Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 7 de agosto de 2013 Páx. 31603

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de xullo de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2013 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública dos proxectos piloto de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 1. Creación do premio, convocatoria e bases reguladoras

1. Institúense os premios Coopera Galicia Entidades Locais 2013 para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública dos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da comunidade autónoma de Galicia.

2. Apróbanse as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2013.

Os premios recoñecerán os mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos, promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da comunidade autónoma de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

3. Así mesmo, mediante esta orde convócanse os devanditos premios para o ano 2013.

Sección 1ª. Bases reguladoras

Artigo 2. Obxecto e réxime

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2013, instituídos para impulsar e difundir as iniciativas de asociacionismo municipal mediante a distinción pública dos mellores proxectos piloto de xestión compartida de servizos promovidos por agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da comunidade autónoma de Galicia, para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde so terán a consideración de servizo os recollidos no artigo 26.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

2. A concesión dos premios realizarase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, consonte os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación.

3. Os premios terán os importes indicados no artigo 14.2 desta orde. Cada un dos premios poderán outorgarse de xeito individual a unha única candidatura ou de xeito compartido (ex aequo), ou ben declararse deserto.

Asemade, o xurado poderá outorgar unha ou varias mencións especiais a algúns dos proxectos participantes, que non terá dotación económica. As entidades gañadoras desta mención especial recibirán un diploma de entidade local subvencionable, que poderá puntuar e terse en conta para futuras convocatorias de axudas, subvencións ou convenios, ben que en ningún caso levarán consigo compromiso económico por parte da Administración autonómica.

4. Todas as entidades premiadas e as distinguidas con mención especial recibirán un diploma Coopera Galicia Entidades Locais e, no caso das premiadas, o importe do premio que lle será aboado mediante transferencia bancaria.

5. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado no número 1 deste artigo, as candidaturas serán examinadas por un xurado, que terá carácter de comisión avaliadora e que se axustará aos principios contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 3. Destinatarios

1. Poderán optar a estes premios as agrupacións de concellos de Galicia, as mancomunidades de concellos de Galicia, os consorcios locais galegos e as áreas metropolitanas, se as houber, que presenten un proxecto piloto de xestión compartida de servizos para a mellora dos sistemas xa implantados ou para novos proxectos de establecemento e organización da xestión compartida de servizos.

Para os efectos desta orde, considérase agrupación de concellos unha candidatura subscrita por dous ou máis concellos.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades en que se dean algunhas das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Todas as entidades participantes deberán cumprir o requisito de ter remitidas ao Consello de Contas de Galicia as contas do exercicio orzamentario de 2011. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de participación e a súa falta de acreditación por parte dalgún dos participantes na candidatura supoñerá a inadmisión desta. No caso de agrupacións de concellos, este requisito deberao acreditar cada un dos concellos integrantes da agrupación.

4. Non se admitirán as solicitudes presentadas por consorcios locais dos cales forma parte a Xunta de Galicia e financie, en todo ou en parte, os seus gastos de funcionamento.

Artigo 4. Iniciación

1. As entidades que desexen acollerse aos beneficios desta orde deberán solicitalo na forma e no prazo que se indica no artigo 15 desta orde.

2. As solicitudes irán dirixidas á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I a esta orde e irán acompañadas da documentación que se especifica na alínea seguinte.

3. As entidades solicitantes deberán xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a. Proxecto piloto de xestión compartida de servizos co seguinte contido mínimo, concretado axeitadamente para facilitar a valoración consonte os criterios establecidos no artigo 8 e coa estrutura que se indica a seguir:

– Sección 1. Relación e descrición dos servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar e cifra de poboación atendida por cada servizo. As categorías de servizos serán as establecidas no artigo 26.1 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

– Sección 2. Situación actual da prestación dos servizos nos concellos integrados na agrupación, mancomunidade, consorcio ou área metropolitana, poboación total, número de núcleos de poboación da área e extensión territorial en km2.

– Sección 3. Obxectivos que se establecen para a implantación ou mellora do modelo de xestión compartida.

– Sección 4. Procedemento de implantación, xestión e supervisión do proxecto.

– Sección 5. Orzamento detallado do proxecto.

– Sección 6. Estudo económico comparativo da estimación dos custos de xestión individual por cada concello fronte á estimación de custos da súa xestión compartida, en relación aos recursos materiais, persoais e económicos necesarios para a prestación dos servizos que integran o proxecto piloto, con especial incidencia na aplicación de criterios de eficacia e eficiencia e racionalización de actuacións e o aforro de custos sen perda de calidade na prestación.

Este estudo económico deberá incluír, en todo caso, un cadro comparativo de aforro de custos en que se consignarán os datos da diferenza dos custos da execución compartida do proxecto piloto respecto da execución individual da prestación dos servizos por cada concello participante.

Neste cadro comparativo consignarase o importe total do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a prestación individual dos servizos produciría para cada un dos concellos de non optaren pola xestión compartida.

– Sección 7. Cronograma da implantación do proxecto piloto. Os proxectos presentados deberán axustarse a un teórico prazo máximo de implantación de 12 meses.

b. No caso de agrupación de concellos, instrumento xurídico que regule a agrupación e a xestión dos servizos que integran o proxecto piloto, o cal deberá incluír en todo caso a designación do/a alcalde/sa que actuará como representante da agrupación. A este representante corresponderalle asinar a solicitude e con el efectuaranse todas as actuacións a que o procedemento dea lugar.

c. Certificación da secretaría da mancomunidade, consorcio, área metropolitana, ou das secretarías de cada un dos concellos integrados na agrupación, segundo o caso, de remisión das contas do exercicio 2011 ao Consello de Contas de Galicia, emitida no modelo do anexo III desta orde. Na certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión.

d. Declaración responsable asinada por cada un dos representantes dos concellos agrupados, consorcio ou mancomunidade, segundo o modelo do anexo II desta orde, en que se faga constar que a respectiva entidade non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade premiada se atopa ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

e. Certificación emitida pola secretaría da mancomunidade, consorcio, área metropolitana, ou de cada un dos concellos no caso da agrupación destes, no modelo do anexo III, en que se faga constar a aprobación pola respectiva entidade local do proxecto piloto de xestión compartida do servizo ou servizos.

f. Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto que se presenta á convocatoria dos premios Coopera Galicia Entidades Locais, de calquera outra administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional e, de ser o caso, as contías solicitadas ou concedidas, emitida no modelo do anexo II. No caso de agrupacións de concellos, todos os integrados na candidatura presentarán cadansúa declaración.

g. Declaración responsable acerca da veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria da cal é titular a entidade solicitante e onde se debe realizar o pagamento do premio, de ser o caso. Nesta declaración, asinada polo representante da entidade solicitante, constarán os díxitos que identifican aquela: código da entidade, díxito de control, código da sucursal e código da conta corrente.

4. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria achegaranse ao xurado encargado da súa valoración, de acordo co establecido nestas bases.

Artigo 5. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicional destas bases reguladoras, que teñen carácter administrativo, e os seus efectos rexeranse polo establecido nesta orde e, na súa falta, pola normativa xeral que sexa de aplicación.

2. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, esta consellería publicará na súa páxina web os nomes dos premiados e os importes dos premios, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos premiados e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

3. De acordo co establecido no artigo 16.1º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os premios outorgados ao abeiro desta orde figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a entidade solicitante consente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar agás nos casos legalmente establecidos.

4. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos nas solicitudes incorporaranse a un ficheiro para o seu tratamento, coa finalidade da xestión do procedemento. Poden exercerse os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei, mediante un escrito dirixido á Dirección Xeral de Administración Local como responsable do ficheiro.

Artigo 6. Órganos competentes

1. A Dirección Xeral de Administración Local da Xunta de Galicia será a unidade administrativa competente para a instrución do procedemento de concesión destes premios e das mencións especiais referidas nesta orde. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

2. Corresponderalle á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería referida no número anterior ditar a resolución de concesión dos premios Coopera Galicia 2013, con indicación do nome do premiado ou premiados e a contía que lles corresponde, e conceder as mencións especiais que procedan.

Artigo 7. Comisión de valoración

1. O premio será outorgado por proposta dun xurado, que terá a consideración de comisión de valoración, presidido pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local ou persoa en quen delegue e integrado por:

Vicepresidente: o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– Un representante das deputacións provinciais designado pola Fegamp.

– Dous alcaldes designados pola Fegamp.

– Dúas persoas de recoñecido prestixio no ámbito da administración local, designadas pola Dirección Xeral de Administración Local.

Secretario/a: a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais, ou un funcionario/a da Dirección Xeral de Administración Local con nivel mínimo de xefatura de servizo.

2. As decisións do xurado especificarán a avaliación que corresponde a cada un dos proxectos presentados á convocatoria, en aplicación dos criterios previstos no artigo seguinte.

En cada unha das categorías establecidas na correspondente convocatoria o premio poderá outorgarse de xeito individual ou ex aequo, ou declararse deserto. No caso de se outorgar ex aequo, o importe total do premio para a categoría que corresponda repartirase a partes iguais entre os premiados. De existiren premios desertos, a súa contía poderase acumular aos premios que se concedan de xeito compartido.

O xurado proporá, ademais, as mencións especiais correspondentes, de ser o caso.

Artigo 8. Criterios de valoración

1. Os criterios que se empregarán para a valoración das candidaturas serán, cun máximo de 100 puntos, os seguintes:

a) Número de concellos participantes no proxecto piloto, ata 10 puntos.

b) Servizos cuxa xestión compartida se pretende establecer ou mellorar e a súa repercusión, ata 20 puntos. Teranse en conta indicadores obxectivos como:

– Número de servizos que integra o proxecto.

– Cifra de poboación total dos concellos participantes.

– Media de poboación atendida en relación ao número de servizos.

c) Situación demográfica do ámbito territorial de implantación do proxecto, ata 10 puntos. Neste aspecto teranse en conta os seguintes indicadores:

– Número de núcleos da área do proxecto piloto.

– Dispersión da poboación.

d) Valoración da eficacia e da eficiencia na prestación dos servizos que integran o proxecto piloto, ata 20 puntos. Para a aplicación da puntuación neste criterio, valoraranse os datos do estudo económico comparativo ou memoria de aforro de custos en aspectos como:

– Estimación do custo anual dos servizos, de os prestar cada concello de xeito individual.

– Estimación do custo anual dos servizos prestados mediante a xestión compartida.

– Cuantificación do aforro de custos.

e) Duración do proceso de implantación do proxecto piloto de xestión compartida, ata 5 puntos. Con base nos cronogramas de implantación, valorarase o prazo de implantación do proxecto. Non se considerarán aqueles cronogramas que non realicen unha adecuada asignación temporal a cada actividade, tarefa ou traballo necesarios para a correcta implantación do sistema de xestión compartida.

f) Relevancia do proxecto e a súa adecuación ao marco socioeconómico galego, ata 25 puntos. Para a valoración deste criterio a Comisión poderá ter en conta, entre outros, aspectos como aquelas actuacións que integran o proxecto que resulten particularmente significativas, o carácter innovador do proxecto, as súas características de intercooperación ou a súa repercusión nos eidos económico, social ou laboral.

g) A calidade da documentación presentada valorarase coa asignación de 1 punto a aquelas solicitudes que se presenten completas e non sexa preciso requirirlles a emenda da documentación presentada nin a achega de documentos preceptivos.

h) A aquelas solicitudes presentadas por entidades locais que resultasen distinguidas con mención especial e recibiron diploma de entidade local subvencionable na edición dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2012, asignaránselle 4 puntos.

i) De conformidade co establecido no artigo 20º.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por utilización da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso do concello achegado xunto coa solicitude, 5 puntos.

No caso de presentar solicitude unha entidade en proceso de fusión municipal, outorgaránselle os 30 puntos máximos previstos nas letras a) e b), pola simple presentación da solicitude.

2. Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

3. No caso das mancomunidades, consorcios e áreas metropolitanas, na asignación da valoración en criterios que recollan a suma dos datos dos concellos participantes teranse en conta os datos de todos os concellos que integran a entidade local de que se trate. No caso de agrupación de concellos, teranse en conta unicamente aqueles concellos que integran o proxecto de xestión compartida.

Artigo 9. Resolución e notificación

1. Á vista da deliberación do xurado, contida na acta da sesión en que se concrete a súa avaliación para o outorgamento do premio, a Dirección Xeral de Administración Local elevará proposta de resolución á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen, á vista da proposta motivada, ditará resolución.

2. A concesión dos premios e das mencións especiais será publicada no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da consellería no enderezo http://xunta.es/vicepresidencia-cpapx e notificaráselles ás entidades premiadas e ás distinguidas coa mención especial.

3. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución será o 30 de novembro de 2013. O vencemento do citado prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima os interesados para entenderen desestimada a súa candidatura por silencio administrativo.

4. As entidades premiadas disporán dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicaren a aceptación do premio e das condicións contidas na resolución. Transcorrido o referido prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptado, e desde ese momento a entidade premiada adquire a condición de beneficiario.

5. A entrega do premio realizarase nun acto público, no lugar e na data que se determinarán oportunamente.

Artigo 10. Obrigas específicas dos beneficiarios dos premios económicos

1. Antes de proceder ao pagamento dos premios, as entidades beneficiarias do premio económico deberán remitir, no mesmo prazo indicado no artigo 9.4 desta orde, a seguinte documentación:

a) Declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o proxecto premiado, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais. No caso de agrupacións de concellos, todos os integrados na candidatura presentarán cadansúa declaración.

b) Declaración responsable de non estaren incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10, números 2 e 3, da Lei de subvencións de Galicia. No caso das agrupacións de concellos, todos os concellos da agrupación deberán presentar cadansúa declaración.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade premiada se atopa ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

2. A documentación das candidaturas premiadas ao abeiro desta convocatoria, quedará en poder da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para o seu arquivamento, reservando esta para si o dereito de edición, uso e explotación dos proxectos premiados. A compensación económica polos dereitos de autor que puideren corresponder considerarase incluída na dotación do premio.

Artigo 11. Réxime de recursos

Contra a resolución ditada ao abeiro desta orde, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Anulación e reintegro

1. Procederá o reintegro total ou parcial das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A concesión dos premios regulados nesta orde non está vinculada á execución dos proxectos, pero as entidades beneficiarias dos premios quedan obrigadas a declarar a contía do premio concedido en calquera outro procedemento de subvencións do cal poida derivar financiamento para o mesmo proxecto.

3. No caso de que os beneficiarios incumpran algunha das obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería poderá iniciar, se é o caso, un procedemento sancionador, de conformidade co previsto no título IV da dita lei.

Artigo 13. Control

As entidades solicitantes e as premiadas quedan sometidas ás actuacións de comprobación e control efectuadas polo órgano competente para resolver, así como ás de control financeiro desenvolvidas pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, e a aquelas que deban realizar o Consello de Contas ou o Tribunal de Contas de conformidade co previsto na súa normativa específica.

Ademais, deberán facilitar á Dirección Xeral de Administración Local toda a información e documentación complementaria que esta considere precisa para a concesión ou aboamento do importe do premio.

Sección 2ª. Convocatoria dos premios Coopera Galicia Entidades Locais 2013

Artigo 14. Financiamento e concorrencia

1. A convocatoria farase efectiva con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141.A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2013, ata unha contía máxima de 77.500,00 €.

2. Establécense tres categorías de premios coas seguintes contías:

– 1º premio: 40.000 €.

– 2º premio: 25.000 €.

– 3º premio: 12.500 €.

Artigo 15. Lugar e prazo de presentación de solicitudes

1. As agrupacións de concellos, as mancomunidades, os consorcios locais e as áreas metropolitanas, segundo proceda, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde.

A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se estableza no artigo 4 desta orde.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, dispoñible no enderezo https://sede.xunta.es ou accesible a través do portal Eido local, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. Alternativamente tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2013.

Artigo 16. Prazo e duración do procedemento de concesión

1. Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido na sección 1ª desta orde.

2. O prazo máximo para ditar e notificar aos interesados a resolución expresa é o previsto no artigo 9 desta orde, que non poderá superar os prazos establecidos no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Pagamento

O pagamento dos premios realizarase logo da presentación da documentación indicada no artigo 10.1 desta orde.

Artigo 18. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Administración Local, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (http://xunta.es/vicepresidencia-cpapx).

b) Nos teléfonos 981 54 62 11 e 881 99 71 71.

c) No enderezo electrónico administracionlocal@xunta.es

d) Presencialmente, nas dependencias da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais.

Disposición derrogatoria

Quedan expresamente derrogadas a Orde do 18 de maio de 2012, pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública dos premios Coopera Galicia Entidades Locais, para distinguir as iniciativas de fomento do asociacionismo municipal mediante proxectos piloto de xestión compartida de servizos por parte de agrupacións de concellos, mancomunidades, consorcios locais e áreas metropolitanas da comunidade autónoma de Galicia (DOG nº 101, do 29 de maio) e a Orde do 26 de setembro de 2012, pola que se modifican as bases reguladoras dos premios Coopera Galicia Entidades Locais, aprobadas pola Orde do 18 de maio de 2012 (DOG nº 186, do 28 de setembro).

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 4.4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG nº 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file