Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 31111

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ponteareas

ANUNCIO de aprobación inicial do Plan xeral de ordenación municipal.

O Pleno Municipal, mediante acordos adoptados en sesións do 18 de xuño de 2013 e do 9 de xullo de 2013, aprobou inicialmente o PXOM do Concello de Ponteareas, sendo o documento texto refundido de xullo de 2013 coas modificacións e correccións extraídas do anexo-informe acordo aprobación inicial do 25 de marzo de 2013 o PXOM que queda aprobado inicialmente como resulta do acordo plenario do 9 de xullo de 2013.

De acordo co que determina o artigo 77 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, o acordo de aprobación inicial dos instrumentos de ordenación determinará, por si só, a suspensión do procedemento de outorgamento de licenzas de edificación, demolición ou parcelamento de predios, naqueles ámbitos do territorio obxecto de planeamento cuxas novas determinacións supoñan a modificación da ordenación urbanística vixente.

Determínanse expresamente as seguintes áreas afectadas pola suspensión:

– Suspéndense licenzas de edificación en todas as áreas clasificadas polo PXOM como sistema xeral ou local de rede viaria e de espazos libres en calquera clase de solo.

– No solo urbano consolidado e no solo de núcleo rural suspéndense as licenzas naquelas áreas onde non se poida cumprir, de xeito simultáneo, a normativa do planeamento vixente e a normativa do PXOM aprobada inicialmente.

– Suspéndense licenzas nas áreas de solo urbano non consolidado, no solo urbanizable delimitado e no solo urbanizable non delimitado do PXOM aprobado inicialmente.

– No solo rústico, se as licenzas requiren autorización previa da CMATI ou doutras administracións sectoriais, poderán seguir outorgándose, sempre que non afecten sistemas xerais ou locais de infraestruturas, equipamento, rede viaria, espazos libres ou elementos do Catálogo do patrimonio cultural do Concello do PXOM.

Os servizos técnicos municipais acreditarán a dita circunstancia con anterioridade ao envío ás administracións afectadas. Se non requiren autorización previa da CMATI, só se poderán outorgar licenzas nas áreas que cumpran as dúas normativas simultaneamente, sempre que non afecten sistemas xerais ou locais de infraestruturas, instalacións urbanas, equipamento, rede viaria, espazos libres ou elementos do Catálogo do patrimonio cultural recollidos no PXOM.

– Suspéndense as licenzas de demolición ou edificación en todos os elementos que integran as áreas de protección integral do Catálogo do patrimonio cultural do PXOM é no ámbito do Plan especial do Castro de Troña, excepto autorización expresa da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Os plans de desenvolvemento de iniciativa pública supramunicipal non están afectados pola suspensión.

As dúbidas que poidan xurdir na simultaneidade de aplicación de ambas as dúas normativas ou da ordenanza respectiva resolveranse tendo en conta os criterios de menor edificabilidade, de maior dotación para espazos públicos e de maior protección ambiental, aplicando o principio xeral de interpretación integrada das normas.

Esta suspensión publicarase conxuntamente coa aprobación inicial.

De acordo co artigo 85 da Lei 9/2002,de 30 de decembro (LOUGA), sométese o PXOM aprobado inicialmente, con todos os documentos integrantes do expediente tramitado, incluído o informe de sustentabilidade ambiental e incluídos os puntos relacionados no punto 1 c) deste acordo e as ordenacións detalladas do sector T-02 Eroski e do ámbito de solo de núcleo rural contido no perímetro do Plan especial de ordenación do medio rural PEOMR-02 A Rocha, simultaneamente ás consultas previstas no documento de referencia e ao trámite de información pública polo prazo de dous meses, mediante anuncio que se publicará no DOG, no taboleiro de anuncios do concello e en dous dos xornais de maior difusión na provincia. Simultaneamente, e durante o mesmo prazo, darase audiencia aos municipios limítrofes.

De acordo co artigo 85.3 da LOUGA, ao mesmo tempo que o trámite de información pública o Concello solicitará ás administracións públicas competentes os informes sectoriais que resulten necesarios.

O expediente completo pódese consultar na Oficina Técnica do Concello (Departamento de Urbanismo) en horario de atención ao público, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

Ponteareas, 9 de xullo de 2013

Salvador González Solla
Alcalde