Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 3 de setembro de 2013 Páx. 35037

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 9 de agosto de 2013, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, para os efectos da urxente ocupación, da instalación eléctrica LMT, CT e RBT Sobrecedo de Arriba, no concello de Taboada (expediente 011/2009 AT).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na Batundeira, 2, Velle (Ourense), aprécianse os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 26 de marzo de 2009, a citada empresa solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, para a instalación eléctrica liña de media tensión, centro de transformación e rede de baixa tensión en Sobrecedo de Arriba, no concello de Taboada, presentando o preceptivo proxecto das instalacións a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE núm. 310, do 27 de decembro), que regula as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e xuntando a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro ) e o artigo 143 do Real decreto 1955/2000, antes citado, que a desenvolve.

Segundo. O 26 de febreiro de 2013 a empresa beneficiaria presenta o anexo nº 1 en cumprimento da ITC-LAT 01 á 09 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

Terceiro. O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante Resolución desta Xefatura Territorial de Economía e Industria do 12 de marzo de 2013. Esta resolución foi publicada no diario La Voz de Galicia do 19 de marzo de 2013, no BOP de Lugo do 3 de abril de 2013 e no DOG do 4 de abril de 2013, no taboleiro de anuncios da citada xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Taboada. Con esta resolución inseríase a relación de bens e dereitos afectados.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos interesados incluídos na referida relación de bens e dereitos afectados.

Cuarto. Enviáronselles separatas relativas ao proxecto aos diferentes organismos afectados e cumpríronse os trámites establecidos no artigo 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Quinto. Durante o trámite de información pública Jesús Gervasio Liñares Lage presentou alegacións o día 10.4.2013; nelas expresaba a súa oposición ao trazado proxectado para a instalación eléctrica e solicitaba a súa modificación para que discorra sobre terreos de dominio, uso ou servizo público e, na mesma liña o 11.4.2013 o interesado presenta novamente alegacións xunto con Inés e Teresa Pereira Cereijo e José Manuel Varela Fonticoba; nelas expresaba a negación da acreditación da utilidade pública do proxecto e solicitaba que, no caso de levarse a efecto, deberían minimizarse as afeccións sobre as parcelas dos particulares, considerando que o itinerario menos prexudicial se atopa por baixo do lindeiro sur das parcelas, na zona máis próxima á estrada (marxe esquerda, en paralelo coa citada vía pública), que conduce ao lugar de Sobrecedo de Arriba.

Unhas e outras alegacións foron contestadas, en todo caso, pola empresa beneficiaria do proxecto, achegando as súas respostas aos mencionados interesados.

Sexto. O persoal dos servizos técnicos desta xefatura territorial emite informe favorable sobre a solicitude obxecto deste expediente, de acordo co disposto na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o disposto no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Igualmente, unha vez revisado sobre o terreo o trazado da liña eléctrica proxectada, informan os referidos servizos técnicos que non se dá ningunha das limitacións para a imposición da servidume de paso de enerxía eléctrica a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000, en relación co artigo 57 da Lei 54/1997, sobre os predios incluídos na relación de bens e dereitos que foi obxecto de información pública e sobre os que a empresa beneficiaria non chegou a un acordo amigable cos seus propietarios.

A este feitos son de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, no Decreto 245/2009, do 30 de abril, polo que se regulan as delegacións territoriales da Xunta de Galicia (modificado polo anterior), no Decreto 36/2001, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalaciones eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, en relación co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da citada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Á vista das alegacións presentadas, da contestación que formula a empresa promotora, dos informes técnicos e do resto da documentación que figura no expediente, considérase que aquelas non impiden continuar coa tramitación do expediente basicamente porque a posible variante do trazado que suxiren os interesados non se concreta nunha proposta que acrediten que reúna, conxuntamente, as condicións exixidas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e ademais porque non teñen en conta as diferentes condicións de seguridade (especialmente distancias) da LMT proxectada, necesaria para a nova subministración, respecto da instalación existente, nin o feito de que as posibles afeccións se minimizan porque a nova RBT aérea discorre en parte polo trazado actual mentres que a preexistente se desmontará naqueles elementos que non sexan necesarios e porque o tramo máis longo da nova RBT discorre soterrado. Por todo isto e, tendo en conta os informes técnicos emitidos no expediente en relación co proxecto presentado pola empresa peticionaria, que consideran viable tal proxecto e conclúen que non existen limitacións á imposición da servidume de paso sobre os predios afectados, non pode senón entenderse como máis conveniente para acadar unha solución óptima para o conxunto de toda a instalación o trazado proposto polo autor do proxecto.

Sentado o anterior, deben rexeitarse tamén as alegacións dos interesados cuestionando a procedencia da declaración de utilidade pública da instalación eléctrica considerada e a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola súa execución, pois, partindo da necesidade da instalación eléctrica, hai que ter en conta o disposto no artigo 52 en relación co 54 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, do 24 de novembro (BOE núm. 285, do 28 de novembro), que declara de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e establece que tal declaración levará implícita a necesidade de ocupación deses bens ou da adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Cuarto. Sen prexuízo do anterior, cómpre ter en conta que consonte o artigo 151 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, en calquera momento a empresa beneficiaria e os titulares dos necesarios bens e dereitos poden convir un mutuo acordo, causando a correspondente conclusión do expediente expropiatorio.

De acordo co exposto e, en virtude das competencias que ten atribuídas, esta xefatura territorial

RESOLVE:

Primeiro. Autorizar a Unión Fenosa Distribución, S.A. o establecemento da instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT Sobrecedo de Arriba, no concello de Taboada, coas seguintes características técnicas principais:

1. Liña de media tensión aérea a 20 kV, cunha lonxitude de 375 metros con orixe en apoio metálico existente da LMT CHA8029347, en condutor LA 56 e final no CTI proxectado Sobrecedo de Arriba, sobre apoios de formigón (4).

2. Centro de transformación de intemperie, de 100 kVA, cunha relación de transformación de 20.000/400-230 V, en Sobrecedo de Arriba sobre apoio de formigón.

3. Rede de baixa tensión aérea en condutor RZ, cunha lonxitude de 302 metros, con orixe no centro de transformación proxectado de Sobrecedo de Arriba, sobre apoios de formigón (10).

4. Rede de baixa tensión soterrada, en condutor XZ1, cunha lonxitude de 427 metros.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución e o seu anexo nº 1 da instalación eléctrica LMT, CT e RBT Sobrecedo de Arriba visados, respectivamente, os días 12 de marzo de 2009 e o 22 de febreiro de 2013 cos números CO090728 e CO130314, polo ICOIIG da Coruña, e asinados polos enxeñeiros industriais Rubén Menéndez Fernández, colexiado número 1380 e Burkard Hecht Elorduy, colexiado número 2633.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica obxecto deste expediente, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou da adquisición dos dereitos afectados e a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Por isto, en cumprimento do disposto neste artigo, acórdase que o representante da Administración dea comezo, na data e hora que a cada interesado se lle notificará individualmente, ao levantamento das actas previas á ocupación dos predios contidos na relación de bens e dereitos publicada no diario La Voz de Galicia do 19 de marzo de 2013, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 3 de abril de 2013 e no Diario Oficial de Galicia do 4 de abril de 2013, expostas no taboleiro de anuncios desta xefatura territorial e no taboleiro de anuncios do Concello de Taboada. Así mesmo, faise constar que, ata o momento do levantamento das actas previas, se poderán formular as alegacións que se consideren oportunas, para os efectos de rectificar posibles erros na relación de bens afectados que foi obxecto de publicación nos medios e nas datas anteriormente referidos. Estas alegacións deberanse presentar por escrito perante esta Xefatura Territorial de Economía e Industria, (Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo, rolda da Muralla, 70, código postal 27071, Lugo).

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e cos planos que figuran no proxecto LMT, CT e RBT Sobrecedo de Arriba e o anexo nº 1 presentados pola empresa Unión Fenosa Distribución, S.A.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade con carácter permanente.

Terceira. Deberase cumprir canto establece a lexislación técnica de liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias, de acordo co Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, así como, de ser o caso, a lexislación aplicable ás instalacións de baixa tensión e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, ademais do resto de normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta xefatura territorial.

Quinta. O prazo para a execución das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data de notificación/publicación desta resolución.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A publicación desta resolución realízase tamén para os efectos previstos no artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos, non se saiba o lugar de notificación, ou ben, tentada a notificación, non se puidese realizar e así dirixirlle ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan de conformidade co establecido no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa de 1954.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación/publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 110, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro) sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Lugo, 9 de agosto de 2013

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo