Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Mércores, 7 de agosto de 2013 Páx. 31970

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de xullo de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se autoriza, se aproba o proxecto de execución e se declara en concreto de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT, RBT estrada Albar, no concello do Barco de Valdeorras (expediente IN407A 2013/18-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre autorización administrativa e declaración, en concreto, de utilidade pública da instalación eléctrica de referencia, así como a aprobación do seu proxecto de execución, asinado o 18.1.2013 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro. A petición someteuse a información pública mediante a Resolución do 13 de marzo de 2013, da Xefatura Territorial de Ourense, publicada no DOG do 10.4.2013, no BOP de Ourense do 6.4.2013, no xornal La Región do 2.4.2013, no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento de aplicación da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo. Dentro do prazo establecido para iso presentou alegación a titular do predio nº 1, segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto; desta alegación, que se refire ás perdas económicas que lle causaría a ocupación do seu predio polas infraestruturas proxectadas así como á busca de alternativas con menor afección, déuselle traslado á empresa eléctrica solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro. As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 140.401,56 euros, son as seguintes:

Características técnicas:

– LMT subterránea a 15 kV de 464 metros, en condutor RHZ1, con orixe no paso aéreo a subterráneo da LMT existente BDV704, en apoio derivación da LMT a CT de Grafitos Barco, e remate no CT proxectado A Barxa de 160 kVA e R/T 15.000/400-230 V.

– Redes de baixa tensión de 2.220 metros en aéreo, con condutor RZ, e 171 metros en subterráneo con condutor XZ1, derivadas do CT proxectado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1.5.2009).

Segundo. No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da sinalada Lei 54/1997, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Terceiro. Non se poden aceptar as alegacións presentadas por María de los Ángeles Blanco Quirós, titular do predio nº 1 das afectadas, xa que entrar na valoración do menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso do tendido eléctrico proxectado non corresponde a esta fase do procedemento, pois iso é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano ao cal se lle remitirá o expediente logo do levantamento das actas previas á ocupación e da incorporación das follas de valoración contraditorias que presenten as partes. No que se refire á situación das infraestruturas previstas no proxecto, cabe dicir que aquela foi a que, á xuizo do proxectista e seguindo a lexislación de aplicación, se considerou a máis axeitada no intento de lograr unha solución técnico-económica e ambiental óptima para o conxunto da instalación, sen que ao respecto se presentase documento técnico cunha mellor alternativa global.

Cuarto. O proxecto de execución, que consta co informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución. Efectuouse a comprobación sobre o terreo do trazado da liña eléctrica, na cal non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1º. Autorizar, aprobar o proxecto e declarar de utilidade pública, en concreto, as devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguranza establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economia e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 114 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 12 de xullo de 2013

P.S.L. (Decreto 324/2009, do 11 de xuño)
Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe do Servizo de Administración Industrial