Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32378

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 18 de xullo de 2013 pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 13 de xuño de 2013, relativa ao estudo informativo e impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa estrada LU-546, no concello de Monforte de Lemos (Lugo).

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, así como do disposto no Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, faise pública a declaración de impacto ambiental, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 13 de xuño de 2013, relativa ao estudo informativo e ao impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546, no concello de Monforte de Lemos (Lugo).

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2013

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas

Declaración de impacto ambiental formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental no 13 de xuño de 2013, relativa ao estudo informativo e ao impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546, no concello de Monforte de Lemos (Lugo), promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (clave 2012/0110).

Antecedentes.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, como órgano substantivo por razón da materia, na súa Resolución do 29 de xuño de 2012, aprobou provisionalmente o o estudo informativo e estudo de impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546 (clave LU/09/256.00).

Este proxecto ten por obxecto a definición dun trazado para establecer unha conexión directa entre a vía de alta capacidade CG-2.1 e o parque empresarial do porto seco. Así mesmo, esta vía servirá para dar continuidade á conexión do porto seco coa N-120, creando deste xeito unha ligazón directa entre esta vía e a CG-2.1 que evite a necesidade de acceder ao núcleo de Monforte de Lemos.

No anexo I resúmese o contido do trazado do estudo informativo e no anexo II as medidas correctoras e protectoras propostas no estudo de impacto ambiental.

Dado que o proxecto se atopa comprendido no grupo 6, alínea a.1 do anexo I do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, de avaliación de impacto ambiental, dentro do procedemento de aprobación substantiva, sométese ao trámite de avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido regulamentariamente, con datado 18 de xuño de 2012 publícase no DOG (nº 137) a Resolución do 29 de xuño de 2012, da Axencia Galega de Infraestruturas (antiga Dirección Xeral de Infraestruturas), pola que se somete a información pública o estudo informativo e o estudo de impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546 (clave LU/09/256.00).

Durante este período foron presentadas alegacións por parte de particulares e administracións locais e provinciais, tendo en conta no condicionado desta declaración de impacto ambiental e, no que procede, as que teñen carácter ambiental.

Con data do 6 de maio de 2013 ten entrada o expediente ambiental, remitido pola Axencia Galega de Infraestruturas, en que se inclúen certificados de exposición, copia das alegacións presentadas no dito período e os informes da Deputación de Lugo, Adif, Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Instituto de Estudos do Territorio, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública e o Concello de Monforte de Lemos.

Cumprida a tramitación, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, formula a declaración de impacto ambiental (DIA) do estudo informativo e impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546, na provincia de Lugo (clave LU/09/256.00), no concello de Monforte de Lemos.

Declaración de impacto ambiental.

Examinada a documentación que constitúe o expediente, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que a actuación descrita é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente DIA, ademais das incluídas no estudo de impacto ambiental, tendo en conta que, no caso de que exista contradición entre o indicado na documentación presentada polo promotor e o establecido na presente declaración, prevalecerá o disposto nesta última.

Ademais do obrigado cumprimento das anteditas condicións, se se manifesta calquera tipo de impacto non considerado ata o momento, este órgano –por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo– poderá, ditar só para os efectos ambientais, condicionados adicionais aos anteriores.

As condicións establecidas poderán ser revisadas de oficio ou por solicitude do promotor co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección ao ambiente. Ademais disto, o promotor poderá solicitar a súa revisión naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na actividade, sempre que as novas medidas permitan acadar os obxectivos e fins desta. Neste último caso, o promotor remitirá esta solicitude, presentando documentación técnica que xustifique estas medidas, no prazo máximo dun (1) mes despois de lle ser notificada a presente declaración, sen que as obras poidan comenzar antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral.

A. Ámbito da declaración.

A presente declaración refírese ás obras definidas no documento estudo informativo e impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546 (clave LU/09/256.00), no concello de Monforte de Lemos, na provincia de Lugo, na configuración relativa á alternativa 2, recollida no documento nº 2 (Alternativa elixida, clave LU/09/256.00).

1. Protección da atmosfera.

1.1. Levaranse a cabo as medidas recollidas no estudo de impacto ambiental para a protección da atmosfera, incluíndo nelas o lavado das rodas dos camións á saída da zona de obras.

2. Protección dos niveis sonoros.

2.1. Cumprirase o disposto no Real decreto 1367/2007, do 19 de outubro, polo que se desenvolve a Lei 37/2003, do 13 de novembro, do ruído, no referente á zonificación acústica, obxectivos de calidade e emisións acústicas, así como, se for o caso, o estipulado nas ordenanzas municipais ao respecto.

3. Protección da calidade das augas e leitos fluviais.

3.1. Achegarase as características dos cruzamentos da estrada cos ríos, incluíndo dimensións, características, cálculos xustificativos (realizados para a enchente de T=500), situación e localización con respecto ao leito natural e grao de afección ao DPH e as súas zonas de servidume, zonas de policía e zonas inundables, co obxecto de dar cumprimento á norma 2.1.5.1.4 (Caudal máximo de enchente) á norma 2.1.5.1.12 (Vías de comunicación) e a norma 2.1.5.1.13 do Plan hidrolóxico norte I aprobado polo Real decreto 1664/1998, do 24 de xullo. Tamén se reflectirá a vexetación real afectada que permita identificar as superficies, especies afectadas tanto de porte arbóreo como arbustivo e os tipos de hábitat de interese comunitario prestando atención aos relacionados con ecosistemas fluviais catalogados pola Directiva 92/43/CEE. Localizaranse, se for o caso, as áreas de refuxio de desovadoiros no contorno do cruzamento.

3.2. A superficie mollada de todos os elementos dos viadutos e das obras de drenaxe proxectadas, en contacto coa auga, aliñarase coa dirección da corrente. As cimentacións dos piares deberán quedar por baixo da rasante orixinal do terreo, fora da zona de servidume e correctamente protexidas, de forma que o perfil natural do leito non varíe.

3.3. Canto á restauración da ribeira, as medidas estarán encamiñadas á estabilización física das marxes preferentemente con técnicas de bioenxeñaría e a posterior revexetación dos marxes do río mediante a plantación de especies autóctonas de marcado carácter ripario.

3.4. Detallaranse os itinerarios de entrada e saída da maquinaria na obra, definíndose se se van reutilizar vías ou executar outras novas. No caso da realización de novas vías e de realizarse cruzamentos sobre os ríos, mostraranse as las dimensións, as súas características, a súa situación e localización con respecto ao leito natural, sendo de aplicación a norma 2.1.5.1.4 (Caudal máximo de enchente), a norma 2.1.5.1.12 (Vías de comunicación) e a norma 2.1.5.13 (Condicionantes que deben cumprir as obras que se constrúan no dominio público hidráulico) do Plan hidrolóxico norte l.

3.5. Procederase, mediante barreiras de sedimentación, a realizar un control do movemento de terras cando este se realice nas inmediacións dos ríos, para evitar así que cheguen sedimentos ás augas superficiais. Para iso débense extremar as precaucións ao realizar traballos e movementos de terra a una distancia inferior a 5 m da marxe do curso fluvial.

3.6. Deberanse instalar as gabias de interceptación das augas no perímetro da obra e as balsas de decantación necesarias, fornecendo as coordenadas (X,Y) dos puntos de vertedura das balsas de decantación. Unha vez terminadas as obras, os lodos procedentes das balsas de decantación xestionaranse conforme a lexislación vixente, e desmantelaranse as balsas de decantación ye o resto de instalacións auxiliares construídas. Da mesma maneira deberase recoller o control periódico do funcionamento das drenaxes e das balsas de decantación dentro do programa de vixilancia ambiental.

3.7. No parque de maquinaria e instalacións auxiliares, non se permitirá a incorporación de augas de escorremento de chuvia, procedentes de zonas exteriores, ao recinto do parque.

Por iso, deberanse instalar gabias perimetrais ou outro medio de desvío das augas para evitar que se contaminen.

3.8. Os movementos de terra necesarios producen un excedente de terras que deberá ser almacenado para su uso posterior ou ben transportados a vertedoiros autorizados. Separaranse as augas de escorremento exteriores das interiores, de maneira que as augas que se incorporen ao ambiente cumpran cos parámetros de calidade adecuados.

3.9. Deberase achegar cartografía do sistema de drenaxe que inclúa toda a zona de afección, axustándose o deseño aos seguintes criterios:

– En relación á auga que poida ser necesaria para a realización da obra, lémbrase que todo o uso privativo das augas non incluído no art. 51 del Real decreto lexislativo 1/2001 requirirá concesión administrativa.

– No caso de que se realice vertedura das augas residuais procedentes de aseos, procesos ou escoremento ao dominio público hidráulico, deberase solicitar a correspondente autorización de vertedura deste organismo de bacía.

3.10. En ningún caso os aceites, combustibles, cementos e outros sólidos en suspensión producidos durante a fase de obra se verterán directamente ao terreo ou aos cursos de auga, por lo que se planificarán medidas para prever estas situacións.

4. Protección do solo.

4.1. Balizaranse e sinalizaranse as zonas de obra e todas as infraestruturas e instalacións proxectadas, e prohíbese ocupar terreos fóra do previsto. Este balizamento e sinalización deberán manterse en perfecto estado durante o transcurso das obras e serán retirados cando estas finalicen.

4.2. Tamén se procederá ao balizamento, ou, se é o caso, á sinalización de todos aqueles elementos de interese situados no contorno do proxecto (basicamente todas aquelas masas e formacións vexetais de interese ambiental e elementos do patrimonio cultural) co obxecto de evitar afeccións innecesarias sobre eles. Se é tecnicamente posible os tocos non se eliminarán, sobre todo se están na ribeira dos cursos fluviais.

4.3. No caso de que sexa necesario crear vías alternativas para a circulación dos veciños, estas estarán perfectamente indicadas e sinalizadas.

Estableceranse medidas encamiñadas ao mantemento das infraestruturas locais existentes que sexan empregadas na execución do proxecto, e repararanse as deterioracións ou danos ocasionados nelas, de ser o caso.

4.4. Escolleranse as zonas destinadas ás instalacións auxiliares (parque de maquinaria, zonas de almacenamento de materiais e residuos, vestiarios etc.), de maneira que prime o uso dos espazos ocupados pola obra fronte a calquera outro, procurando que se sitúen en espazos carentes de valores ambientais relevantes.

Ademais de nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado de maquinaria, habilitarase nas formigonaxes un sistema de recolla, condución e sedimentación de auga mesturada co formigón procedente da zona de obra, evitando que se produza algunha vertedura desta mestura a correntes de auga. Así mesmo, nas zonas para a realización de actividades de mantemento, reparación e lavado da maquinaria protexerase o solo con materiais impermeables.

4.5. No caso de necesitarse materiais de préstamo, recorrerase sempre a actividades autorizadas para este fin e evitarase, na medida do tecnicamente posible, a apertura de novas canteiras ou zonas de préstamo. Neste último caso deberá atenderse á normativa vixente respecto disto.

Así mesmo, estudarase a posibilidade de que parte dos materiais que se empreguen na construción da vía (para bases ou subbases, para a fabricación de formigonaxes, para pavimentar as vías auxiliares, para recheos pouco esixentes xeotecnicamente etc.) procedan de plantas de reciclaxe de residuos de construción e demolición.

4.6. Non estando prevista a colocación de plantas de formigón nin de aglomerado asfáltico, estes procederán de planta ou plantas externas que conten coas súas correspondentes autorizacións. No caso de ser necesario implantar unha planta propia, someterase ao informe da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

4.7. A xestión da terra vexetal que se vaia empregar na restauración das zonas degradadas, retirada previamente ao movemento de terras realizarase do xeito indicado no estudo de impacto ambiental, coidando que non se produza un movemento en masa ou deslizamento do material almacenado, para o cal se adoptarán as medidas técnicas axeitadas (colocación de barreiras físicas na cara inferior da morea etc.).

No caso de que o período de almacenamento sexa prolongado e non apareza vexetación espontánea nas moreas, realizaranse sementeiras de herbáceas (gramíneas e leguminosas) con aportes de mulch suficiente para manter entre un 5 % e un 6 % de materia orgánica.

4.8. Para a realización de cortas das especies arbóreas debe terse en conta o disposto no Regulamento de montes e debrase facer a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso.

4.9. Na documentación avaliada faise referencia á existencia dun volume de sobrantes dos movementos de terras. Respecto disto, seleccionaranse, utilizando criterios ecolóxicos, as zonas onde se realizará o depósito, tendo en conta que, no caso de que existan na zona ocos procedentes de actividades extractivas abandonadas ou de movementos de terras, primará o seu uso fronte outras zonas, sempre que sexa técnica e economicamente viable e non se encontren naturalizados e integrados no ambiente. Previamente ao depósito destes sobrantes, contarase, se é o caso, cos correspondentes permisos.

4.10. Naquelas zonas afectadas por movementos de terra, escavacións e, en xeral, todas aquelas operacións de obra que supoñan a aparición de superficies núas, procederase á súa revexetación o máis axiña posible, co obxecto de evitar a aparición de fenómenos erosivos. No caso de seren necesarias, adoptaranse medidas correctoras adicionais para corrixir a erosión, como pode ser estender de mantas de fibras naturais.

Así mesmo, ao finalizar as obras, todas as instalacións auxiliares, zonas de almacenamento de materiais e residuos etc. deberán ser desmanteladas e, no caso de que estas non se atopen instaladas sobre a propia traza, os espazos ocupados por elas deben ser restaurados á súa situación preoperacional. O mesmo é aplicable para o caso de vías de obra que non vaian ser empregadas posteriormente ao remate daquelas.

4.11. Na execución do proxecto utilizaranse prioritariamente betumes modificados con caucho e/ou betumes mellorados con caucho procedentes de pneumáticos fóra de uso. Estas indicacións realizaranse de acordo coa disposición adicional segunda do Real decreto 1619/2005, do 30 de decembro, sobre la xestión de pneumáticos fóra de uso, que establece que as administracións públicas promoverán a utilización de materiais reciclados de pneumáticos fóra de uso e a de produtos fabricados con materiais reciclados procedentes dos ditos residuos sempre que cumpran as especificacións técnicas requiridas, as cales se establecen na Orde circular 21/2007, da Dirección Xeral de Estradas, sobre o uso e especificacións que deben cumprir os ligantes e mesturas bituminosas que incorporen caucho procedente de pneumáticos fóra de uso, no Manual de emprego de pneumáticos fóra de uso en mesturas bituminosas, do CEDEX, así como na Orde ministerial 891/2004, do 1 de marzo, que aprobaba modificacións do prego de prescricións técnicas xerais para obras de estradas e pontes (PG-3).

5. Xestión de residuos e verteduras.

5.1. Os restos vexetais que se produzan deberán ser xestionados axeitadamente, prevalecendo sempre a súa valorización. No caso de depositalos no terreo, deberán ser triturados e espallados homoxeneamente para permitir unha rápida incorporación ao solo.

5.2. Os residuos xerados recolleranse e xestionaranse conforme a súa natureza e a lexislación vixente, primando a reutilización e a reciclaxe fronte á vertedura.

Tendo en conta a política de xestión de residuos de construción e demolición que está a levar a cabo esta secretaría xeral, estudarase a posibilidade de que, no caso de que se xeren este tipo de residuos (demolición de edificacións, restos de obras de fábrica etc.), sexan reciclados co fin de empregalos na propia obra. En caso de que isto non sexa posible, serán entregados a un xestor autorizado.

5.3. Ao finalizar as obras, e antes do inicio da fase de explotación, recoméndase ter retirado e xestionado a totalidade dos residuos de obra.

5.4. Non se queimarán residuos, material excedente, restos vexetais e/ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras, salvo que se obteña o oportuno permiso.

5.5. Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar derramos accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

6. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6.1. Dado que as actuacións supoñen o cruzamento sobre o LIC Río Cabe, débese considerar como prioritario o cruzamento sobre o dito sistema mediante unha estrutura tipo viaduto sen posibilidade de reformar o proxecto que cambie esta estrutura; evitando, na medida do tecnicamente posible, a disposición de piares no leito así como tamén de piares e estribos no ámbito do LIC (o que deberá ser desenvolvido no proxecto construtivo). Ademais, o proxecto construtivo deberá expor co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere una medida directamente executable, o deseño das oportunas e específicas medidas preventivas, de control e corrección da potencial incidencia das obras sobre a calidade das augas e medios fluviais; así como dos adecuados protocolos de seguimento e control destas.

Neste marco, o deseño da estrutura de cruzamento sobre o Cabe terá en conta a altura media do arboredo de ribeira nas zonas, así como a súa composición florística e estado de conservación, todo iso co obxecto de evitarlle afeccións.

6.2. A anterior medida é igualmente aplicable ao caso da restante rede fluvial interceptada polo trazado, dado que calquera alteración sobre ela ou a calidade das súas augas, se trasladaría rapidamente ao LIC.

6.3. Así mesmo, visto o artigo 1 da Lei 5/2006, do 30 de xuño, para a protección, a conservación e mellora dos ríos galegos, que declara de interese xeral a conservación do patrimonio natural fluvial da Comunidade Autónoma de Galicia e, así mesmo, o artigo 16 da Lei 7/1992, do 24 de xullo, de pesca fluvial, que declara de interese xeral a conservación das formacións vexetais nas marxes dos ríos e regueiros, estímase que se debe maximizar o respecto por aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexan interceptados polo trazado previsto.

Por tanto, hai que resaltar que as estruturas máis respectuosas co ambiente nos puntos de intersección entre cursos fluviais e infraestruturas lineares, son os viadutos e pontes, xa que respectan o leito natural dos ríos e regos. Por este motivo, o proxecto construtivo deberá primar o emprego destas estruturas para que non se afecte os leitos dos cursos fluviais nin os desprazamentos da fauna asociada nas épocas de estiaxe debido á escasa lámina circulante ou á elevada velocidade (é o caso das estruturas tipo marco ou tubo). Ademais, para protexer a vexetación de ribeira que forma parte do ecosistema fluvial, deberanse colocar os estribos das pontes ou piares a máis de 5 metros de cada lado do leito, para facilitar o tránsito da fauna terrestre e anfibia, así como para permitir o paso aos pescadores.

No entanto, cando non se poida utilizar este tipo de estruturas é preferible empregar as estrutura tipo arco, que non afectan o leito dos cursos, antes que as de tipo marco ou tubo. No suposto de ter que empregar as estruturas tipo marco ou tubo en canles de escasa entidade, estas deberán de quedar soterradas un mínimo de 40 centímetros por baixo do leito fluvial para permitir a creación dunha canle de características semellantes ás orixinais.

Estas cuestións deberán quedar suficientemente detalladas e xustificadas a nivel do proxecto construtivo.

6.4. Para minimizar a posibilidade de impacto do proxecto sobre especies da flora e fauna de interese especial presentes no territorio, o proxecto construtivo integrará os resultados dunha prospección que se realizará ao respecto da presenza e/ou uso do territorio afectado por parte das especies antes sinaladas; e proporá, se é o caso, as oportunas e específicas medidas preventivas, protectoras e correctoras, medidas cuxa definición terá o nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere una medida directamente executable. Complementariamente, o programa de vixilancia ambiental integrará os protocolos de verificación e control de impactos e medidas correctoras correspondentes.

6.5. Para evitar a fragmentación dos hábitats, completarase o estudo de corredores faunísticos no territorio realizado na fase de EsIA e desenvolverase un estudo respecto á incidencia do trazado sobre a conectividade actual do ámbito; deles deberá derivarse unha adecuada proposta de permeabilización da infraestrutura ao paso da fauna. Para iso, preverase a disposición de pasos de fauna naqueles puntos que funcionen como corredores ecolóxicos, integrando as adaptacións precisas para asegurar a súa funcionalidade como tales, polo que o proxecto construtivo o deberá expor co nivel de detalle e dotación orzamentaria suficiente como para que se considere una medida directamente executable o deseño das oportunas e específicas medidas de adaptación do trazado á fauna. Complementariamente, o programa de vixilancia ambiental integrará os protocolos de verificación e control de impactos e medidas correctoras correspondentes.

Igualmente, considerarase a necesidade de evitar a intrusión lumínica na proposta de permeabilización da vía ao paso da fauna.

6.6. Respecto das medidas propostas polo estudo, cabe realizar unha serie de consideracións:

– Evitarase que as balsas de decantación propostas afecten a hábitats naturais de interese comunitario.

– Xustificarase o dimensionamento das anteditas balsas e especificaranse os equipamentos con que se dotarán para garantir a ausencia de afeccións á calidade das augas do río Cabe.

Por outra banda, na realización do proxecto construtivo teranse en conta, ademais das anteriores, as seguintes condicións, coa finalidade de realizar unhas obras coas mínimas afeccións ambientais:

– De atoparse ou demostrarse a existencia de especies incluídas no Catálogo galego de especies ameazadas, prohíbese calquera actuación que as afecte.

Neste suposto, comunicarase ao Servizo de Conservación da Natureza para que tome as medidas oportunas e, se é o caso, solicitar a correspondente autorización administrativa, segundo recolle o artigo 11 do Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

– Terase en conta o establecido no punto 3 do artigo 45 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade, para evitar a deterioración ou a contaminación dos hábitats fóra da Rede Natura 2000 recollidos no Inventario nacional de hábitats, poñéndoo en coñecemento do Servizo de Conservación da Natureza de Lugo.

– Evitar modificar as zonas de escoamento para non influír nos ecosistemas naturais augas abaixo da infraestrutura. Neste senso, deberanse colocar tantos pasos de auga como valgadas teña o terreo e dimensionaranse adecuadamente para evitar o efecto presa en épocas de máxima precipitación. Esta medida será utilizada como paso pola pequena fauna (anfibios, réptiles e micromamíferos).

– As estruturas transversais que funcionen como pasos de fauna irán revexetadas con especies autóctonas e locais para canalizar a fauna por esa zona e así diminuír o efecto barreira da infraestrutura.

– Todas as augas que saian das zonas de instalacións das obras serán derivadas e sometidas a un sistema de desbaste e decantación de sólidos.

– Todas as augas procedentes das formigonaxes, especialmente no caso dos procesos construtivos dos piares dos viadutos que se dispoñen no ámbito do LIC, serán derivadas e sometidas a un sistema de desbaste e decantación de sólidos, regulación do pH e eliminación de aceites e graxas.

– Preveranse zonas de provisión e préstamos. Os vertedoiros permanentes e temporais de terras e as instalacións auxiliares situaranse en zonas de mínima afección ecolóxica, paisaxística e de pouco interese natural.

– Evitarase depositar residuos ou produtos sólidos en zonas onde os escoamentos produzan arrastres aos cursos fluviais coa conseguinte contaminación de augas continentais.

– En todo momento as augas susceptibles de ser afectadas polas obras cumprirán o preceptuado no artigo 80 sobre calidade mínima exixible ás augas continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais).

– Establecerase a recolla, almacenamento, conservación e/ou xestión da terra vexetal afectada polas obras. Dada a importancia do solo vexetal, por conter as características da zona, utilizarase na recuperación de zonas degradadas.

– Procederase á estabilización de noiros de forma inmediata para evitar que os procesos erosivos provoquen desprendementos.

– Tomaranse as medidas de seguranza necesarias para evitar verteduras accidentais dos tanques de almacenamento de produtos como aceites, graxas e carburantes de motores.

– Xestionaranse todos os residuos que se xeren en función da súa natureza e conforme á lexislación vixente, primando a reciclaxe ou reutilización fronte á vertedura.

– Integración estética no medio das obras que se executen, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

– No caso de corta de vexetación, cinguirase á estritamente necesaria para a execución da obra e conforme as autorizacións pertinentes.

– Delimitarase correctamente o terreo que vaian ocupar os labores do proxecto, co fin de diminuír a perda innecesaria e a alteración de formacións vexetais polo tráfico de maquinaria. Esta medida de corrección é imprescindible e de carácter preventivo.

– En relación coa época para realizar as operacións de despexe e desbroce da vexetación, é conveniente que a súa execución sexa fora da época de cría das aves, por ser esta a máis representativa e delicada para a maioría dos vertebrados.

– Por último, se se demostrar calquera afección sobre os valores naturais da zona, tomaranse inmediatamente as medidas adecuadas para paliar a dita afección, e será o Servizo Provincial de Conservación da Natureza quen decidirá sobre a solución que se deba adoptar, así como as actuacións precisas ou as medidas compensatorias adecuadas para corrixir os efectos producidos.

Así mesmo, estímase que o programa de medidas adoptadas debe figurar desenvolvido no proxecto construtivo, integrando o derivado das anteriores consideracións, como segue:

– Definición contractual das medidas correctoras.

– Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes planos e cronogramas de obras.

– Coordinación de medidas de integración ambiental coa obra. Plan de obra.

– Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do plan de obra, tendo en conta:

– Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

– As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

– En moitas ocasións prodúcense efectos sobre a fauna e a flora que poden causar graves prexuízos, e débese dar unha solución coherente.

– Orzamento.

Todas as medidas de integración ambiental irán orzadas, da mesma maneira que o conxunto do proxecto.

– Criterios para o seguimento das medidas.

– Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

7. Protección do patrimonio cultural.

7.1. Todos os elementos patrimoniais recollidos e os seus contornos de protección deberán figurar nos planos de obra, incluída a propia traza. Estes elementos e o seu contorno deberán sinalizarse na fase previa ao inicio das obras.

7.2. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural para o seu informe vinculante, no cal se deberán incluír os resultados do estudo específico de avaliación do impacto sobre o patrimonio cultural, así como un plan global de medidas protectoras e correctoras para a protección e conservación dos diferentes elementos do patrimonio arqueolóxico. Este plan deberá recoller a necesidade de levar a cabo, como medida xenérica, un control e seguimento arqueolóxico das fases de implantación, de execución de obra e de restitución dos terreos, para o que será necesaria a presentación dun proxecto que terá que ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, na fase previa ao inicio da obras.

Con base nos resultados das actuacións arqueolóxicas, en cada unha destas fases, se for necesario, decidirase sobre a conveniencia de establecer outras medidas de protección. Terase en conta que na fase de implantación serán revisados os impactos e será avaliada a aplicación das correspondentes medidas correctoras.

7.3. Todas as actuacións arqueolóxicas deberán ser realizadas por técnicos arqueólogos, de acordo cun proxecto presentado que deberá ser autorizado pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, tal e como se estipula no artigo 61 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 199/1997, do 10 de xullo, que regula a actividade arqueolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia. O deseño dos proxectos, así como a súa execución, desenvolveranse en coordinación coa citada dirección xeral.

7.4. No caso de detectarse calquera tipo de evidencia de carácter arqueolóxico no transcurso da realización das obras de construción, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, como organismo competente, decidirá a conveniencia de establecer as medidas protectoras e correctoras necesarias.

7.5. Deberá informarse o equipo de control e seguimento arqueolóxico de calquera cambio no lugar ou características das zonas de préstamo, canteiras, parques de maquinaria, vías de acceso ás obras, instalacións auxiliares, entulleiras e vertedoiros. No caso de que poidan afectar ao patrimonio cultural, está circunstancia deberá comunicarse á dirección xeral o máis axiña posible.

7.6. Avaliarase o grao de afección xerada na zona de vertedura prevista no lugar en que se localizaba o elemento O Regueiral II (GA 27031026).

8. Integración paisaxística e restauración.

8.1. Definiranse as medidas precisas para consolidar os noiros e terrapléns que se xerarán durante os movementos de terra. De entre as medidas posibles, seleccionaranse aquelas que contribúan a unha mellor integración paisaxística (revexetación, estendedura de mantas de fibras naturais etc).

Procurarase que a configuración final dos noiros sexa o máis tendida posible, evitando as formas angulosas e rectilíneas, co fin de maximizar a integración paisaxística da actuación no contorno.

8.2. Procurarase a integración estética no contorno das obras que se vaian executar, diminuíndo o impacto visual e paisaxístico. As superficies afectadas polas obras ou aquelas zonas que se pretendan repoboar recuperaranse ou revexetaranse con especies autóctonas e locais da zona. Ademais, levarase a cabo o seu correspondente seguimento para conseguir o fin esperado.

8.3. O proxecto de construción definitivo deberá incorporar un novo deseño do viaduto, as simulacións visuais dos viadutos e pasos superiores e as oportunas medidas correctoras que garantan unhas axeitadas condicións de integración paisaxística da obra.

8.4. O proxecto de construción definitivo deberá ser remitido ao Instituto de Estudos do Territorio (antiga Dirección Xeral de Sustentabilidade e Paisaxe) para o seu informe.

9. Programa de medidas correctoras.

O programa de medidas correctoras adoptadas deberá desenvolverse no proxecto construtivo, tendo en conta as seguintes condicións:

• Definición contractual das medidas correctoras:

• Todas aquelas medidas correctoras, protectoras e compensatorias deberán de quedar definidas a nivel executable e incluiranse nos correspondentes plans e cronogramas de obras.

• Coordinación de medidas de integración ambiental co resto da obra. Plan de obra:

Todas as medidas correctoras, protectoras e compensatorias formuladas deben programarse dentro do Plan de obra, tendo en conta:

• Que a integración ambiental non é un tema subordinado á funcionalidade da obra.

• As medidas de integración deben programarse igual que o resto das actuacións.

• Orzamento:

• Todas as medidas de integración ambiental irán orzadas da mesma forma que o conxunto do proxecto.

• Criterios para o seguimento das medidas:

• Deben establecerse os custos e as medidas de xestión correspondentes.

10. Programa de vixilancia ambiental.

10.1. Aspectos xerais.

O obxecto deste programa será o de garantir ao longo do tempo o cumprimento das medidas protectoras e correctoras recollidas no estudo de impacto ambiental e no condicionado da presente declaración, así como incorporar procedementos de autocontrol por parte do promotor. O programa debe permitir detectar, cuantificar e corrixir diferentes alteracións que non se puidesen prever no estudo ou no condicionado desta DIA, e levar a cabo novas medidas correctoras acordes coas novas problemáticas xurdidas para cada unha das fases de proxecto (obras e explotación).

Para tal fin, e tomando como base o plan de seguimento proposto no estudo ambiental, deberanse incorporar os controis necesarios para adaptalo aos condicionantes xurdidos da presente declaración.

Será responsabilidade do órgano substantivo que o programa que finalmente se desenvolva neste senso permita acadar os fins sinalados no parágrafo anterior. Asemade, teranse en conta as seguintes consideracións:

• Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, designarase un/s responsable/s desta.

• As tomas de mostras e as medicións deberán ser representativas e, por tanto, deberán realizarse durante os labores con maior incidencia sobre os aspectos obxecto de control.

• Todas as medicións e/ou análises do programa de vixilancia deberán ser realizadas por un organismo de control autorizado ou entidade homologada, e os resultados deberán vir asinados por un técnico da dita entidade.

• Tanto os puntos de medición seleccionados como os de tomas de mostras, así como a periodicidade dos controis, poderán ser revisados con base nos resultados obtidos.

• No caso de que se detecten, como resultado do seguimento en calquera das súas fases, impactos imprevistos ou alteracións que superen os limiares establecidos na lexislación aplicable ou nesta declaración, comunicarase inmediatamente ao órgano substantivo propoñéndose as medidas correctoras precisas para corrixilas. Se se pon de manifesto a existencia de impactos ambientais severos ou críticos, o órgano substantivo poñerá este feito en coñecemento da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

10.2. Aspectos específicos.

Ademais do indicado no punto 10.1, o programa de vixilancia ambiental deberá incluír especificamente o seguinte:

• Plan de control da calidade da auga dos cursos fluviais afectados polas obras, indicando a metodoloxía, periodicidade e os límites dos diferentes parámetros, seleccionando puntos de toma de mostras augas arriba e augas abaixo da zona dos cursos fluviais afectados. Considérase que, como mínimo, os parámetros que se deben analizar son os seguintes: temperatura, materias en suspensión, pH, oxíxeno disolto, condutividade, aceites e produtos lubricantes.

Estes controis deberán permitir coñecer o grao de cumprimento dos obxectivos de calidade indicados no Decreto 130/1997, do 14 de maio, polo que se aproba o Regulamento de ordenación de pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais.

• Plan de seguimento dos ruídos, tanto durante as obras como durante a explotación da estrada, debendo constar os puntos de mostraxe, a metodoloxía, a periodicidade e os límites que se impoñen, elixindo para a realización das medicións puntos localizados en zonas onde a estrada se sitúe próxima a vivendas ou edificacións habitadas. Este plan de seguimento acústico basearase no establecido no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

• Plan de vixilancia do sistema de drenaxe durante a fase de explotación da vía, comprobando se se levan a cabo os labores de limpeza e conservación del, de xeito que cumpra a súa función dun xeito efectivo.

• En todos os casos se situarán os puntos de control propostos nun plano a escala 1:5.000 ou con maior detalle.

10.3. Informes do programa de vixilancia.

Os informes do programa de vixilancia e seguimento ambiental serán elaborados pola Axencia Galega de Infraestruturas, a quen lle corresponde, ademais, o seguimento e vixilancia do cumprimento do condicionado da declaración conforme o establecido na normativa ambiental. Estes informes deberán estar asinados polo/s técnico/s responsable/s da súa elaboración, coa supervisión -se é o caso- do responsable do control do seguimento ambiental.

10.3.1. Informes que se presentarán na fase de obras.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA elaborando os informes do seguimento ambiental que se sinalan de seguido e remitindo unha copia deles á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

a) Trimestralmente:

• Cronograma actualizado das obras.

• Representación nun plano dos avances dos traballos e porcentaxe de execución das obras respecto ao total, referido aos distintos elementos que as conforman.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis salientables da actuación, así como das zonas onde se adoptaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicaranse a data e a hora e acompañaranse dun plano de localización.

• Resultados do control da calidade das augas superficiais e do plan de seguimento dos ruídos producidos polas obras, incluíndo no primeiro informe trimestral medicións preoperacionais da presión sonora e da calidade das augas.

• Neste informe indicaranse as variacións producidas con respecto ao proxectado.

b) Antes da emisión da acta de recepción:

• Memoria-resumo sobre o seguimento ambiental realizado en que quede constancia das medidas protectoras e correctoras adoptadas en cumprimento do disposto nesta DIA.

• Informe, se é o caso, das variacións introducidas ao longo das obras respecto do proxectado.

• Reportaxe fotográfica que mostre con detalle os aspectos ambientais máis relevantes da actuación, así como das zonas onde se aplicaron medidas protectoras e correctoras. Nas fotografías indicarase a data e a hora, e deben ir acompañadas dun plano de localización.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

10.3.2. Informes que se presentarán na fase de explotación.

A Axencia Galega de Infraestruturas levará a cabo o programa de vixilancia ambiental de acordo co indicado no número 10 desta DIA elaborando anualmente un informe do seguimento ambiental que inclúa:

• Memoria do seguimento realizado de acordo co programa de vixilancia ambiental.

• Reportaxe fotográfica onde se reflicta a integración paisaxística da actuación, indicando a data, a hora e a localización dos puntos da toma das fotografías nun plano.

• Resultados do plan seguimento dos ruídos producidos pola explotación da infraestrutura.

• Resultados do plan seguimento das obras de drenaxe e estruturas para a fauna, verificando a súa correcta funcionalidade.

• Incidencias producidas e medidas adoptadas para a súa resolución.

• A duración da vixilancia ambiental nesta fase establecerase en función dos resultados obtidos ao levar a cabo este programa.

11. Outras condicións.

11.1. Incorporaranse ao deseño do proxecto todas aquelas prescricións que deriven do informe elaborado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), considerando especialmente:

– Protección adecuada de noiros con obras de contención ante o desprendemento de materiais.

– Sementeira de noiros en terra, para evitar o arrastre de materiais cara á vía férrea.

– Establecer pasos transversais de fauna en lugares estratéxicos da traza.

– Non poderán constituírse vertedoiros dentro da zona de protección ferroviaria.

11.2. Co obxecto de acadar a máxima coordinación e eficacia no cumprimento da presente declaración, deberase informara á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, antes do inicio das obras, da persoa responsable (dirección facultativa ou oficina técnica encargada do control dos traballos).

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2013. Justo de Benito Basanta, secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

ANEXO I
Resumo da actuación descrita na documentación avaliada

Todas as alternativas se caracterizan por estaren deseñadas como estrada convencional con limitación de accesos e cunha velocidade de proxecto de 100 km/h. Así mesmo, ao longo do trazado as conexións coa rede existente teñen lugar unicamente nos puntos inicial e final do trazado e resólvense mediante interseccións xiratorias tipo rotonda. Non existen, por tanto, interseccións ou enlaces adicionais, estas interseccións localizadas nos puntos inicial e final do trazado corresponden, respectivamente coa rotonda situada no enlace Monforte norte da VAC CG.-2.2 que comunica coa propia CG-2.2 e coa LU-546.

Descrición do trazado da alternativa seleccionada (alternativa 3).

A actuación proposta deseñouse como unha estrada convencional con limitación de accesos e cunha velocidade de proxecto de 100 km/h. Así mesmo, ao longo do trazado as conexións coa rede existente teñen lugar unicamente nos puntos inicial e final do trazado, e resólvense mediante interseccións xiratorias tipo rotonda. Non existen, por tanto, interseccións ou enlaces adicionais. Estas interseccións localizadas nos puntos inicial e final do trazado corresponden, respectivamente coa rotonda de conexión do porto seco que o comunica con este e coa estrada de conexión coa N-120, e coa rotonda situada no enlace Norte da VAC CG-2.2, que comunica coa propia CG-2.2 e coa LU-546.

missing image file

Descrición do ambiente

A área de estudo sitúase no val de Lemos, localizado nunha depresión tectónica drenada polo río Cabe e os seus afluentes. Esta zona caracterízase polas súas terras chas e onduladas, rodeadas por un chanzo ascendente de montañas que pecha a depresión na súa totalidade, excepto cara ao sueste, onde se localiza o río Cabe no seu descenso cara ao río Sil.

A zona de estudo encrávase na subbacía do río Cabe (pertencente á bacía do río Miño), afluente do Sil. O dito río presenta asociadas destacables comunidades de ripisilvas de elevado valor ecolóxico, o que leva á protección destes hábitats mediante a inclusión na rede ecolóxica internacional da Rede Natura 2000, mediante a figura de lugar de importancia comunitaria (LIC), que está protexida, así mesmo, a nivel autonómico polo Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais.

Existen outros cursos de auga na zona de estudoque teñen menor entidade que o anteriormente mencionado río Cabe, e son todos eles cursos tributarios do mesmo río, e presentan, nalgúns casos, carácter intermitente e temporal.

Entre os regatos que tributan ao río Cabe, no contorno próximo da área de estudo, cabe destacar o regato de Rioseco, o regato do Val de Lemos e o Mao.

No ámbito de estudo localízase un espazo incluído na Rede Natura 2000 e na Rede Galega de Espazos Protexidos baixo a figura de zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN). Este espazo denomínase Río Cabe (código LIC ES1120016) e está ligado ao curso fluvial do mesmo nome, cuxas características máis detalladas se describen a seguir: tramos alto e medio da subbacía do río Cabe, afluente do Sil. O espazo natural abrangue desde moi preto do seu nacemento (monte de Loureira, O Incio) ata o lugar onde se produce a incorporación do seu afluente, o río Ferreira (Pantón). Inclúe, así mesmo, tramos dos seus tributarios Carabelos, Cinsa e Mao, co seu afluente o Noceda.

A principal vulnerabilidade deste espazo é a contaminación das augas e a deterioración da vexetación riberega por eliminación mediante cortas que haberán realizarse.

A superficie total do espazo natural ascende a 1.576,53 ha.

ANEXO II
Resumo das medidas protectoras e correctoras propostas
no estudo de impacto ambiental

As medidas correctoras que se consideran necesarias para minimizar, compensar ou cambiar a condición dos impactos ou riscos que poidan derivar da execución do estudo informativo e impacto ambiental da obra de conexión do porto seco de Monforte coa LU-546 son as que a seguir se resumen:

Protección contra a emisión de po e gases.

Co fin de minimizar a emisión de po durante a fase de obras, especialmente durante a fase de movemento de terras, realizaranse regas periódicos con camións cuba, sobre todo na época de baixa pluviometría, tanto na zona de actuación como na zona de amoreamento de materiais. Estas medidas intensificaranse nas proximidades dos núcleos de poboación como O Outeiriño, Bergazos ou O Freixo.

Evitarase a concentración excesiva de maquinaria e, no caso de ser necesario o transporte de material pulverulento, tanto na zona de obras como nas estradas circundantes, as caixas dos camións cubriranse con lonas para evitar a xeración de po ou derramos de materiais.

Respecto á contaminación da atmosfera pola emisión de gases de combustión, vixiarase que a maquinaria cumpra coa normativa vixente respecto ás emisións de gases. Así mesmo, controlaranse os prazos de revisión destas máquinas (ITV). Antes do comezo das obras, todos os vehículos e maquinaria que se empreguen garantirán, mediante as revisións pertinentes, os seguintes aspectos: correcto axuste dos motores, adecuación da potencia da maquinaria ao traballo que se desenvolva, emprego de catalizadores, estado correcto dos tubos de escape.

Durante descansos e paradas prolongadas da actividade, apagaranse as máquinas, minimizando así a emisión de gases e material de partículas á atmosfera.

Para rematar, prohibirase totalmente a queima de residuos, material excedente, restos vexetais ou calquera tipo de resto procedente da execución das obras.

Medidas protectoras contra a contaminación acústica.

Durante a execución das obras e como consecuencia das voaduras, movemento de terras ou transporte de materiais, produciranse incrementos nos niveis sonoros.

Como medida preventiva para minimizar o incremento dos niveis sonoros producidos pola maquinaria empregada, levarase o correcto mantemento desta, de forma que se axusten ao establecido na lexislación vixente e vixiaranse os prazos de revisión.

Os niveis de presión sonora que resulten da execución das obras non poderán exceder en ningún caso, os límites establecidos na Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica (DOG nº 159, do 28 de agosto), polo que deberá comprobarse o nivel de emisión sonora a través de medicións de ruído realizadas naqueles puntos máis sensibles.

Ademais, teranse en conta as seguintes precaucións, co fin de atenuar o ruído durante a fase de obras:

Emprego de compresores e perforadoras de baixo nivel sónico, martelos pneumáticos e hidráulicos, e en xeral, maquinaria con carcasas protectoras de motores.

Emprego de materiais resistentes, como a goma, a fibra de vidro ou a espuma de poliuretano para reducir o ruído xerado polo choque de material contra as superficies metálicas e as vibracións desde os equipamentos ás estruturas que os soportan.

Non descargar o material desde altura, especialmente se é graúdo.

Non se realizará ningunha acción de proxecto en período nocturno, a non ser que sexa estritamente necesario e sempre baixo a autorización da dirección de obra.

Prohibirase o uso de sirenas, bucinas ou outros medios sonoros de sinalización, excepto naqueles labores en que sexa necesario para evitar riscos e accidente tales como avisos de voaduras ou sinalización de marcha atrás de vehículos pesados.

Manteranse os motores apagados durante pausas prolongadas.

Limitarase a velocidade dos vehículos e canalizarase o tráfico fóra dos núcleos urbanos.

Tentarase reducir o tráfico empregando de vehículos de maior tamaño.

Canto ás voaduras, se foren precisas, deberán terse en conta, ademais, as seguintes consideracións:

– Minimizarase a presión do barreno e optimizarase o consumo específico de explosivo deseñando coidadosamente as voaduras, así como a xeometría da fronte.

– Minimizarase a carga de explosivo por unidade de microrretardo, reducindo o tempo de perforación, acurtando a lonxitude dos barrenos, seccionando as cargas dentro do barreno e iniciándoas en tempos distintos ou empregando un maior número de detonadores ou tempo de retardo mediante o emprego de explosións secuenciais e reglés de microrretardo, en caso de superarse a serie comercial de detonadores eléctricos.

– Reducirase o número de barrenos con detonadores instantáneos, xa que presentan menor dispersión que os números máis altos da serie.

– Elixiranse tempos de retardo de xeito que a voadura progrese ao longo do fronte a unha velocidade inferior á do son.

– Deberase, ademais, dispoñer de secuencia de iniciación, de modo que esta progrese desde o punto máis próximo ao receptor e avance afastándose del.

– Aumentarase o confinamento das cargas de explosivo cunhas lonxitudes de retacado grandes (superiores a 25 veces o diámetro) pero non excesivas, empregando o material inerte adecuado.

– Non se poderán realizar voaduras cando a dirección do vento coincida coa marcada pola propia pega e as áreas habitadas próximas.

Desta forma preténdese evitar, na medida do posible, calquera molestia aos asentamentos da poboación así como ás comunidades faunísticas presentes.

Medidas protectoras contra a xeración de vibracións.

As voaduras poden provocar danos no terreo e edificacións, así como afeccións ás comunidades faunísticas presentes, ademais de aos núcleos de poboación.

Con obxecto de previr a xeración de vibracións que poidan ocasionar danos sobre edificios próximos, deberá realizarse un estudo de vibracións previo á execución da actuación, estudo que deberá incorporarse ao correspondente proxecto construtivo. O correspondente estudo de vibracións desenvolverase seguindo o establecido na norma UNE 22-381-93 sobre control de vibracións producidas por voaduras.

Así mesmo, e co obxecto de minimizar o impacto producido pola xeración de vibracións como consecuencia das voaduras, seguiranse como norma xeral as recomendacións expostas no punto anterior con respecto ás voaduras.

Medidas protectoras contra a xeoloxía e xeomorfoloxía.

Xestión do material sobrante.

Tal e como se comentou anteriormente, a solución ambientalmente máis axeitada é o reemprego dos materiais que non poidan ser reempregados na propia obra.

O balance de terras da alternativa seleccionada (Alternativa 2) é o seguinte:

Volume de desmonte (m3) 305.145.

Volume de terraplén (m3) 273.886.

Volume de terra vexetal (m3) 89.040.

Por tanto, á vista da táboa anterior, pode apreciarse que sobran excedentes da obra para o recheo e a terraplenaxe, existindo sobrantes dado que a terra vexetal se reempregará nas tarefas de restauración vexetal e integración paisaxística.

Non obstante, no caso de ter que fornecerse materiais de instalacións externas, deberán proceder de instalacións autorizadas cos correspondentes permisos.

Solicitarase información ao órgano competente na materia sobre canteiras abandonadas ou en activo, susceptibles de recibiren materiais excedentes da execución desta obra, ou ben que poidan facilitar materiais necesarios para a execución da obra, facendo fincapé na necesidade de que se proporcione a información sobre o estado legalizado destas canteiras e a disposición do preceptivo plan de restauración aprobado.

Control de riscos xeolóxicos.

Co fin de garantir o conxunto de actuacións establecidas, consideráronse as recomendacións establecidas no anexo xeolóxico, minimizándose así os riscos inducidos no terreo pola execución da obra.

Noiros de desmonte recomendados:

No solo:

– Os desmontes escavaranse en solos de arxilas vermellas con margas verdes e gravas.

Isto deu coma resultado a adopción de noiros 1H : 1V para alturas máximas de desmonte de 15 m, e 3H:2V para noiros de hasta 22 m de altura.

Recheos e obras de pedra:

Os recheos proxectados para as distintas alternativas poderán realizarse cos materiais procedentes das distintas escavacións ou de préstamos próximos á obra. Os distintos tipos de recheos deberán ter as seguintes características básicas, segundo o prego de prescricións técnicas xerais de estradas PG-3:

Terrapléns:

De acordo ao actual PG-3 e a Orde FOM/1382/2002, os materiais para terrapléns que vaian formar parte dos recheos deben cumprir as seguintes características:

En coroación de terrapléns deberán empregarse solos axeitados ou seleccionados, ou solos tolerables estabilizados con cal ou cemento. En núcleos e alicerces de terrapléns deberán empregarse solos tolerables, axeitados ou seleccionados.

Os noiros recomendados deben ser 3H:2V para recheos de ata 12,5 m de altura e 2H:1V para recheos de ata 15 m de altura.

Pedrapléns:

As rochas axeitadas para recheos de tipo pedraplén deberán de ser de natureza sedimentaria ou metamórfica resistente e sen alteración nin evolutividade (perda en peso ao somerxerse en auga 24 horas <2 %). O material, unha vez compactado, deberá cumprir as seguintes condicións para o seu emprego como recheo de tipo pedraplén:

– Contido en peso das partículas que pasen polo burato 20 UNE será <30 %.

– Contido en peso de partículas que pasen polo burato 0,080 UNE será <10 %.

– Tamaño máximo será 100 mm e 900 mm.

O contido de peso de partículas con forma non axeitada será <30 %, sendo aquelas partículas na que se verifique:

(I+G)/23E; sendo L(lonxitude)=separación máxima entre 2 planos paralelos tanxentes á partícula; G(grosor)=Diámetro do burato circular mínimo polo que pode atravesar a partícula; E(espesor)=separación mínima entre 2 planos paralelos tanxentes á partícula; os valores de L, G e E non deben ser necesariamente medidos en 3 direccións perpendiculares entre si.

Recheos todo-nun:

Os recheos todo-un son materiais que teñen condicións granulométricas intermedias das necesarias para ser consideradas pedraplén ou terraplén.

As condicións granulométricas necesarias para que un material se poida considerar óptimo como recheo de tipo todo-un son as que a seguir se enumeran:

– Pasado polo baruto 20 UNE <70 % e >30 % ou <30 %.

– Pasado polo baruto 0,080 UNE <35 % ou >10 %.

Ademais, tamén os que cumpren a condición de pedraplén, pero cuxo tamaño máximo é <100 mm.

Protección das augas.

O risco de contaminación das augas superficiais durante a fase de execución concéntase na contaminación dos ríos presentes, así como dos cursos temporais e enxurradas que ou se infiltran no terreo ou tributan a algún dos regos que acaba desaugando no río Cabe.

Queda totalmente prohibida a acumulación de terras, entullos, material de obra ou calquera outro tipo de material e substancias na zona de servidume dos leitos fluviais presentes no ámbito das obras ou interferindo coa rede natural de drenaxe, para evitar a súa incorporación ás augas no caso de escorremento superficial, choivas e crecidas do caudal.

Ademais, para protexer as augas subterráneas fronte ás verteduras accidentais en superficie, as instalacións auxiliares instalaranse lonxe das zonas máis sensibles, en zonas impermeables e de escaso valor ecolóxico.

Se foren necesarios as labores de mantemento de maquinaria non apta para a circulación por estrada, construirase unha gabia perimetral convenientemente impermeabilizada que recolla as verteduras accidentais, así como unha balsa de decantación.

As verteduras de aceites e graxas da maquinaria de obra, así como os lodos procedentes da balsa de decantación, recolleranse nun contedor e serán recollidos por un xestor autorizado, de acordo ca lexislación en vigor.

O almacenamento temporal dos residuos, mentres non son entregados a un xestor autorizado, farase nunha zona habilitada para tal fin, convenientemente sinalizada, na cal se disporán os contedores, así como os medios necesarios para evitar calquera posible afección ao solo, e ás augas superficiais ou subterráneas.

Queda prohibido lavar a maquinaria e/ou materiais nos cursos de auga.

Extremaranse as precaucións na execución das obras nas zonas en que poidan afectar a rede hidrográfica (zonas hidromorfas). Nestas zonas prestarase especial atención ao balizamento das distintas zonas para evitar afeccións por tránsito incontrolado de maquinaria ou vehículos de obra.

Quedan totalmente prohibidas as verteduras de calquera substancia ás augas.

En caso de fortes choivas, si se detectar risco de lixiviados, cubriranse os materiais con lonas e estableceranse as medidas axeitadas para evitar calquera tipo de verteduras ou arrastres de materiais. Algunhas destas medidas poderían ser o establecemento de gabias perimetrais de recolla de augas ou a disposición de pacas de palla ou bardais que eviten o arrastre de sólidos.

Durante as obras, salvo en situacións imprescindibles (implementación de tubos provisionais ou drenaxes transversais) evitarase o paso de maquinaria, almacenamento de materiais, residuos e terra vexetal no entorno da rede fluvial territorial e redes de escorremento interceptadas pola traza.

Así, dentro do labor de vixilancia ambiental, procederase á realización dun control do movemento de terras cando este se realice nas inmediacións das ditas redes, vixiando que non se leven a cabo afeccións innecesarias ás redes de escorremento do territorio, comprobando que, tal e como se indica nos respectivos documentos, non se realizan depósitos de materiais, parques de maquinaria etc. nunha distancia mínima de 10 m a cada lado do cruzamento dos sistemas fluviais e redes de escorrenta.

Así mesmo, co fin de reducir a chegada de finos ou outros elementos provocados polos movementos de terras aos sistemas fluviais e redes de escorremento superficial, ao comezo dos traballos de movementos de terras construiranse gabias de garda lonxitudinais ao pé da ocupación dos terrapléns (0,4 m × 0,4 m), que se completarán coa construción de mecanismos que freen a enerxía cinética da auga e xeren a retención das áreas arrastradas pola auga, como balas de palla, filtros de superficie etc., que se describen máis adiante.

Se durante o seguimento ambiental das obras se detectar que a execución de gabias e filtros de superficie non é suficiente para evitar a chegada de sólidos ás redes de escorremento do contorno, aplicaranse máis medidas de prevención, tales como balsas de decantación e barreiras antiturbidez.

En todos os casos, despois de cada chuvia debe efectuarse unha inspección e reparación de danos, así como a limpeza dos sedimentos cando estes alcancen unha altura equivalente á metade da barreira.

Para a realización de verteduras, captacións, derivación,etc., deberá contarse coa preceptiva autorización do organismo de bacía correspondente.

Medidas específicas sobre os leitos interceptados.

Ademais das medidas xerais descritas no epígrafe anterior, detallamos a seguir aquelas medidas encamiñadas á protección da calidade das augas dos leitos interceptados, que desembocan ademais no río Cabe.

No deseño dos viadutos, a ocupación en planta dos piares do viaduto nos leitos afectarán minimamente o réxime hidrolóxico destes, e deben localizarse, sempre que sexa tecnicamente posible, a uns 5 m do leito e/ou dos límites do espazo natural. Por tanto, evitarase a disposición de piares e estribos no leito do río Cabe e no ámbito do LIC. Ademais, débense respectar aqueles cursos fluviais e a súa vexetación que sexan interceptados polo trazado previsto. Primará o emprego de pontes e viadutos e primarase a colocación de estribos e piares a máis de 5 m a cada lado do leito.

Toda estrutura auxiliar necesaria para a construción do viaduto será retirada de forma que tanto estética como funcionalmente a afección ao leito sexa exclusivamente da obra definitiva.

Para os traballos de recheo empregarase maquinaria cun cazo pechado que impida a dispersión masiva de material.

Co fin de evitar un aumento de turbidez excesivo na zona de recheo, deberá realizarse un lavado previo do material empregado.

O deseño da estrutura considerará o contorno e prestará especial atención á súa integración nel de forma que sexa aceptado pola xeneralidade.

Así mesmo, para evitar o arrastre de sólidos cara ao leito, nas proximidades deste colocaranse barreiras de retención formadas por bardais ou pacas de palla. Así mesmo, instalaranse balsas de decantación permanentes.

Protección dos solos.

Estableceranse unha serie de medidas co obxecto de evitar calquera posible afección sobre os solos non afectados directamente pola execución das obras.

Control das superficies de ocupación.

Ao comezo das obras procederase a delimitar o terreo afectado (deslindamento) polas obras, de forma que minimicen a afección do proxecto sobre o territorio restrinxido.

Habilitarase un espazo destinado a acoller das instalacións auxiliares á obra (parque de maquinaria, zona de depósito de residuos etc.). Estas situaranse en zonas que non teñan especial valor edafolóxico e natural, e fóra dos núcleos habitados.

Os labores de mantemento de maquinaria non apta para circular por estrada realizarase dentro da zona habilitada para iso, dispoñendo os medios necesarios para evitar calquera afección ao solo por derramos accidentais.

De calquera modo, no caso de maquinaria apta para circular por estrada, os mantementos deberán facerse en talleres autorizados. Unha vez finalizada a obra, recuperaranse e rexenerarán todas aquelas áreas destinadas a instalacións auxiliares.

Os accesos novos á obra deberán estar debidamente proxectados e xustificados, sempre que non sexa posible empregar accesos xa existentes.

Durante a fase de construción, sinalarase debidamente os límites de afección establecidos axustándose a circulación da maquinaria ao devandito espazo.

Calquera operación que supoña a aparición de superficies núas será obxecto dunha restauración vexetal.

Xestión de residuos.

A xestión de residuos deberá desenvolverse conforme a lexislación vixente en materia de residuos (Lei 22/2011).

Antes do inicio das obras, a empresa adxudicataria deberá presentar ao director de obra un plan de xestión dos residuos que se xerarán na obra.

Xestión de residuos perigosos:

Recolleita: a recolleita dos aceites usados e outros residuos perigosos debe realizarse de xeito que se evite a mestura con outro tipo de residuo (inerte ou perigoso).

Envases: os envases que conteñan aceites usados deben estar concibidos de xeito que se eviten perdas ou fugas do contido. Asemade, serán resistentes aos golpes producidos durante as operacións de manipulación e almacenamento.

Etiquetaxe: as etiquetas de identificación deben conter o tipo de residuo, o nome do produtor, un código de identificación, as datas de envasamento e un pictograma que indique as súas características físico-químicas (explosivo, inflamable, comburente), toxicolóxicas (tóxico, nocivo, corrosivo, irritante sensibilizante) e efectos específicos sobre a saúde humana (canceríxeno, mutaxénico, teratoxénico) e o ambiente (perigoso para o ambiente).

Almacenamento: o almacenamento dos residuos debe realizarse en compartimentos estancos impermeabilizados (soleira de formigón, cama de area ou serraduras), provistos de elementos de retención no caso de fuga ou verteduras. Igualmente, se as condicións o permiten, estarán dispostos baixo teito co fin de evitar que a auga da choiva poida entrar en contacto co residuo. Así mesmo, dispoñerase dunha rede de drenaxe perimetral que recolla as augas da escorremento.

Almacenamento dos residuos nunha zona acondicionada para tal fin: o tempo máximo de almacenamento non será superior a seis meses.

Recolla por un xestor autorizado.

O almacenamento de materiais inflamables debe situarse fóra da zona de estacionamento da maquinaria.

Os depósitos, envases e sistemas de impermeabilización serán sometidos a revisións periódicas.

Residuos inertes:

Debe habilitarse un espazo correctamente sinalizado para o almacenamento dos residuos inertes que poidan xerarse na obra ata o seu destino final, sempre afastado de cursos fluviais e zonas habitadas.

O destino final dos residuos inertes será diferente segundo a súa caracterización así:

– Terras e sobrantes de escavación: reemprego noutra obra ou vertedoiro autorizado.

– Lodos de balsas de decantación: vertedoiro de residuos inertes.

– Plásticos, madeira e metais: xestor ou valorizador autorizado.

Xestión de residuos sólidos urbanos e asimilables a urbanos:

Instalaranse contedores, correctamente sinalizados, para a recolleita de residuos sólidos urbanos xerados na obra (restos de comida, latas, plásticos, vidro, papel, cartón etc.).

O tratamento para este tipo de residuos pode ser o depósito controlado nun vertedoiro municipal, a incineración ou a compostaxe (fracción orgánica).

Canto ao material sobrante da roza da vexetación, os restos vexetais que se xeren poden considerarse asimilables a urbanos, polo que non deben ser enterrados con material de escavación senón proceder á súa correcta xestión, consistente en:

– Trituración e transporte a instalación de compostaxe ou biomasa.

– En pequenas cantidades, poden contribuír ao enriquecemento da terra vexetal.

– Transporte, en pequenas cantidades, a «puntos limpos».

Protección da vexetación.

Co fin de protexer as formacións vexetais durante os procesos construtivos procederase a establecer as seguintes medidas:

– Antes do comezo das obras, procederase ao deslindamento da superficie de ocupación estrita da obra e as instalacións auxiliares, evitando así o paso peonil, maquinaria e vehículos a zonas alleas á obra.

– Ao inicio da obra planificaranse os movementos da maquinaria e vehículos da obra, limitándose estes a camiños existentes ou os de nova creación estritamente necesarios.

– Respectarase toda a cobertoira vexetal que non este afectada directamente pola actuación, mediante o aproveitamento da rede de camiños existentes, evitando na medida do posible os camiños de nova creación.

– Tomaranse medidas para evitar a xeración de incendios mediante a prohibición expresa de levar a cabo queimas tanto de vexetación rozada como de calquera material procedente da obra.

– Protexerase ao máximo a vexetación de ribeira existente, evitando sempre que sexa posible a súa modificación e limitándose tan só a aquela que sexa estritamente necesaria para a execución da obra. Se houber que proceder ao corte do arboredo, terá que facerse a correspondente comunicación de corta ou solicitude de autorización, segundo o caso, conforme o disposto no Regulamento de montes.

– Procederase á realización de regas do sistema foliar das especies vexetais próximas á obra que presenten acumulación de po.

– Levarase a cabo un proxecto de restauración vexetal e integración paisaxística daquelas zonas que queden desprovistas de vexetación, co fin de minimizar o impacto e protexer así o solo da erosión derivada de factores meteorolóxicos.

– De forma previa ao inicio das obras, resulta preceptivo solicitar informe á Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) e comunicar a data de inicio prevista ao Servizo Provincial de Conservación.

Protección da fauna.

As medidas encamiñadas á protección da fauna existente na área de estudo atópanse na dirección de conservar os hábitats en que estas especies se desenvolven, así como concienciar os habitantes da zona de xeito que a súa actividade sexa sustentable con hábitats naturais que proporcionan refuxio e alimento á fauna.

Por isto, planéanse as seguintes medidas protectoras:

– Deberanse planificar os calendarios do proceso construtivo, prestando especial atención ao momento de realizar as voaduras, coidando que os ditos traballos se fagan fóra dos períodos de reprodución e cría e de calquera época sensible das especies presentes.

– Minimizaranse as zonas de ocupación mediante o deslindamento permanente do ámbito das obras.

– Levaranse a cabo actuacións de revexetación nas zonas onde a degradación sexa importante co fin de evitar a alteración dos hábitats faunísticos.

Protección da paisaxe.

Aplicaranse todas as medidas encamiñadas á protección da paisaxe indicadas no apéndice núm. 8 (Estudo de integración paisaxística).

Protección do medio socioeconómico.

As posibles medidas protectoras céntranse no seu efecto inhibidor sobre a actividade económica e a afección directa ou indirecta polo efecto barreira sobre a permeabilidade territorial.

Emprego de man de obra local: deberá favorecerse, na medida do posible, o emprego de man de obra local na fase de execución do proxecto.

Mantemento da permeabilidade territorial: deberá terse especial coidado na fase de execución das obras, onde adoita ser frecuente a interrupción do sistema viario rural cos parques de maquinaria ou o movemento de terras, dificultándose o seu tráfico normal co paso de maquinaria pesada. Nestes casos, adoptaranse as seguintes medidas: sinalaranse convenientemente os itinerarios alternativos ata o fin da obra, cando se repoña o sistema viario orixinal, co obxecto de minimizar o efecto xerado polo tránsito de maquinaria, transporte de material sobrante, etc., procederase a regar as vías de rodadura, especialmente nas zonas próximas ás áreas cultivadas e ás vivendas habitadas.

Segregación e acumulación de residuos.

Segregación:

Os residuos xerados na execución da obra deben segregarse axeitadamente para que a súa xestión sexa de acordo coa lexislación e, en todo caso, separaranse os residuos perigosos dos non perigosos.

Os residuos non perigosos deberán segregarse de acordo coa xestión a que sexan sometidos en puntos de destino seleccionados, ou de acordo cos principios de xestión do municipio; establécese a seguinte segregación mínima:

– Clase 1. Os residuos derivados da actividade humana na obra, constituídos por plástico, vidro e restos orgánicos.

– Clase 2. Os residuos orgánicos procedentes das rozas da vexetación existente na zona.

– Clase 3. Os residuos de materiais de construción considerados como inertes, sexan xerados na propia obra, como presentes no ámbito de traballo, e que sexa necesario retirar.

– Clase 4. As terras sobrantes sen características de terra vexetal, non contaminados.

– Clase 5. As terras sobrantes con características de terra vexetal, non contaminados.

– Os residuos perigosos separaranse, gardaranse e etiquetaranse de acordo coa lexislación de residuos, non debendo manterse gardados durante máis de 6 meses. A localización dos residuos perigosos deberá estar suxeita a un estrito control, evitando a localización en puntos en que poidan ocasionar risco de contaminación, a determinar pola dirección ambiental de obra.

– Clase 6. Residuos de aceites e outros residuos de líquidos de vehículos ou maquinaria, os recipientes que os conteñen, ou outros materiais impregnados destes residuos.

– Clase 7. Outros residuos considerados residuos perigosos de acordo co catálogo europeo de residuos.

Almacenamento:

Residuos clase 1:

Xestión. Os residuos incluídos na clase 1, como alimentos, envases variados, latas de bebida, considéranse residuos sólidos urbanos (R.S.U.) e serán depositados nos contedores correspondentes instalados dentro do ámbito de obra.

Esta recolla en contedores realizarase de acordo co sistema de xestión e recolla de residuos do municipio, establecendo un sistema de control que permita garantir o non emprego por parte do público dos contedores.

Xestión. Servizo municipal de limpeza, con aviso previo por parte da empresa adxudicataria da execución da obra.

Residuos clase 2, e 3:

Almacenamento. Estes residuos deberán amorearse de xeito correcto durante a súa xeración.

Xestión. Xestionados independentemente pola empresa adxudicataria a través dun xestor autorizado pola autoridade ambiental.

Residuos clase 4:

Almacenamento. Estes residuos deberán amorearse de xeito correcto durante a súa xeración.

Xestión. Os materiais incluídos na clase 4 serán empregados no posible dentro da propia obra, e non deberán ser enviados a vertedoiros de residuos, dado que non teñen esta categoría; deberán ser verteduras en localizacións previamente aprobadas pola autoridade ambiental.

Residuos clase 5:

Almacenamento. Estes residuos deberán amorearse de xeito correcto durante a súa xeración.

Xestión. Os materiais incluídos na clase 5 ( terra vexetal) será amoreada correctamente dentro da zona de obra, para ser reempregada posteriormente na revexetación de zonas degradadas; o resto da terra vexetal deberá ser vertida nun punto autorizado pola autoridade ambiental, evitando o emprego de vertedoiros de residuos.

Residuos clase 6 e 7:

Almacenamento. De acordo coa lexislación.

Xestión. Os residuos de aceites, outros restos líquidos de vehículos, os seus envases e os materiais impregnados con estes (clase 6), son residuos perigosos, o igual que aqueles residuos incluídos dentro da clase 7, e serán entregados a un xestor autorizado de residuos perigosos.

O transporte será realizado por un transportista autorizado.

Os residuos deberán ser almacenados en recipientes axeitados: etiquetados de acordo coa lexislación de residuos e situados en zonas que non supoñan un risco para o ambiente.

A obrigación legal de xestionar axeitadamente os residuos producidos na obra determina que os custos da dita xestión sexan atribuídos á empresa adxudicataria da execución da obra.

En calquera caso, en fase posterior de redacción do proxecto construtivo, deberá redactarse como parte constituínte do propio proxecto un estudo de xestión de residuos da construción e demolición, segundo o establecido no Real decreto 105/2008, do 1 de febreiro, polo que se regula a produción e xestión dos residuos de construción e demolición. O contido do dito estudo será o especificado no anexo I do antedito real decreto.