Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 163 Mércores, 28 de agosto de 2013 Páx. 34457

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución dunha instalación eléctrica nos concellos de Ordes, Carral e Cerceda (expediente IN407A 466/2007).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa e de aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica que a seguir se cita:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: modificado I LLMMTT subterráneas subes. Meirama a P. Entroncamento (UDESA).

Situación: concellos de Ordes, Carral e Cerceda.

Características técnicas:

– Liña de media tensión soterrada a 20 kV, cunha lonxitude de 4,967 km, coa orixe en cela de liña existente na subestación de C.AL Meirama, condutor tipo RHZ-2OL kV, 3(1×240 Al), e final en cela de liña que se instalará no CS Gandarouta proxectado.

– Centro de seccionamento prefabricado a compartir con UDESA (expediente IN407A 2009/462-1, con celas modulares telecontroladas por F.O. con envolvente metálica e illamento en SF6.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 4 de outubro de 2007 Juan Ramón Guijarro Castro en representación de Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada LLMMTT
subterráneas subes. Meirama a P. Entroncamento (UDESA).

Segundo. Mediante Resolución do 4 de abril de 2008, da Delegación Provincial (a día de hoxe Xefatura Territorial) da Coruña, autorizouse administrativamente e aprobouse o proxecto de execución do dito proxecto (DOG nº 115, do 16 de xuño de 2008 e BOP da Coruña nº 96, do 26 de abril).

Terceiro. Con data do 22 de febreiro de 2012 Juan Ramón Guijarro Castro, en representación de Unión Fenosa Distribución, S.A., presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da instalación eléctrica denominada modificado I a LLMMTT subterránea subes. Meirama a P. Entroncamento (UDESA).

Cuarto. Mediante Resolución do 19 de decembro de 2012, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña, someteuse a información pública a petición da autorización administrativa da instalación eléctrica (DOG nº 11, do 16 de xaneiro de 2013 e BOP da Coruña nº 8, do 11 de xaneiro).

Quinto. De acordo co procedemento regulamentario, procedeuse ao traslado ás distintas administracións, organismos e, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral da parte que a instalación puidese afectar a bens e dereitos ao seu cargo (Separatas), concretamente, neste caso aos concellos de Ordes, Cerceda e Carral e á Deputación da Coruña.

Emitiron os correspondentes condicionados técnicos o Concello de Ordes e a Deputación, que foron aceptados pola compañía distribuidora.

Por parte desta xefatura territorial procedeuse a reiterar os condicionados técnicos aos concellos de Carral e Cerceda sen obter resposta.

Unha vez cumpridos os prazos determinados nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, estimouse como realizado o trámite para a emisión do condicionado requirido e considerouse por silencio a aceptación da execución da obra proposta.

Sexto. Durante a fase de toma de vista, e dentro do prazo regulamentario, recibíuse alegacións por parte da empresa distribuidora UDESA quen manifestou o seguinte:

1. Que o proxecto debe recoller que as instalacións que agora pretende legalizar Unión Fenosa Distribución no proxecto con expediente IN407A 466/2007 modificado I ao proxecto LLMMTT subterráneas subes. Meirama a P. entroncamento (UDESA). Foron executadas íntegramente polo Concello de Cerceda con base no convenio de colaboración entre a Consellería de Innovación e Industria e o Concello de Cerceda para a subministración eléctrica ao polígono de Acevedo (Cerceda) e que o dito convenio indica que as achegas se realizarán con cargo aos orzamentos da Consellería de Innovación e Industria para o ano 2008 con cargo á aplicación orzamentaria 10.03.734-A-760.0 do «Plan nacional de reserva enerxética do carbón 2006-2012. Corporacións locais».

2. Que debe adaptarse o proxecto á obra realmente executada polo Concello de Cerceda.

3. Que de persistir UFD co recurso interposto contra a Resolución do 11 de outubro de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Industria, pola que se outorga a UDESA a autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución LMTS Meirama-Acevedo (Cerceda), expediente IN407A 2009/462, solicitan que se acorde recoñecer os dereitos que a Lei do sector eléctrico recoñece a UDESA e que dimanan das resolucións da Comisión Nacional de Energía (CNE) e do Ministerio de Industria, e polo tanto, que non se opoñerían á autorización do proxecto presentado por UFD referente ao expediente IN407A 466/2007 modificado I ao proxecto LLMMTT subterráneas subes. Meirama a P. entroncamento (UDESA).

Desta alegación deuse traslado a Unión Fenosa Distribución, S.A. que contestou nos seguintes termos:

1. Que o proxecto se adapta na súa totalidade á obra realmente executada.

2. Que o proxecto presentado considera a obra realizada polo Concello de Cerceda con base no convenio de colaboración entre o dito concello e a Consellería de Economía e Industria.

3. Que Unión Fenosa Distribución, S.A. con data do 6 de maio de 2013 presentou o desestimento do recurso de alzada do expediente IN407A 2009/462.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. Esta xefatura territorial é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Este proxecto foi informado favorablemente polo persoal técnico desta xefatura territorial.

Polo que respecta ás alegacións presentadas, vistas estas, e as contestacións dadas pola empresa UFD, cabe responder que non se teñen en conta na resolución deste expediente procedendo a súa desestimación, xa que Unión Fenosa Distribución, S.A. cumpriu co solicitado por UDESA.

Terceiro. Cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro (BOE nº 285), do sector eléctrico, e no título VII, capítulo II do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro (BOE nº 310), polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar administrativamente a aprobar o modificado I do proxecto de execución cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no modificado do proxecto, nos condicionados técnicos impostos polos diferentes organismos e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal ou outros necesarios para a realización de obras das instalacións autorizadas.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contados a partir da data desta resolución.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 29 de xullo de 2013

Por ausencia (Artigo 30.3 do Decreto 110/2013; DOG nº 140, do 24 de xullo)
Isidoro Martínez Arca
Xefe do Servizo de Administración Industrial