Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32177

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 31 de xullo de 2013 pola que se fixan os prezos privados dos servizos de limpeza e desinfección de vehículos dedicados ao transporte por estrada no sector gandeiro en Galicia.

A Consellería do Medio Rural e do Mar ten entre os seus obxectivos a execución e seguimento dos programas de prevención, loita, erradicación, seguimento e control de enfermidades animais, epizootias e zoonoses, e outras medidas para o establecemento de garantías sanitarias e da rastrexabilidade das producións gandeiras, así como o desenvolvemento das accións necesarias para a ordenación, fomento e control da produción e sanidade gandeira, e a xestión e correcta explotación dos rexistros e sistemas de control de datos informáticos derivados destas actuacións.

A incidencia dalgunha destas enfermidades en determinadas zonas, xunto coas características propias da produción, manexo, condicións e movemento pecuario, fan necesario adoptar medidas sanitarias especiais que permitan minimizar o risco de contaxio, así como establecer o seu control. Entre estas medidas atópanse a supervisión, control e realización da limpeza, desinfección e desinsectación das explotacións gandeiras, estruturas anexas e lugares de concentración de animais, que poidan supoñer un risco para a transmisión e mantemento destas enfermidades.

Por outra banda, os vehículos dedicados ao transporte por estrada no sector gandeiro constitúen un elo importante dentro da produción e sanidade gandeira, supoñendo os seus desprazamentos un risco na difusión e propagación das enfermidades infectocontaxiosas dos animais.

O control da sanidade animal require valorar de forma integral todos os factores que poden influír na aparición e diseminación dunha enfermidade ou epizootia. Por esta razón, é de grande importancia a limpeza e desinfección dos vehículos de transporte de animais vivos, de produtos para a alimentación animal e de subprodutos de orixe animal.

Debido á carencia de persoal suficiente para establecer o control e seguimento destas enfermidades ou, se é o caso, á falta de iniciativa privada, faise necesario contar con colaboración externa para realizar os anteditos traballos.

Para estes efectos, e co obxecto de efectuar o seguimento e control das enfermidades animais, a Consellería do Medio Rural e do Mar realiza anualmente unha encomenda para a xestión dos centros de limpeza e desinfección dos vehículos para o transporte por estrada no sector gandeiro, como medida eficaz para a prevención e loita contra as enfermidades dos animais.

O artigo 50 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón que son prezos privados as contraprestacións que obteñan os suxeitos pola prestación de servizos ou a realización de actividades efectuadas en réxime de dereito privado cando, prestándose tamén tales servizos ou actividades polo sector privado, sexan de solicitude voluntaria por parte dos administrados. Así mesmo, o artigo 51 da dita lei establece que os prezos privados serán fixados polas consellerías correspondentes, atendendo ás condicións e circunstancias do mercado en que operen, e que se publicarán no Diario Oficial de Galicia.

A través da presente orde, fíxase a contraprestación económica que deben realizar os usuarios polos servizos de limpeza e desinfección de vehículos de transporte por estrada no sector gandeiro realizados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

En consecuencia, logo do informe favorable da Consellería de Facenda e de acordo co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, no uso das facultades que me confiren os artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,

DISPOÑO:

Artigo 1

Primeiro. Os prezos privados exixibles polos servizos prestados pola Consellería do Medio Rural e do Mar referente ao servizo de limpeza e desinfección de vehículos dedicados ao transporte por estrada no sector gandeiro en Galicia son os que figuran no anexo desta orde.

Segundo. Os referidos prezos entenderanse co correspondente IVE.

Artigo 2

Os prezos regulados nesta orde actualizaranse o un de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total (IPC, base 2011), no mes de outubro do ano anterior, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberán facerse públicos mediante resolución da persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural e do Mar, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3

A presente orde adecuarase a:

1. O Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Orde da Consellería de Economía e Facenda do 30 de xuño de 1992 pola que se aproba o modelo de autoliquidación das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia e se establece a utilización de efectos timbrados para o pagamento das taxas por servizos administrativos de compulsa de documentos e de verificación de suficiencia e documentos acreditativos de lexitimación.

3. Orde da Consellería de Economía e Facenda do 29 de xuño de 1994 pola que se regula o procedemento de recadación voluntaria das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO
Tarifas dos centros de limpeza e desinfección de transporte por estrada no sector gandeiro en Galicia

Tipo de transporte

Total lavado + desinfección

Remolque particular

4 €

Camión < 4 TN

14 €

Camión > 4 TN

19 €

Camión dous pisos

30 €

Camión tres pisos

40 €

Camión catro pisos

45 €