Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 3 de setembro de 2013 Páx. 35059

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Bueu

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno da Corporación Municipal do Concello de Bueu, na súa sesión extraordinaria que tivo lugar o 31 de xullo de 2013, adoptou, por maioría absoluta, o seguinte acordo:

1º. Aprobar inicialmente o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Bueu presentado pola Oficina de Planeamiento, S.A., adxudicataria do contrato de servizo para a redacción do PXOM de Bueu, mediante escritos con r.e. número 1649/13, do 25.3.2013; nº 4116/13, do 17.7.2013 e nº 4233/2013, do 23.7.2013.

2º. Someter o plan inicialmente aprobado, cos documentos integrantes do expediente administrativo tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, ás consultas previstas no documento de referencia e a información pública durante un prazo de dous (2) meses, mediante anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais de maior difusión na provincia. Simultaneamente, daráselles audiencia aos municipios limítrofes.

Non será necesaria a notificación do trámite de información pública ás persoas propietarias dos terreos afectados.

Ao tempo do trámite de información pública, a Administración municipal deberá obter das administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios, que deberán de ser emitidos no prazo máximo dun mes, salvo que a lexislación sectorial sinale outro prazo.

3º. Suspender os procedementos para o outorgamento de licenzas no conxunto do termo municipal onde o Plan xeral de ordenación municipal que se tramita contén determinacións diferentes ás contidas na ordenación urbanística vixente nas áreas de solo que se determinan no documento resumo executivo que forma parte da documentación do PXOM aprobado inicialmente que se reflicten nos planos números 1.1, 1.2, 1.4, 1.5 e 1.7 do citado documento.

Non obstante, poderán outorgarse licenzas nos seguintes casos:

a) Solo rústico, sempre que simultaneamente se cumpran as condicións do plan vixente e as do plan aprobado inicialmente, aplicando para o primeiro o establecido na disposición transitoria primeira f) da LOUGA.

b) Solo urbano das normas subsidiarias municipais vixentes clasificado no plan aprobado inicialmente como de solo urbano ou de núcleo rural naqueles ámbitos que, tendo normas zonais similares desde o punto de vista tipolóxico, cumpran simultaneamente as condicións do planeamento vixente e do plan aprobado inicialmente, sen prexuízo do establecido para o solo de núcleo rural pola disposición transitoria primeira e) da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) Poderán outorgarse licenzas para realización de obras de conservación, mantemento e/ou reforma en edificios existentes, coas excepcións establecidas polo plan aprobado inicialmente e pola vixente lexislación para os edificios en situación de fóra de ordenación por total incompatibilidade segundo o definido no artigo 179 da súa normativa urbanística.

Quedan excluídas da suspensión os ámbitos de planeamento urbanístico que o plan xeral incorpora á ordenación consonte as seguintes disposicións derradeiras do documento inicialmente aprobado:

a) A modificación puntual das normas subsidiarias de Bueu no cuarteirón delimitado polas rúas Montero Ríos, Eduardo Vincenti, Pazos Fontenla e Johán Carballeira, aprobada definitivamente con data do 2 de maio de 2003, seguirá vixente, e as súas determinacións incorpóranse ao plan xeral.

b) A Modificación puntual das normas subsidiarias municipais de Bueu no ámbito das antigas instalacións de Conservas Alonso, aprobada definitivamente con data do 18 de agosto de 1998, seguirá vixente e as súas determinacións incorporaranse ao plan xeral.

O que se fai público en cumprimento do ordenado e para os efectos oportunos, en cumprimento do disposto no artigo 85.2 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 11 do Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo, coa indicación de que o plan inicialmente aprobado, cos documentos integrantes do expediente administrativo tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental, se somete a un período de consultas e de exposición ao público polo prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no DOG, dentro do cal os interesados poderán examinalo e presentar cantas alegacións xulguen convenientes. Estará á súa disposición nas dependencias habilitadas para o efecto no Departamento de Urbanismo e no salón de sesións do Concello, sito na rúa Eduardo Vincenti, nº 8, de luns a venres, das 8.00 ás 14.00 horas.

Bueu, 1 de agosto de 2013

Félix Juncal Novas
Alcalde presidente