Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 1 de agosto de 2013 Páx. 30644

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura gasista consistente na ampliación da capacidade de almacenamento da estación satélite de gas natural licuado que alimenta as redes de distribución de gas natural dos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña), promovida por Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2012/15-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancias da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e enderezo, para os efectos de notificación, na rúa Lisboa, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 13.8.2004 esta dirección xeral resolveu outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a instalación da rede de distribución de gas natural nos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña) e o 16.5.2006, resolveu aprobar o proxecto de execución desta rede. As características básicas desta instalación son as seguintes:

– A distribución efectúase no rango de media presión B (MPB: máximo 4 bar e mínimo 0,4 bar).

– A tubaxe é de polietileno de alta densidade (PE 100 SDR 17,6) e con diámetros de 200, 160, 110 e 90 mm.

– A lonxitude da rede é de 14.446 m.

Para a alimentación desta rede, o 3.2.2006 esta dirección xeral resolveu outorgar a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a instalación dunha estación satélite de recepción, almacenamento e regasificación de gas natural licuado no termo municipal de Cee, e aprobar o seu proxecto de execución. As características básicas desta instalación son as seguintes:

– A estación satélite de gas natural licuado (estación satélite de GNL) ten unha capacidade xeométrica de almacenamento de 60 m3, cunha capacidade útil de 57.000 l.

– A súa capacidade de gasificación de deseño é de 1.200 Nm3/h e a súa capacidade de emisión máxima horaria é de 1.000 Nm3/h.

– A presión máxima de almacenamento é de 5 bar.

– Á saída da estación disponse dunha presión de 2,5 bar, que queda dentro do rango de presión MPB.

– A estación está composta basicamente polas seguintes unidades: unidade de descarga de camións cisterna; unidade de almacenaxe; unidade de regasificación forzada; unidade de regasificación atmosférica; sistema de seguranza, instalación de corte por baixa temperatura; unidade de regulación e medida; unidade de odorización e sistema de produción de auga quente.

– A estación está situada no lugar de Chafarís, no termo municipal de Cee (A Coruña).

Segundo. O 6.9.2012 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución correspondente á ampliación da capacidade de almacenamento da estación satélite de GNL, que está instalada no termo municipal de Cee e que subministra o gas natural ás redes de distribución dos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña).

Segundo o proxecto presentado, a dita ampliación consiste na instalación dun segundo depósito de 30 m3 de capacidade xeométrica, ao lado do depósito existente de 60 m3. Con esta ampliación, a estación pasará a ter unha capacidade xeométrica de almacenamento de 90 m3, cunha capacidade útil de 85.500 l.

O seu orzamento ascende á cantidade de corenta e cinco mil setecentos cincuenta euros (45.750 €).

Terceiro. O 11.10.2012 esta dirección xeral resolveu someter a información pública a solicitude de autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da devandita ampliación da estación satélite de GNL. Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 12.11.2012, no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 8.11.2012 e nos xornais La Voz de Galicia e Diario de Bergantiños do 13.11.2012, e tamén estivo exposta durante un prazo de vinte días nos taboleiros de anuncios do concello de Cee (do 23.10.2012 ao 15.11.2012) e do concello de Corcubión (do 19.10.2013 ao 12.11.2013).

Durante o período en que este proxecto de ampliación da estación satélite de GNL se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. O 2.11.2012 a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución correspondente á ampliación da estación satélite de GNL instalada no termo municipal de Cee.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e na Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30.11.1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista consistente na ampliación da capacidade de almacenamento da estación satélite de gas natural licuado que alimenta as redes de distribución de gas natural dos termos municipais de Cee e Corcubión (A Coruña), promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura gasista que se cita.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento desta autorización, unha fianza por valor de 915 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro. Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Terceira. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

De conformidade co disposto no informe do 2.11.2012 emitido pola Xefatura Territorial da Coruña desta consellería (a que se fai referencia no antecedente de feito cuarto desta resolución), a empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá:

– Previamente ao inicio das obras, comunicar á Xefatura Territorial da Coruña desta consellería os nomes do director de obra e a razón social da empresa instaladora que as realizará.

– Unha vez rematadas as obras, presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial da Coruña (quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas) acompañada da seguinte documentación: certificado de dirección e terminación de obra; informe radiográfico; certificados das probas de resistencia mecánica e de estanquidade; certificado do fabricante do depósito; plano de execución (as built) e certificado da empresa instaladora autorizada.

Cuarta. Esta autorización administrativa afecta o termo municipal de Cee, na provincia da Coruña, e prevé a ampliación da estación satélite de GNL instalada neste termo municipal de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado por Gas Galicia SDG, S.A., subscrito polo enxeñeiro industrial Domenec Romeu e visado polo Colexio de Enxeñeiros Industriais de Cataluña, con nº B-492383 e data 6.7.2012.

Quinta. A empresa Gas Galicia SDG, S.A. deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a Xefatura Territorial da Coruña desta consellería formalice a acta de posta en marcha.

Sexta. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas necesarias para realizar as instalacións aprobadas.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse, de ser o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á súa notificación.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas