Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Xoves, 1 de agosto de 2013 Páx. 30631

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se somete a información pública o plan de conservación, o borrador da orde pola que se declara, de xeito definitivo, como espazo natural de interese local, e o borrador de decreto polo que se aproba o plan de conservación do espazo natural de interese local Puzo do Lago, no concello de Maside (Ourense).

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, establece no seu artigo 4 que coa finalidade de adecuar a xestión dos recursos naturais e, en especial, dos espazos naturais e das especies que hai que protexer, aos principios inspiradores sinalados no artigo 2 desta lei, a Xunta de Galicia planificará os recursos naturais. A lei expresa no seu artigo 31 que como instrumento para a planificación dos espazos naturais de interese local (ENIL en diante) se configuran os plans de conservación, e dispón no artigo 40 a necesidade de seren elevados ao Consello da Xunta para a súa aprobación mediante decreto, logo de información pública e audiencia.

O Decreto 124/2005, do 6 de maio, polo que se regula a figura de espazo natural de interese local e a figura do espazo privado de interese local, establece o procedemento de declaración dos ENIL e dispón que os plans de conservación terán como mínimo os obxectivos e contidos previstos no artigo 6, establecendo o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

Mediante a Orde do 30 de xaneiro de 2009 declarouse de xeito provisional como espazo natural de interese local Puzo do Lago (DOG nº 25, do 5 de febreiro), localizado no concello de Maside (Ourense). Durante a declaración provisional, e como requisito imprescindible para a súa declaración definitiva, o Concello de Maside debía presentar ante a consellería competente o plan de conservación do espazo, o que fixo ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o pasado 1 de xullo de 2011.

O plan de conservación presentado é conforme cos contidos mínimos referidos no artigos 38 da lei e desenvolvidos polo Decreto 124/2005, do 6 de maio, establecendo o réxime de uso e as actividades permisibles, así como as limitacións que se consideren necesarias para a conservación do espazo.

O ENIL Puzo do Lago comprende, de acordo coa delimitación establecida na Orde do 30 de xaneiro de 2009 de declaración provisional, unha superficie de 31,40 ha.

Na tramitación emitiron informes o Servizo de Conservación da Natureza en Ourense, e a S.X. de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

Vista a documentación presentada polo Concello de Maside perante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en que propón a aprobación do plan de conservación do lugar denominado Puzo do Lago como espazo natural de interese local, esta dirección xeral considera necesario establecer un período de información pública e audiencia aos interesados na tramitación da declaración definitiva deste ENIL con obxecto de cumprir co disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Polas razóns explicadas,

RESOLVO:

Primeiro. Abrir o período de información pública e audiencia aos interesados polo prazo de 20 días hábiles que permita a participación do público en xeral nos procedementos de:

– Aprobación do plan de conservación do espazo natural de interese local Puzo do Lago, no concello de Maside (Ourense).

– Elaboración do borrador de orde pola que se declara de xeito definitivo como espazo natural de interese local o espazo local Puzo do Lago, no concello de Maside (Ourense).

– Elaboración do borrador de decreto polo que se aproba o plan de conservación do espazo natural de interese local local Puzo do Lago, no concello de Maside (Ourense).

Coa finalidade de que as persoas ou entidades que se consideren afectadas poidan remitir alegacións á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e co disposto no artigo 3.5 da Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co preceptuado pola Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á xustiza en materia de ambiente.

Segundo. Para efectos informativos póñense á disposición dos interesados copias destes documentos nas seguintes dependencias:

– Subdirección Xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade, San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

– A Xefatura Provincial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas en Ourense (Rúa do Paseo, nº 18, 3º, 32003 Ourense).

– O Concello de Maside (Praza Maior, nº 1, 32570, Maside, Ourense).

Do mesmo xeito poderanse consultar estes textos na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas: http:// www.cmati.xunta.es/disposicions

Terceiro. As alegacións formularanse durante o prazo de vinte (20) días, que comezará a contar a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2013

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza