Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 7 de agosto de 2013 Páx. 31600

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 125/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba a modificación dos estatutos do Consorcio contra Incendios e Salvamento das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

A regulación xurídica dos consorcios locais está recollida no artigo 196 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que, pola súa vez, fai referencia ás normas contidas no artigo 151 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que remite ao procedemento de modificación para as mancomunidades de municipios recollido no artigo 143 da mesma lei. En cumprimento do disposto no citado precepto, o presidente do Consorcio remitiu á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a documentación relativa á súa modificación.

Examinada a documentación, considérase que a tramitación da modificación estatutaria seguiu o procedemento legalmente previsto para tal fin.

En síntese, para a adopción do acordo de modificación deste consorcio observouse a seguinte tramitación:

– O Pleno do Consorcio contra Incendios e Salvamento das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro aprobou inicialmente a modificación dos seus estatutos na súa sesión do 22 de decembro de 2011.

– O referido acordo someteuse a información pública durante o prazo dun mes no BOP nº 115 de Ourense, do 22 de maio de 2012, período en que non se presentaron alegacións.

– Con data 27 de xaneiro de 2012 e 9 de febreiro de 2012, emitíronse informes da Deputación Provincial de Ourense e da Dirección Xeral de Administración Local, respectivamente.

– Os plenos de cada unha das entidades locais integrantes do Consorcio aprobaron a modificación dos estatutos e o presidente do Consorcio remitiu á Dirección Xeral de Administración Local unha copia certificada dos acordos de aprobación da dita modificación con data do 30 de maio de 2013.

O contido da modificación afectará o anexo dos estatutos do Consorcio contra Incendios e Salvamento das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto nos artigos 196, 151 e 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dos mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Aprobar a modificación dos estatutos do Consorcio contra Incendios e Salvamento das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Anexo dos estatutos do Consorcio contra Incendios e Salvamento
das Comarcas do Carballiño e do Ribeiro

«Relación de concellos que integran o consorcio, e ratios de participación, no 20 % dos gastos de construción e equipamento:

Beariz: 2,13 %

Boborás: 4,85 %

O Carballiño: 50 %

O Irixo: 2,95 %

Maside: 5,00 %

Piñor: 2,26 %

Punxín: 1,39 %

San Amaro: 2,08 %

San Cristovo de Cea: 4,42 %

Carballeda de Avia: 2,50 %

Avión: 4,21 %

Melón: 2,42 %

Ribadavia: 8,91 %

Mancomunidade Intermunicipal Voluntaria de Concellos do Ribeiro: 6,87 %».