Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Venres, 2 de agosto de 2013 Páx. 31108

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Oroso

ANUNCIO de aprobación inicial da modificación puntual número 5 do Plan xeral de ordenación municipal.

O 28 de xuño de 2013 o Pleno do Concello de Oroso adoptou este acordo:

«Primeiro. Aprobar inicialmente a modificación puntual número 5 (MP/5) do Plan xeral de ordenación municipal nos termos que constan no expediente.

Segundo. Iniciar un período de información pública do expediente durante dous meses, mediante anuncio no taboleiro de edictos do concello, no Diario Oficial de Galicia e en dous dos xornais de maior difusión na provincia.

Terceiro. Suspender o outorgamento de licenzas no ámbito da MP/5 do PXOM, excepto aquelas que se soliciten e que cumpran coas seguintes condicións e para os seguintes ámbitos:

Solo núcleo rural:

Poderase outorgar licenza naqueles ámbitos de núcleo rural recoñecidos simultaneamente no PXOM e na modificación e baixo a aplicación da disposición transitoria primeira da Lei 9/2002.

Solo rústico:

Poderase outorgar licenza naqueles ámbitos de solo rústico cumprindo simultaneamente o réxime previsto na Lei 9/2002 para o solo rústico, e o disposto no PXOM para o solo rústico. Mais, naqueles ámbitos de solo rústico que no PXOM estivesen clasificados de solo urbanizable non delimitado, suspenderase a tramitación de plans de sectorización.

En todo caso, o cumprimento simultáneo, cando xurda a dúbida de interpretación, resolverase consonte o disposto no artigo 6 da Lei 9/2002.

A suspensión de licenzas ou procedementos terá unha duración de ata dous (2) anos contados desde a aprobación inicial e, en todo caso, extinguirase coa aprobación definitiva do novo PXOM.

Cuarto. Darlles audiencia aos concellos limítrofes, simultaneamente e durante o mesmo prazo da información pública, e someter o plan ás consultas previstas na lexislación urbanística.

Quinto. Solicitarlles ás administracións públicas competentes os informes previstos pola lexislación sectorial do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia».

O prazo da exposición pública do expediente iniciarase o día seguinte a aquel en que se publique este anuncio no DOG.

Durante o dito prazo poderá ser examinado por calquera interesado nas dependencias municipais para que se formulen as alegacións pertinentes.

A documentación do expediente atópase ao dispor do público na Oficina Municipal de Urbanismo, de luns a venres, das 9.00 ás 14.00 horas.

Oroso, 8 de xullo de 2013

Manuel Mirás Franqueira
Alcalde