Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32181

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 128/2013, do 1 de agosto, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de colectores xerais da bacía do río Mendo-fase II (concello de Salvaterra de Miño).

O Concello de Salvaterra de Miño, en sesión do día cinco de xullo de dous mil doce, aprobou o proxecto das obras de colectores xerais da bacía do río Mendo-fase II (concello de Salvaterra de Miño) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o Concello e o informe do técnico municipal, nos últimos anos levouse a cabo unha intensa actividade no relativo á dotación das infraestruturas dos servizos mínimos obrigatorios, entre eles o abastecemento de auga nas parroquias do termo municipal. Unha vez posta en servizo a subministración domiciliaria de auga e ao dispor, por tanto, dun caudal constante desta, resulta necesaria a instalación dunha rede de sumidoiros adecuada, xa que as parroquias afectadas por este proxecto carecen dela e a única depuración é a infiltración no terreo mediante pozos negros ou verteduras en regos que levan as augas residuais ata os ríos. Esta situación agrávase, ademais, ao estaren os referidos pozos saturados, o que provoca a contaminación dos acuíferos que, en moitos casos, son empregados para a captación de auga para uso humano, o que orixina un grave risco para a saúde pública.

Esta necesidade vese acentuada, ademais, polo feito de que o Concello tivo nos últimos anos un rápido aumento de poboación, xa que é un dos que máis está a crecer no sur de Galicia. A isto débese engadir o inicio das obras da Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, o que vai xerar unha grande actividade industrial.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de agosto de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras de colectores xerais da bacía do río Mendo-fase II (concello de Salvaterra de Miño). Se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, débense obter as autorizacións que sexan necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, un de agosto de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza