Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 7 de agosto de 2013 Páx. 31973

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada modificado LAT 132 kV D/C conexión da subestación Ludrio coa LAT Meira-Ceao, no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), e promovida por E.ON Distribución, S.L. (expediente 002/2011 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa E.ON Distribución, S.L., con enderezo para os efectos de notificación na r/ Real Consulado, s/n (Polígono Candina), 39011 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 8.2.2011 a empresa E.ON Distribución, S.L. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV D/C conexión da subestación Ludrio coa LAT 132 kV Meira-Ceao, acompañada do preceptivo proxecto de execución e da separata técnica para o Concello de Castro de Rei.

Segundo. Posteriormente, a empresa promotora decidiu aumentar a capacidade de transporte de toda a liña eléctrica de alta tensión (LAT), pasando a proxectarse toda a liña en configuración tríplex, en previsión de aumentos futuros de xeración eólica con evacuación a través da distribución e conexión na subestación Ludrio, así como previsibles necesidades futuras da propia distribución eléctrica.

En consecuencia, o 9.1.2012 presentou, en substitución da anterior solicitude, a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada modificado LAT 132 kV conexión da subestación Ludrio coa LAT 132 kV Meira-Ceao, acompañada do preceptivo proxecto de execución.

Esta instalación eléctrica consistirá na construción dunha liña eléctrica de alta tensión (LAT) aérea de 132 kV, cunha lonxitude de 828 m, con orixe no pórtico a construír na futura subestación Ludrio e final no apoio nº 6 proxectado no van 52-53 da LAT 132 kV Meira-Ceao existente, en condutor 280 e cables de terra e comunicación, en dobre circuíto e configuración tríplex, e sobre apoios metálicos (6).

Terceiro. O 24.8.2012 a Xefatura Territorial de Lugo desta consellería (en adiante, xefatura territorial) emitiu informe no que conclúe que non se aprecia limitación para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica no caso das parcelas que se describen na relación de bens e dereitos afectados (RBDA) e, así mesmo que o proxecto de execución cumpre co establecido no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Cuarto. O 12.9.2012 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada modificado LAT 132 kV conexión da subestación Ludrio coa LAT 132 kV Meira-Ceao; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 25.9.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 25.9.2012 e no diario El Progreso do 22.9.2012; e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Castro de Rei e na xefatura territorial. Así mesmo, practicóuselle notificación individual aos interesados incluídos na RBDA.

Quinto. Durante o período en que o devandito proxecto de execución se someteu ao trámite de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– Bernardino López Veiga, presidente da CMVMC Rodela de Ludrio, indica que nas parcelas nº 2, 4 e 5 figura Rodela como denominación do seu lugar, cando a denominación correcta é Tras da Agra; así mesmo indica que estas parcelas non pertencen ao MVMC senón a propietarios particulares.

– José Barreira Lodeiro, indica que as parcelas nº 4 e 5, para as que figura como titular o MVMC e co lugar Rodela, pertencen a distintos propietarios e o seu lugar é coñecido como Tras da Carballosa ou Tras da Agra; así mesmo, solicita que se inclúa na RBDA un predio do que é propietario, e que ten os seguintes lindes: norte (camiño público), sur (Rectoral de Ludrio), oeste (Josefa Díaz) e leste (José Legaspi).

A empresa promotora presentou o 20.11.2012 unha nova RBDA, na que se atenden as alegacións descritas no parágrafo anterior. Posteriormente, a xefatura territorial practicou unha nova notificación individual aos interesados incluídos nela, presentándose as novas alegacións seguintes:

– José Barreira Lodeiro indica o seguinte: a superficie afectada nas tres parcelas nº 15, 16 e 17 é de 1.162 m2 e a das dúas parcelas nº 18 e 19 é de 2.031 m2, cando, en realidade, a suma dos metros de ancho das parcelas 15-16-17 é igual que a suma dos metros das parcelas 18-19; A superficie ocupada polos apoios nº 1 e 2 é de 47,5 m2 cada un, mentres que a do apoio nº 3 é de 31 m2, sendo as características destes similares; como as tres parcelas nº 15, 16 e 17 constitúen unha única propiedade e a situación do apoio nº 3 dificulta as tarefas agrícolas e forestais ao quedar o predio dividido en dúas partes, solicita que este apoio se traslade uns metros ata o linde da propiedade.

Finalmente, o 13.2.2013 a empresa promotora presentou a definitiva RBDA, da que se excluíron as parcelas para as que se chegou a acordo co seu propietario (acompañan permisos de paso obtidos ata esa data).

Sexto. Simultaneamente ao trámite de información pública, a xefatura territorial trasladou as separatas do devandito proxecto de execución ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter o seu informe ao respecto. Na seguinte táboa relaciónanse estas entidades e recóllese o resultado da súa resposta:

Entidade

Resultado da resposta

1

Concello de Castro de Rei

Non contestou a petición de informe, nin a reiteración desta petición. Polo tanto, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, enténdese a súa conformidade coa autorización da instalación; sen prexuízo da autorización que lle corresponda outorgar.

Sétimo. O 19.2.2013 a xefatura territorial emitiu informe sobre os rexistros mineiros afectados, no que se fai constar que o lugar da devandita instalación eléctrica presenta superposición co do permiso de investigación da sección C) denominado Vilaboa nº 6021, actualmente en tramitación, solicitado pola entidade Outokumpu Mining OY (Sucursal en España), quen cedeu os seus dereitos á mercantil Sondeos y Perforaciones Industriales del Bierzo, S.A.

Oitavo. O 11.4.2013 esta dirección xeral acordou iniciar o trámite de compatibilidade de utilidades públicas concorrentes no espazo territorial proxectado para a instalación eléctrica denominada modificado LAT 132 kV D/C conexión da subestación Ludrio coa LAT Meira-Ceao, no presente caso coa solicitude do permiso de investigación Vilaboa nº 6021, concedéndolle ás dúas partes afectadas o preceptivo trámite de audiencia polo prazo de quince días, quen alegaron, en síntese o seguinte:

– Pola mercantil Sondeos y Perforaciones del Bierzo, S.A., tras reafirmar a súa titularidade neste permiso de investigación e o seu dereito preferente á localización e posterior explotación dalgún recurso da sección C), a non oposición á compatibilidade tramitada suxeita á prioridade dunha susceptible explotación de recursos mineiros, se for o caso, fronte á presente instalación eléctrica (escrito con rexistro de entrada do 16.5.2013).

– Por E.ON Distribución, S.L., como entende que estamos ante un permiso de investigación de recursos mineiros, non procedería declarar compatibilidade con ningunha concesión de explotación dos mesmos (escrito con rexistro de entrada do 2.5.2013).

O 27.6.2013 a xefatura territorial emitiu informe sobre este trámite de compatibilidade no que conclúe que non procede regulamentariamente trámite de compatibilidade ningún entre o modificado LAT 132 D/C conexión da subestación Ludrio coa LAT Meira-Ceao e a solicitude do permiso de investigación Vilaboa nº 6021, que sexa un obstáculo ou condicione a tramitación da antedita instalación eléctrica.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de Autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista das alegacións presentadas (relacionadas no antecedente de feito quinto) e da contestación a estas, por parte da empresa promotora, e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

– En canto ao escrito de alegacións presentado por Bernardino López Veiga, presidente da CMVMC Rodela de Ludrio, en relación coas parcelas que figuran na RBDA cos nº 2, 4 e 5, a empresa promotora presentou o 20.11.2012 unha nova RBDA, na que se atenderon as súas pretensións.

– En canto ao primeiro escrito de alegacións de José Barreira Lodeiro, en relación coas parcelas que figuran na RBDA cos nº 4 e 5 e cunha parcela que resulta afectada e que non figura na RBDA, a empresa promotora presentou o 20.11.2012 unha nova RBDA na que se atenderon as súas pretensións.

– En canto ao segundo escrito de alegacións de José Barreira Lodeiro, presentado sobre a nova RBDA e en relación coas parcelas que figuran nesta cos nº 15, 16 e 17, indicar o seguinte:

• Segundo os datos de que dispón a empresa promotora, a superficie afectada nestas parcelas é a que figura na RBDA, non obstante, esta empresa ofrécese a reformular sobre o terreo a traza da liña e comprobar a superficie afectada, sempre que isto non prexudique os intereses de terceiros. Esta actuación deberá realizarse con anterioridade ou durante ao acto de levantamento de actas previas á ocupación ao que serán oportunamente convocados todos os afectados.

• En canto á superficie que ocupen os apoios nº 1 e 2, situados na parcela nº 1, existe un erro na cifra que figura na RBDA (95 m2); a superficie que ocuparán realmente será de 115 m2 (54 m2 o apoio nº 1 e 61 m2 o apoio nº 2). Non obstante, confírmase que a superficie que ocupará o apoio nº 3, situado nas parcelas nº 15 e 16, é a que figura na RBDA (31 m2).

• Segundo a empresa promotora, non existe inconveniente en desprazar o apoio nº 3 uns 3,5 m cara ao linde coa parcela nº 14, co obxecto de evitar a división das parcelas e facilitar os labores agrícolas e forestais, sempre e cando o apoio quede situado integramente na súa propiedade.

Terceiro. A respecto do trámite de compatibilidade (descrito no antecedente de feito oitavo) aberto como consecuencia da superposición do lugar da devandita instalación eléctrica co da solicitude do permiso de investigación da sección C) denominado Vilaboa nº 6021, a xefatura territorial, á vista dos escritos de alegacións presentados polas dúas partes afectadas durante o trámite de audiencia e do resto da documentación que consta en os ambos os expedientes, emitiu o correspondente informe o 27.6.2013.

Neste informe concluíuse que non procede regulamentariamente trámite de compatibilidade ningún entre a instalación eléctrica e a solicitude do permiso de investigación, que sexa un obstáculo ou condicione a tramitación da antedita instalación eléctrica. Esta conclusión está baseada, fundamentalmente, nas seguintes argumentacións:

– Estamos ante unha simple solicitude, en trámite, dun permiso de investigación; non estamos ante un permiso de investigación outorgado, tal e como estaría configurado cun contido legal concreto e determinado definido na respectiva resolución de outorgamento, e polo tanto, non existe o dereito que se concedería ao seu titular consonte o artigo 44 da vixente Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas. Tan só o outorgamento do permiso de investigación levaría implícita a declaración de utilidade pública para os efectos da normativa sobre expropiación forzosa, tal e como reflicte o artigo 104.2 da antedita Lei de minas.

– Dada a inexistencia dun permiso de investigación outorgado que acollese o dereito contido no artigo 44 da vixente Lei de minas, non procede declarar nin sequera iniciar o trámite de compatibilidade, pois non se pode producir concorrencia entre dereito mineiro ningún por inexistencia, no presente caso un permiso de investigación, e a instalación eléctrica que se examina.

– No vixente Regulamento xeral para o réxime da minaría exíxese, en tres dos seus artigos que dedica aos trámites de compatibilidade, a existencia, segundo os casos, dunha autorización de explotación de recursos da sección A), dunha autorización para o aproveitamento de recursos da sección B), dun permiso de investigación ou dunha concesión para explotar recursos da sección C); e consonte a Lei 54/1980, do 5 de novembro, de modificación da Lei de minas, antes do outorgamento de permisos ou concesión para calquera recurso da súa sección D), deberá declararse a compatibilidade ou incompatibilidade dos traballos programados respecto aos relativos a outros dereitos mineiros existentes, dentro do mesmo perímetro.

Cuarto. O proxecto de execución cumpre o disposto no Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

Quinto. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a instalación eléctrica denominada modificado LAT 132 kV D/C conexión da subestación Ludrio coa LAT Meira-Ceao, no termo municipal de Castro de Rei (Lugo), promovida por E.ON Distribución, S.L.

2. Aprobar o proxecto de execución da instalación eléctrica citada.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica citada, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto titulado modificado do proxecto da LAT 132 kV D/C conexión da subestación Ludrio coa LAT Meira-Ceao, asinado polo enxeñeiro industrial Jesús Roibas Rodil, e visado polo Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Delegación da Coruña, con visado dixital nº CO112901 e data do 14.12.2011, e no que figura un orzamento de 582.648,33 €.

Segunda. O peticionario asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que, en todo momento, se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como as demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral (relacionadas no antecedente de feito sexto desta resolución), a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos; ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas