Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 166 Luns, 2 de setembro de 2013 Páx. 34705

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 8 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os e as titulares de terreos cinexéticos ordenados, destinadas á conservación das poboacións de caza menor, e se convocan para os anos 2013 e 2014.

A perdiz rubia e o coello de monte son as especies cinexéticas tradicionais en Galicia. O progresivo descenso da actividade agrícola no medio rural supuxo o abandono de amplas zonas de cultivo, provocou a expansión da matogueira, a desaparición dos lindeiros vexetais e, como consecuencia, a perda da calidade do medio vital para estas especies, contribuíndo así á regresión das poboacións. A isto hai que engadir o azoute da enfermidade hemorráxica vírica e da mixomatose, que provocou mingua dramática das poboacións de coello.

Os poderes públicos deben garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais por medio do seu uso prudente e racional. Neste sentido, o labor da Administración autonómica, entre outros, é intentar harmonizar as actividades tradicionais e económicas coa conservación e os aproveitamentos sustentables dos recursos.

Partindo da necesidade de que o colectivo de cazadores se implique na conservación e na xestión dos recursos cinexéticos, e da obriga dos poderes públicos de garantir a compatibilidade dos usos e actividades humanas coa conservación dos recursos naturais, considérase necesario manter o programa de axudas que, desde hai anos, incentiva actuacións racionais no medio natural, para propiciar a recuperación das poboacións de perdiz rubia e coello de monte autóctono.

O artigo 148.1.11 da Constitución, así como o artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, confire á nosa comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, en relación co Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, atribúen á citada consellería, dentro das súas competencias, o fomento, a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

Por outra parte, a Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, establece como obxecto dela regular e establecer medidas para favorecer o desenvolvemento sustentable do medio rural en canto que supón condicións básicas que garanten a igualdade de todos os cidadáns no exercicio de determinados dereitos constitucionais, e entre os seus obxectivos o c) Conservar e recuperar o patrimonio e os recursos naturais e culturais do medio rural a través de actuacións públicas ou privadas que permitan a súa utilización compatible cun desenvolvemento sustentable.

Entre as medidas para o desenvolvemento rural sustentable establece no seu artigo 21.b): a xestión sustentable dos recursos naturais, especialmente a auga, o solo, as masas forestais, os espazos naturais, a fauna cinexética e os recursos de pesca continental.

No Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro programa de desenvolvemento rural sustentable para o período 2010-2014, en aplicación da citada Lei 45/2007, dentro do eixe 4. Ambiente, establece como actuacións para a consecución dos obxectivos específicos establecidos polo PDRS 2010-2014 a 4.21.CA.6. Apoio a iniciativas de protección do ambiente.

Finalmente, entre as actuacións de conservación da natureza incluídas no «Convenio entre o Magrama e a Comunidade Autónoma de Galicia, para a execución, seguimento e avaliación das accións incluídas nos plans de zona das súas zonas rurais» figura dentro das correspondentes á epígrafe 4/21/CA/6 a actuación 4, consistente en subvencións en concorrencia competitiva destinadas a titulares de terreos cinexéticos ordenados para a recuperación das poboacións de perdiz rubia e o coello de monte.

O réxime xeral das axudas e subvencións na nosa comunidade autónoma establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a normativa principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto das axudas

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento dun réxime de axudas destinadas aos/ás titulares de terreos cinexéticos ordenados para a recuperación das poboacións de perdiz rubia (Alectoris rufa) e do coello de monte (Oryctolagus cuniculus).

2. Estas axudas tramitaranse baixo os principios de publicidade, transparencia, concorrencia competitiva, obxectividade, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.

Artigo 2. Destino das axudas

1. Son actuacións subvencionables destas axudas:

a) O financiamento dos investimentos para a roza e trituración mecánica do mato, a emenda e/ou fertilización, sementeira de cereal e/ou leguminosa, e para a limpeza e adecuación de fontes e mananciais, de acordo coas indicacións contidas no anexo II. As actuacións de mellora do hábitat non poderán afectar os hábitats prioritarios e deberán cumprir o establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia.

b) A construción das instalacións necesarias para a cría do coello de monte en semiliberdade e construción de tobeiras artificiais por aqueles/as beneficiarios/as que teñan realizadas as instalacións anteriormente mencionadas. Estas actuacións non poderán afectar os hábitats prioritarios.

2. En ningún caso se subvencionarán actuacións realizadas con anterioridade á publicación desta orde.

Artigo 3. Beneficiarios/as

1. Poderán acollerse a estas axudas tanto corporacións locais titulares de tecores coma institucións sen ánimo de lucro, igualmente titulares de tecores, ou as agrupacións desta, que, mesmo carecendo de personalidade xurídica, fagan unha solicitude conxunta. Neste último caso os terreos cinexéticos deberán ser lindeiros e estar situados nunha mesma zona rural das recollidas no anexo VIII desta orde. Para cada corporación local ou institución sen ánimo de lucro, só será admisible unha única solicitude.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias das axudas previstas nesta orde as corporacións locais ou institucións sen ánimo de lucro en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º e 3º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Contía dos investimentos e das axudas

1. Establécense as seguintes contías do investimento subvencionable para cada unha das actuacións que se realicen:

a) Roza e trituración mecánica: 360 € por hectárea.

b) Arada, emenda e/ou fertilización, sementeira: 600 euros por hectárea.

c) Limpeza e adecuación de fontes e mananciais: 50 euros/unidade.

d) Instalacións de cría de coello: ata un máximo de 18.000 euros por beneficiario.

e) Construción de tobeiras: ata 6.000 euros por beneficiario, cun límite de 1.500 euros por tobeira.

2. A porcentaxe da axuda poderá chegar ata o 50 % do custo dos investimentos, fixándose un máximo de 15.000 euros de axuda por solicitude.

3. O IVE non será subvencionable, tampouco todos aqueles gastos que figuran no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

4. Para os efectos do disposto no artigo 27.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, permitirase a subcontratación total da actividade obxecto da subvención, agás cando, aumentando o custo da actividade subvencionada, non achega valor engadido ao seu contido.

5. A contía das axudas estará condicionada, en todo caso, á existencia de dispoñibilidades orzamentarias.

6. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 5. Solicitudes e documentación

1. As solicitudes deberán formalizarse por un dos procedementos que seguen:

A) Vía electrónica: o formulario normalizado de solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es

Para a presentación na sede electrónica do formulario admitirase DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede, da persona solicitante ou representante legal.

No suposto de que a persona solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, e presentarase asinado seguindo as instruccións do punto seguinte.

B) En soporte papel segundo o modelo formalizado que se recolle no anexo I desta orde; no caso de agrupacións de titulares de tecores cubrirase ademais o modelo formalizado que se recolle no anexo IX.

Presentarase, preferentemente, nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Así mesmo, tamén se poderán presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo para a súa presentación será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

3. Documentación que hai que presentar:

3.1. Os/as interesados/as presentarán as solicitudes de subvención conforme o modelo do anexo I e, no caso de agrupacións de titulares de tecores, cubrirán ademais o modelo formalizado que se recolle no anexo IX.

3.2. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

– Copia do DNI (só no caso de non autorizar a consulta ) ou NIE.

– Fotocopia do NIF dos/das beneficiarios/as da subvención (só no caso de persoa xurídica).

– Se a titular for unha sociedade, acordo do órgano competente desta polo cal se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, en que deberá figurar, así mesmo, a persoa designada como representante daquela para os efectos da solicitude.

– No caso de agrupacións de titulares, acordos dos órganos respectivos competentes polos que se aproban as accións solicitadas e os compromisos correspondentes, nos cales deberá encontrarse o de non disolver a agrupación ata que remate o prazo previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, con indicación da porcentaxe de subvención e do compromiso de execución correspondente a cada unha delas. Así mesmo, debe figurar o nome da persoa designada como representante delas para os efectos desta solicitude, e anexarase o nome do titular en cuxa conta bancaria se deberá realizar o ingreso.

– Declaración doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, de ser o caso, con indicación do importe e a súa procedencia, así como de non ser debedora por resolución de procedencia de reintegro consonte o establecido na Orde da Consellería de Facenda do 4 de xaneiro de 2010, segundo o modelo do anexo IV.

– Memoria valorada, que se axeite ás indicacións do anexo II e que deberá incluír como mínimo: datos da solicitante ou solicitantes; datos dos terreos cinexéticos en que se localizarán as actuacións; descrición da problemática actual do terreo cinexético en relación coa/s especie/s, xustificando a adopción das medidas propostas; descrición das actuacións que se van realizar con indicación das datas previstas, a maquinaria e man de obra que se vai empregar, orzamento detallado; orzamento total; plano de situación 1:25.000 e fotografía do Sixpac ou planos catastrais en que se identifiquen perfectamente as parcelas sobre as cales se actuará mediante as referencias catastrais. Sobre estes planos e fotografías deberán marcarse as parcelas en que se vai actuar. Haberá que incluir ademais unha descrición das instalacións ou das tobeiras, segundo o caso, plan de captura ou adquisición dos reprodutores, así como de calquera outra instalación que se pretenda facer. O plan de manexo do cerramento e o programa sanitario que se aplicará acomodaranse ás especificacións do anexo III (facilitarase un modelo nas dependencias dos servizos de Conservación da Natureza).

– Declaración responsable da dispoñibilidade dos terreos para a realización das actuacións segundo o modelo do anexo IV.

– Autorización do Servizo de Montes consonte co establecido no artigo 60.3 da Lei 7/2012, de montes de Galicia, só cando se pretenda o cambio de actividade forestal a agrícola co fin de mellorar o hábitat das especies cinexéticas.

– Declaración responsable da existencia de persoal encargado das instalacións (só para as peticións de instalacións para cría de coello), indicando os nomes, DNI e tipo de dedicación que prestarán nas instalacións.

4. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención pola interesada, segundo o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia. Esta comprobación efectuarase tanto antes de ditar resolución de concesión como da tramitación do pagamento. Non obstante, a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; deberá presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

5. No caso de solicitar axudas por un importe subvencionable superior a 30.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou entrega do ben, segundo o establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 6. Criterios obxectivos para a adxudicación das axudas

A orde de prelación para a concesión das subvencións basearase na puntuación acadada por cada solicitude dentro de cada zona rural das establecidas no anexo VIII.

Cando nunha zona as solicitudes non esgoten o orzamento previsto, o remanente pasará ás solicitudes da zona inmediatamente inferior dentro de cada nivel.

Cando as solicitudes das zonas de nivel 1 no esgoten o orzamento previsto, o remanente pasará ás zonas rurais de nivel 2 asignarase do mesmo xeito ca nas de nivel 1.

Cando as solicitudes das zonas do nivel 2 non esgoten o orzamento previsto, o remanente pasará a cubrir as solicitudes de nivel 1 sen atender e o mesmo pasará co orzamento sen consumir do nivel 3 e co correspondente ás zonas rurais sen prioridade.

Criterios de puntuación:

Criterios de avaliación das actividades subvencionables

Puntos

a) Superficie do tecor ou agrupación de tecores

1 punto por cada 2.000 ha ata un máximo de 20 puntos

b) Por investimento subvencionable solicitado

0,25 puntos por cada 1.000 euros

No caso de igualdade de puntuación entre dúas solicitudes, atenderase primeiro a de máis superficie de tecor ou agrupación de tecores.

Artigo 7. Tramitación

1. Os servizos de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se xuntan dos documentos sinalados.

Se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, o servizo requirirá o/a solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao de recepción do requirimento, emende a falta ou remita os documentos preceptivos, e indicaralle que, de non facelo, se terá por desistido/a da súa petición logo de resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. En todas as solicitudes de actuacións consideradas subvencionables, o persoal do correspondente Servizo de Conservación da Natureza, realizará unha inspección previa, na cal se observará se a acción ou proxecto se axusta á realidade física e económica e que cumpre cos requisitos exixidos no anexo II da orde. Así mesmo, certificarase que os investimentos non están realizados con data anterior á da publicación desta orde.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, os servizos de Conservación da Natureza enviarán os expedientes completos no prazo de 40 días naturais a partir da data final de presentación de solicitudes, xunto cun informe administrativo sobre o cumprimento dos requisitos sinalados nesta orde. Posteriormente procederá á súa baremación conxunta na Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas unha comisión, que establecerá a puntuación mínima que deben acadar os/as solicitantes para obter a condición final de beneficiarios/as, tendo en conta a repartición do orzamento por zonas rurais que se establece no anexo VIII e que cada titular ou agrupación de titulares quedará adscrito/a á zona rural a que pertenza a maior superficie do terreo cinexético ordenado de que é titular.

A comisión de valoración presidiraa o titular da Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas, ou persoa en quen delegue. Ademais, serán membros da citada comisión os/as titulares das xefaturas de servizo e área nos servizos centrais. Este/a último/a actuará como secretario/a.

4. Cando nalgunha zona rural non se poda conceder o total do orzamento dispoñible para ela por falta de solicitudes ou de investimento subvencionable, a cantidade sobrante reasignarase ás solicitudes pendentes en zonas de prioridade 1, despois ás de prioridade 2 e así sucesivamente ata esgotar o orzamento, tratando de que todos os beneficiarios acaden a mesma porcentaxe de axuda.

Artigo 8. Resolución e recurso

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras das axudas recollidas nesta orde.

2. Na resolución que se dite especificaranse os investimentos subvencionables, a porcentaxe de subvención, o importe da subvención concedida, os prazos de execución e as condicións xerais e particulares da subvención.

3. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses desde a publicación da orde.

4. A resolución ditada, segundo o disposto no punto 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9. Aceptación da axuda concedida

O outorgamento da subvención debe ser aceptado pola beneficiaria no prazo máximo de dez (10) días desde a súa notificación, coas condicións específicas recollidas nesta orde. No caso de que a beneficiaria non comunique a súa aceptación dentro do prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada a axuda concedida.

Artigo 10. Compatibilidade

As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para a mesma finalidade, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Publicidade da resolución

1. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputan, dos/as beneficiarios/as, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

2. De conformidade co punto 4 do artigo 13 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

3. De acordo co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as resolucións de concesión de subvencións e as sancións derivadas do incumprimento das súas normas reguladoras, incluiranse nos rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións, dependentes da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia. Os datos incorporados a estes poderán ser obxecto de rectificación, cancelación e oposición polo interesado. No suposto de que a publicación dos datos do beneficiario poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor e á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe, este poderá facer constar o seu dereito a que non lle fagan públicos os seus datos.

4. Así mesmo, a beneficiaria das axudas deberá cumprir coa exixencia de publicidade da axuda concedida segundo o disposto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 12. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Obrigas dos/as beneficiarios/as

1. As obras obxecto de subvención deberán contar no momento do seu comezo coas licenzas e autorizacións preceptivas, se estas foren necesarias, e será responsabilidade do/da beneficiario/a a obtención de ditas licenzas e autorizacións, sen que a Administración autonómica asuma ningunha responsabilidade ao respecto.

2. A aprobación da subvención implicará o compromiso dos/das solicitantes de executar as accións indicadas nas condicións propostas. A execución das actividades obxecto de axuda deberá realizarse na extensión e coas condicións técnicas recollidas na memoria e, en todo caso, axustarase aos termos recollidos na resolución.

3. A finalidade ou función da actividade ou obra deberase manter durante un prazo mínimo de 5 anos, de conformidade co establecido no artigo 29.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. O prazo para realizar os investimentos obxecto da subvención rematará o 15 de outubro na anualidade de 2013 e o 31 de xullo na anualidade de 2014, sempre que na resolución aprobatoria non se dispoña outro prazo diferente. Excepcionalmente, o director xeral de Conservación da Natureza, poderá conceder, por delegación do conselleiro e antes de que remate o período de execución, unha prórroga dentro dos límites establecidos no artigo 49.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. As beneficiarias deberán conservar polo menos durante 5 anos os documentos acreditativos da aplicación dos fondos recibidos, segundo o artigo 11.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Xustificación dos gastos

1. O prazo para xustificar o remate das actividades e o pagamento dos conceptos correspondentes a elas finalizará o día 31 de outubro para a anualidade do 2013 e o 31 de agosto para a de 2014. Mentres, poderase conceder, por petición xustificada da interesada realizada antes da finalización do prazo establecido, sempre que non se prexudiquen dereitos de terceiros, unha ampliación do prazo de xustificación das axudas, que non excederá a metade do prazo inicialmente previsto.

2. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comprobará a realización efectiva das actuacións obxecto da subvención e o cumprimento da finalidade, e asistirá tecnicamente as adxudicatarias das axudas, todo iso de conformidade co establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Para a xustificación do investimento obxecto de axuda e solicitude do pagamento desta, a beneficiaria deberá presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de pagamento segundo o anexo VI.

b) Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, así como acreditar, de ser o caso, o disposto no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Esta memoria axustarase ao modelo do anexo VII.

c) Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento, segundo o modelo do anexo VII.

d) Facturas orixinais ou copias compulsadas destas xunto cos extractos de contas ou certificacións bancarias debidamente identificados, selados e asinados pola beneficiaria, de xeito que quede acreditada a efectiva realización dos pagamentos.

e) Unha declaración doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, de ser o caso, con indicación do importe e a súa procedencia, segundo o modelo do anexo IV, con data posterior á resolución de concesión da subvención.

f) Declaración responsable de ter aberta unha conta a nome do/a beneficiario/a da axuda, con expresión do seu NIF e o número de conta segundo o anexo IV. Aqueles/as beneficiarios/as a quen se teña aboado a subvención no exercicio pasado, e non cambiasen desde entón a súa conta bancaria, non precisan presentar a declaración para percibir a axuda desta orde.

4. Os servizos de Conservación da Natureza comprobarán a documentación e engadirán as certificacións sobre o grao de execución das actividades subvencionadas e sobre a adecuación destas ao anexo II e á documentación que serviu de base para o outorgamento da axuda.

5. Vista a certificación final das obras coa documentación presentada e o informe do servizo correspondente, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza fará, de ser o caso, proposta de pagamento da subvención concedida.

Artigo 15. Modificación das actividades subvencionadas

Calquera modificación que se pretenda realizar nas actividades aprobadas, tanto no referente ao orzamento aprobado como ás distintas partidas que o compoñen, requirirá a aceptación expresa e previa do director xeral de Conservación da Natureza, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo do informe favorable do servizo correspondente. Para tal efecto, realizarase unha proposta de modificación xustificada, que se deberá presentar con quince días hábiles de antelación á súa realización, segundo o modelo do anexo V. No caso de que a modificación afecte só a localización das parcelas en que se vai actuar, deberá presentarse xunto coa solicitude un novo anexo IV debidamente cuberto, coa relación das novas parcelas, e corresponderalle á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a súa autorización ou denegación. O silencio neste suposto terá a consideración de denegatorio.

Artigo 16. Pagamento

1. O pagamento corresponderase co importe que resulte de aplicar a porcentaxe da axuda aos gastos subvencionables. Excepcionalmente, por resolución do director xeral, poderá subvencionarse só unha parte dos gastos aprobados sempre que se xustifique documentalmente o motivo de non ter realizado o total do gasto, que a parte executada constitúa unha unidade operativa independente e sempre que se manteñan as condicións recollidas no anexo II. Neste caso, aplicarase a correspondente minoración.

2. Non poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a beneficiaria non se encontre ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e teña pendente de pagamento algunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro, de acordo co disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Revogación

1. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos casos e termos previstos no artigo 33 desta lei.

2. En todos os supostos anteriormente citados, e por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, após o informe do servizo, logo de audiencia o/a interesado/a, o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrarlle á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

Artigo 18. Financiamento

As axudas concedidas ao abeiro desta orde serán financiadas pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.541 B.781.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, ata un importe máximo de doce mil euros (12.000 €) e de dous centos cincuenta mil euros (250.000 €) para o ano 2014.

Artigo 19. Control das actividades subvencionadas

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderá, en calquera momento, inspeccionar e controlar o destino das axudas e o cumprimento dos fins para os cales foron concedidas. En consecuencia, os servizos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas poderán facer visitas e inspeccións nos lugares onde se realizasen actividades, mesmo con carácter previo á concesión das axudas, para comprobar a súa adecuación á normativa vixente, así como solicitar, en calquera momento da tramitación do procedemento, canta documentación se considere necesaria para comprobar a adecuada execución das actividades que fosen obxecto das axudas, consonte o establecido no artigo 30.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Obriga de facilitar información

As beneficiarias están obrigadas a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles solicite calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Disposicións xerais

1. Poderanse conceder subvencións nas cales o prazo de execución sexa de carácter bianual.

Se se solicita unha execución bianual, deberá especificarse unha proposta de execución detallada, por unidades e orzamento, para cada anualidade. Nas subvencións bianuais, se por motivos xustificados non se puidesen realizar as accións completas correspondentes á primeira anualidade, o beneficiario terá que solicitar por escrito, antes do 15 de outubro do 2013, a modificación da resolución co fin de que a obra se poida completar na anualidade seguinte.

2. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición adicional única. Delegación de funcións

Delégase no secretario xeral técnico o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 8.1, e demais competencias atribuídas nesta orde ao conselleiro; así mesmo, delégase a facultade de revogar e aplicar o procedemento sancionador.

No director xeral de Conservación da Natureza a autorización de calquera modificación nas actividades aprobadas, e nos xefes territoriais da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no caso de que a modificación afecte só a localización das parcelas, de acordo co disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas resolucións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

missing image file
missing image file

ANEXO II

1. Indicacións xerais básicas a que deben axustarse as actuacións de mellora do hábitat de perdiz rubia.

A zona do tecor en que se localicen as actuacións deberá ter unha superficie mínima de 50 ha de matogueira.

As actuacións non poderán afectar os hábitats prioritarios. No caso de que as actuacións se pretendan levar a cabo no hábitat 4030-Queirogais secos europeos, estas consistirán exclusivamente na súa roza cando teñan unha altura media superior a 1,5 m e non sexan penetrables, e non se realizará o pase de grada de discos, encalaxe e a sementeira.

As rozas realizaranse en superficies dun máximo de 1 ha dispersas pola superficie, que poderán ser lineais ou de formas irregulares.

Os restos da roza serán triturados mecánicamente ou, se non fose tecnicamente posible, serán amoreados.

Estas rozas deben ir acompañadas da sementeira dun cereal de inverno e/ou dunha leguminosa, nunha porcentaxe mínima do 50 % da superficie total rozada. A preparación do terreo tras a roza consistirá nun pase de grada de discos e unha encalaxe coa maior antelación posible á sementeira. A colleita obtida quedará no monte para o seu aproveitamento pola fauna.

Nas limpezas e acondicionamento de fontes evitarase que estes queden totalmente despexados de cobertura vexetal coa finalidade de non favorecer a predación sobre as aves nestes lugares.

As actuacións obxecto de axuda deberán realizarse de tal xeito que se eviten posibles prexuízos tanto á cría da perdiz como doutras especies animais presentes na zona.

As actuacións en terreos incluídos nun espazo natural protexido, segundo a normativa vixente, non poderán ser contraditorias co determinado na norma reguladora que os atinxa e, en todo caso, deberán contar co informe favorable do Servizo Provincial de Conservación da Natureza.

2. Indicacións xerais básicas a que deben axustarse os proxectos de producción e cría de coellos de monte en réxime de semiliberdade.

Os terreos dedicados á cría de coellos en semiliberdade terán entre 2.500 e 3.500 m2, incluíndo os cercados de produción principal e de apoio.

Os cercados estarán rodeados por un valo dunha altura non inferior aos dous metros que impida tanto a entrada doutros animais, especialmente predadores, ou personas, como a saída dos coellos. Ademais debese profundar no chan máis de medio metro, ou ata atopar un substrato difícilmente escavable. A gabia escavada encherase cunha cimentación de formigón ou ben enterrarase unha malla metálica. Poderase incluir un peche superior de malla de rede para minimizar a depredación.

O cercado de producción principal terá dúas partes, unha de alimentación e outra de refuxio, separadas por un valado con pasos que poidan pecharse á vontade.

A zona de alimentación ocupará o 90 % do cercado principal e disporá dunha pradeira para a alimentación dos coellos, na cal se intalarán bebedeiros e comedeiros e que contará con algunha estrutura de refuxio provisional que facilite a captura dos animais. A pradeira sementarase unicamente con gramíneas perennes de porte baixo, evitando as especies propias de prados de sega. Disporá necesariamente dun sistema de rega.

Na zona de refuxio instalaranse polo menos 6 tobeiras artificiais onde os coellos poidan construír as súas tobas de cubil e cría. As tobeiras artificiais terán unha estrutura piramidal, duns 20-30 m2 de base e uns 2 m de altura, composta de pedras ou raíces de árbores co tamaño suficiente como para deixar ocos entre elas e cubertas de terra en abundancia. A terra empregada debe ser rica en materia orgánica.

O cercado de apoio terá unha superficie mínima de 500 metros cadrados, cunhas características similares á zona de alimentación do cercado principal.

3. Directrices xerais para a construción de tobeiras artificiais.

A construción das tobeiras realízase a partir de materiais naturais que se van superpoñendo en diferentes fases da construción sobre unha estrutura de palés de madeira, co que se obtén unha estrutura circular ou elíptica.

Construiranse con catro pisos de catro ou seis palés cada un, que se colocan directamente sobre o chan sen necesidade de escavación previa.

Os palés serán robustos e cun grosor de polo menos dous centímetros. As dimensións oscilarán entre 110 e 130 cm de lado e deberán estar totalmente pechados na súa parte superior, para evitar que a terra penetre no interior da tobeira (no caso de aberturas moi amplas colocarase sobre eles unha tea de saco para reducir o paso de terra). En ningún caso se empregará material plástico para esta finalidade.

Estas tobeiras terán polo menos dúas entradas para facilitar a introdución dos coellos e a entrada e saída ata que os animais constrúan novas bocas.

As entradas poden ser tubos robustos de PVC ou similar duns 120 cm de lonxitude e dun diámetro interior de polo menos 12 cm, que conecten co interior dalgún dos pisos de palés. Estes tubos colocaranse de maneira que sobresaian uns 30 cm da tobeira (tamén poden deixarse cunha maior lonxitude, por exemplo 50 cm ou máis, para que así non queden cubertos con terra durante a construción); posteriormente, xusto antes da introdución de coellos, procederase a recortar o sobrante. É moi importante que estes tubos estean horizontais e que as entradas se manteñan pechadas durante o proceso de construción e ata a introdución dos coellos.

Ao redor dos palés e a uns 100 cm de distancia dos seus bordos disporase unha barreira de contención duns 50 cm de altura, constituída por pedras e/ou troncos, para a suxeición dos diferentes materiais que constitúen a tobeira. Esta barreira pode reforzarse coa colocación de troncos que faciliten a suxeición da estrutura.

No referente ao tamaño de construción, é recomendable que o raio maior non sexa moi inferior aos 5 m e o eixe menor (no caso de forma elíptica) sexa de 3 m. A altura inicial deberá ser superior a 1,5 m. En canto á densidade situaranse ao redor de 20 tobeiras colocadas a distancias mínimas entre 15-25 m entre elas.

Finalmente e para favorecer a supervivencia dos animais e o asentamento na zona, colocarase unha malla tipo galiñeiro que rodee a tobeira e que impida a saída dos animais durante os primeiros días de solta.

ANEXO III

Indicacións básicas a que deben axustarse os programas de manexo e sanitario dos centros de cría de coello de monte en semiliberdade.

A densidade de reprodutores deberá manterse en torno a 1 macho por cada 200 m2 de superficie e 1 femia por cada 100 m2 de superficie. Admitiranse variacions dun 20 % destes valores.

A procedencia dos reprodutores debe asegurar que se trata de coellos de monte procedentes de Galicia, nunca hibridados con coellos domésticos.

Deberá contarse cun sistema de identificación dos coellos e cun sistema de rexistro documental que permita un axeitado manexo. Estes sistemas deberán detallarse no plan de manexo.

Deberá establecerse un réxime de capturas (mínimo 1 ao mes, durante os meses de actividade reprodutora) que permita a revisión dos reprodutores e o seu tratamento veterinario se for preciso, e a captura dos novos individuos para a súa marcaxe, revisión, tratamento e traslado ao cercado de apoio.

O programa sanitario incluirá un protocolo de vacinación fronte á mixomatose e á enfermidade hemorráxica vírica e medidas de loita contra os parasitos internos e externos, entre outras cuestións. Prestarase especial atención á coccidiose.

ANEXO VIII
Niveis de prioridade nas zonas rurais coa relación de concellos de caza menor

Importe €

Niveis de prioridade

Zona rural

Provincia

Concellos e entidades locais menores

2013

2014

Zona prioritaria nivel 1

Lugo Central

Lugo

Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Corgo (O), Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Lugo, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza, (A), Potomarín, Rábade, Samos, Sarria, Triacastela, Vilalba e Xermade

1.000

35.000

Montaña Lucense

Lugo

Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, Fonsagrada (A), Meira, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Quiroga, Ribas de Sil, Ribeira de Piquín e Riotorto

1.000

35.000

Depresións Ourensás e Terras do Sil

Ourense

Baltar, Bande, Blancos (Os), Calvos de Randín, Castrelo do Val, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Cualedro, Entrimo, Gudiña (A), Laza, Lobeira, Lobios, Manzaneda, Mezquita (A), Montederramo, Monterrei, Muíños, Oímbra, Parada de Sil, Pobra de Trives (A), Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, San Xoán de Río, Sandiás, Sarreaus, Teixeira (A), Trasmiras, Verín, Viana do Bolo, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia

1.000

35.000

Zona intermedia nivel 2

Miño Central

Ourense

Allariz, Amoeiro, Arnoia (A), Avión, Baños de Molgas, Barbadás, Beade, Beariz, Boborás, Bola (A), Carballeda de Avia, Carballiño (O), Cartelle, Castrelo de Miño, Celanova, Cenlle, Coles, Cortegada, Esgos, Gomesende, Irixo (O), Leiro, Maceda, Maside, Melón, Merca (A), Nogueira de Ramuín, Paderne de Allariz, Padrenda, Pereiro de Aguiar (O), Peroxa (A), Piñor, Pontedeva, Punxín, Quintela de Leirado, Ramirás, Ribadavia, San Amaro, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Taboadela, Toén, Verea, Vilamarín, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadanedo

1.000

20.000

Valdeorras

Ourense

Barco de Valdeorras (O), Bolo (O), Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, Rúa (A), Rubiá, Veiga (A) e Vilamartín de Valdeorras

1.000

20.000

Zona intermedia nivel 3

As Mariñas

Lugo

Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Ourol, Pontenova (A), Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro (O), Vicedo (O), Viveiro e Xove

1.000

15.000

Lugo Sur

Lugo

Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra do Brollón (A), Saviñao (O), Sober e Taboada

1.000

15.000

Rías Altas e Arco Ártabro

A Coruña

Abegondo, Aranga, Ares, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Capela (A), Cariño, Carral, Cedeira, Cerdido, Cesuras, Coirós, Culleredo, Curtis, Fene, Irixoa, Laracha (A), Mañón, Miño, Moeche, Monfero, Mugardos, Neda, Ortigueira, Oza dos Ríos, Paderne, Pontedeume, Pontes de García Rodríguez (As), Sada, San Sadurniño, Somozas (As), Valdoviño, Vilamaior e Vilasantar

1.000

15.000

Terras de Santiago

A Coruña

Ames, Arzúa, Boimorto, Boqueixón, Brión, Cerceda, Dodro, Frades, Melide, Mesía, Ordes, Oroso, Padrón, Pino (O), Rois, Santiso, Sobrado, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra e Vedra

1.000

15.000

Pontevedra leste e Terras do Miño

Pontevedra

Arbo, Campo Lameiro, Cañiza (A), Cerdedo, Cotobade, Covelo, Crecente, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Guarda (A), Lama (A), Mondariz, Mondariz-Balneario, Mos, Neves (As), Oia, Pazos de Borbén, Ponte Caldelas, Ponteareas, Porriño (O), Rosal (O), Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior, Tomiño e Tui

1.000

15.000

Zona intermedia, sen prioridade

Costa da Morte e Rías Baixas

A Coruña

Baña (A), Boiro, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Lousame, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muros, Muxía, Negreira, Noia, Outes, Pobra do Caramiñal (A), Ponteceso, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Santa Comba, Vimianzo e Zas

1.000

15.000

Pontevedra Norte e Rías Baixas

Pontevedra

Agolada, Barro, Caldas de Reis, Cambados, Catoira, Cuntis, Dozón, Estrada (A), Grove (O), Illa de Arousa (A), Lalín, Meaño, Meis, Moraña, Pontecesures, Portas, Ribadumia, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa

1.000

15.000

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file