámites necesarios para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde terá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar