Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 21 de agosto de 2013 Páx. 33749

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2013 pola que se acorda o inicio e se somete a información pública o expediente complementario para a ampliación do procedemento expropiatorio dos terreos afectados polo proxecto sectorial do parque empresarial de Verín (Ourense).

1. O Consello da Xunta de Galicia, mediante Acordo do 4 de febreiro de 2010 (DOG núm. 40, do 1 de marzo), aprobou definitivamente a modificación puntual do plan sectorial de áreas empresariais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para o parque empresarial de Verín (Ourense), o proxecto sectorial do parque empresarial de Verín e o correspondente proxecto de obras públicas. Así mesmo, declarou a utilidade pública e o interese social das obras, instalacións e servizos previstos, así como a necesidade de ocupación para os efectos de expropiación dos bens e dereitos necesarios para a execución do referido proxecto sectorial, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2. Mediante Resolución do 7 de febreiro de 2011 o director xeral do IGVS acordou o inicio polo procedemento de taxación conxunta e o sometemento a información pública do expediente expropiatorio dos bens e dereitos que se precisa ocupar para a execución do parque empresarial de Verín (DOG núm. 31, do 15 de febreiro). Trátase dunha expropiación urbanística e, como tal, regulada na Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUGA), Real decreto lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei do solo (TRLS) e o Real decreto 3288/1978, do 25 de agosto, que aproba o Regulamento de xestión urbanística (RXU).

3. Por Resolución do 29 de xuño de 2011 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia aprobou definitivamente o expediente de expropiación forzosa seguido polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín, promovido polo IGVS (DOG núm. 145, do 29 de xullo).

4. O 20 de xullo de 2011 o director xeral do IGVS sinalou as datas e citou os interesados para o levantamento das actas de pago e ocupación dos bens e dereitos afectados polo expediente de expropiación forzosa por taxación conxunta necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín (DOG núm. 153, do 10 de agosto).

5. Como consecuencia do trazado dunha nova vía que conectará o polígono existente coa ampliación proxectada é preciso afectar máis superficie da prevista no procedemento expropiatorio aprobado definitivamente e iniciar un expediente expropiatorio complementario dos terreos afectados pola nova vía.

6. De acordo co exposto, este expediente tramítase como unha expropiación complementaria do procedemento de taxación conxunta aprobado definitivamente e ten por obxecto a expropiación polo IGVS dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín.

Para os efectos de fixación do prezo xusto polo procedemento de taxación conxunta, para o seu pagamento aos propietarios afectados e ocupación dos predios afectados, confeccionouse o oportuno expediente, de acordo co disposto nos artigos 142 e 143 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, e artigos 201 e 202 do Regulamento de xestión urbanística.

7. Consonte o previsto nos artigos 108.5, 142 e 143 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, acórdase:

– Iniciar o expediente de expropiación complementario dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín (Ourense).

– Someter a información pública polo prazo dun mes, mediante inserción de anuncios no Diario Oficial de Galicia e nun xornal dos de maior circulación na provincia, o expediente expropiatorio complementario dos bens e dereitos necesarios para a execución do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín (Ourense), para que quen poida resultar interesado formule as observacións e reclamacións que considere convenientes, en particular no que concerne á titularidade ou valoración dos seus respectivos bens ou dereitos. Darase audiencia aos concellos de Verín e Monterrei e notificarase ao Ministerio Fiscal e publicaranse os edictos para os efectos do previsto no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

– Notificar individualmente as taxacións aos que aparecen como titulares de bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal da correspondente folla de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que poidan formular as alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación.

8. O expediente estará exposto á disposición dos interesados no Concello de Verín e nas oficinas do IGVS, sitas na Área Central, s/n, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela. Durante o dito prazo todas aquelas persoas ou entidades que se consideren afectadas poderán presentar as alegacións que consideren oportunas dirixidas ao IGVS na Área Provincial do Instituto Galego da Vivenda e Solo, sita na rúa Saenz Díez, nº 1, Ourense, ou en calquera das formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

9. Incorpórase como anexo a relación inicial de bens, dereitos e titulares.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

Teresa María Gutiérrez López
Directora xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo

ANEXO
Relación de titulares e predios afectados pola expropiación complementaria
do proxecto sectorial do parque empresarial de Verín (Ourense)

Referencia catastral

Titulares

Enderezo

Localidade

Superficie (m2)

Parcela

7333409PG2473S000100

Antonio Rivero Salgado

Asunción Fernández Rodríguez

Avda. de Portugal, 29, 3º D

Verín

693,33