Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Martes, 6 de agosto de 2013 Páx. 31506

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 29 de xullo de 2013 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Escola Rosalía.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Escola Rosalía, dítase a presente resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a continuación:

Feitos:

1. José Vázquez Fernández, presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Escola Rosalía foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo (Pontevedra) o 14 de maio de 2013, ante o notario José María Rueda Pérez, co número de protocolo 751, pola Asociación Escola Rosalía de Castro, que actúa representada polo seu presidente José Vázquez Fernández.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto promover o interese xeral por medio da educación en valores, fomentando os valores democráticos do respecto, a cooperación, a solidariedade, a tolerancia, a igualdade e os demais valores cívicos, establecidos nas bases pedagóxicas da Escola Rosalía de Castro desde os seus alicerces pola súa fundadora, Antía Cal Vázquez.

Igualmente, a fundación deberá servir de referente para todas aquelas persoas que teñen ou tiveron algunha relación cos valores da Escola Rosalía de Castro. En particular: alumnado, persoal, familias, persoas e entidades colaboradoras e calquera outra persoa interesada nos valores indicados no parágrafo anterior, fomentando o espírito de confraternidade, relacións, axuda, colaboración entre todos eles e contribuíndo a estender a toda a sociedade os valores da Escola Rosalía de Castro.

4. Na escritura de constitución constan os aspectos relativos á personalidade da entidade fundadora, a súa capacidade e vontade de constituír a fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio, obxecto e finalidade, as regras para aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado por José Vázquez Fernández como presidente, Rodrigo Martínez González como vicepresidente, Baltasar Manzano González como tesoureiro, Manuel Ángel Peteiro González como secretario e por Rafael Gutiérrez Araújo, Lara Menéndez Piñeiro e María José Heras Revelo como vogais.

7. A comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, proposta de clasificación como de interese educativo da Fundación Escola Rosalía, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Regulamento de fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, e o artigo 7 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, aprobado polo Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, o protectorado será exercido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

8. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 26 de xuño de 2013, clasificouse como de interese educativo a Fundación Escola Rosalía, e adscribiuse á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de Autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, correspóndelle a esta consellería a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Escola Rosalía, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no devandito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, e nos decretos 14 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, da Fundación Escola Rosalía, polo que

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación Escola Rosalía.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

3. Esta fundación, queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego e o Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta resolución poderá interpoñerse un recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2013

Jesús Oitavén Barcala
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria