Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 30 de xullo de 2013 Páx. 30191

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 22 de xullo de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas promovidos por entidades privadas sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor no eido da prevención das drogodependencias, na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A Estratexia nacional sobre drogas 2009-2016, cos seus correspondentes plans de acción, recollen a prevención do consumo de drogas como o ámbito clave. Concretamente o Plan de acción 2009-2016 da dita estratexia pon en valor a dimensión da saúde pública como compoñente social nas políticas de drogas e supón unha firme aposta para mellorar as intervencións e garantir a súa calidade a través da actividade coordinada entre todas as administracións que, pola súa vez, contan coa colaboración imprescindible das organizacións non gobernamentais para pór en marcha as medidas que contén o dito plan, onde se prevén seis ámbitos de intervención de acordo cos obxectivos marcados na estratexia nacional. O maior peso recae no ámbito da redución da demanda, que conta con 36 accións, o que supón máis da metade das que ten o plan. Dentro dese ámbito, a prevención é o tema privilexiado, con 17 accións, entre as cales se destacan accións dirixidas a sensibilizar e informar os distintos sectores sociais sobre os riscos a que pode conducir o consumo de drogas, así como a énfase posta en todo o que ten que ver coa prevención nos ámbitos educativo e escolar.

O Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016 recolle dez liñas estratéxicas de actuación, entre as cales destaca a diminución da prevalencia dos consumos de bebidas alcohólicas, tabaco ou drogas ilícitas; a regulación e control da oferta de bebidas alcohólicas e tabaco a menores; a prevención das adiccións sociais e condutas relacionadas e a diminución de riscos e redución de danos asociados ao uso e abuso de drogas. Concretamente, as cinco primeiras liñas estratéxicas establecen as actuacións clave e as persoas responsables de desenvolvelas, e son os concellos e entidades cidadás, é dicir, as entidades privadas que traballan en materia de drogodependencias, as que terán competencia no desenvolvemento de campañas e actos de sensibilización social sobre as consecuencias do uso e abuso de drogas e outras adiccións sociais e condutas relacionadas e na elaboración de guías e materiais de sensibilización social nos ámbitos escolar, familiar, xuvenil e laboral. Faise especial fincapé na necesidade de ter en conta as evidencias científicas existentes para o deseño das políticas e programas en materia de prevención.

Para o desenvolvemento deste plan tívose en conta a investigación socio-epidemiolóxica do consumo de drogas. En Galicia, esta investigación faise de forma continuada desde o ano 1988 con estudos bianuais. O último estudo do Consumo de drogas en Galicia, ademais da análise de prevalencias, factores de risco e protección e doutras variables sociolóxicas, describe o mapa de risco epidemiolóxico atendendo á ordenación das diferentes áreas sanitarias de Galicia.

O mapa establece dous índices de risco: o índice do risco absoluto, en función da presenza significativa das trece drogas estudadas en cada unha das áreas, e o índice de risco relativo, que pondera a incidencia de cada droga polo peso de poboación de cada área de saúde; isto permite establecer unha orde de prioridade. Así, cun risco alto atópanse as áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, cun risco medio-alto atópanse as de Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo e cun risco menor as do Salnés, Cervo-Burela, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos.

Así pois, resaltando a importancia de intensificar a coordinación e a cooperación institucional co fin de promover a participación social e a coordinación e cooperación coas entidades privadas que traballan no ámbito da prevención, e de acordo cos obxectivos estratéxicos do plan, neste marco de coordinación esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención de drogodependencias e doutras condutas adictivas.

Cómpre, ademais de dar continuidade temporal aos programas desenvolvidos ao abeiro dos convenios de colaboración con entidades privadas sen ánimo de lucro en materia de prevención de drogodependencias durante anos anteriores, promover a concorrencia competitiva con outras entidades sen ánimo de lucro cuxo ámbito de actuación sexan novos concellos de Galicia.

De acordo co exposto, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e en consonancia coas facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, nos seus artigos 34 e 38,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva a concesión de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas que se desenvolvan en Galicia nos anos 2013 e 2014, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, entre as cales atopan as recollidas no artigo 4 da presente orde.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán concorrer todas aquelas entidades privadas sen ánimo de lucro de Galicia que desenvolven o seu labor no eido da prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas e presenten e promovan, individualmente ou asociadas, o desenvolvemento dun proxecto obxecto da presente orde.

Artigo 3. Requisitos

Serán requisitos para optar a unha subvención para os proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas:

1. A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2013-2014 orientado ao fomento de estilos de vida saudables para a prevención das drogodependencias e outras condutas aditivas (sociais e comportamentais). Este proxecto denominarase xenericamente para efectos desta convocatoria «Proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas».

2. A creación formal dunha unidade/servizo de prevención de condutas adictivas, só para aqueles proxectos de prevención de drogodependencias universal, selectiva e indicada, excluíndo a de cumpriren este requisito aqueles proxectos que se presenten a desenvolver programas e actividades de prevención indicada dirixida a programas de redución de riscos e danos na rúa e espazos abertos, aos cales se refire o artigo 4.3 da presente orde.

Esa unidade/servizo estará constituída, polo menos, por un/unha profesional (titulado/a superior ou grao medio), preferentemente licenciado/a en psicoloxía, pedagoxía, educación social ou traballo social, con formación específica en drogodependencias e outras condutas adictivas, que actuará como coordinador/a e representante técnico do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

3. Contar coa infraestrutura física axeitada e necesaria para a localización da unidade/servizo de prevención de condutas adictivas para o adecuado desenvolvemento das funcións e programas e actividades que debe desenvolver.

No caso de proxectos que se presenten para desenvolver programas e actividades de prevención indicada sinalados no artigo 4.3, quedan eximidos deste requisito.

4. Estar inscrita no momento da solicitude de subvención no Rexistro de Entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

5. Para tal efecto, a entidade solicitante non rexistrada poderá solicitar a súa inscrición na Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, quen procederá, sempre que cumpra os requisitos necesarios exixidos no decreto citado no punto anterior, á súa inscrición no rexistro nun prazo máximo de 15 días contados desde a data de entrada da solicitude na Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, unidade xestora do antedito rexistro.

6. Acreditar de forma fidedigna, a entidade solicitante, unha experiencia profesional de traballo no eido das drogodependencias de, cando menos, 5 anos.

7. Para o caso de proxectos presentados con carácter municipal ou de agrupación de concellos, deberán abranguer unha área de actuación dun mínimo de 10.001 habitantes, ben como concello individual ou como suma dos/as habitantes dos concellos para os cales se presenta o proxecto común.

Para tal fin, comprobarase a veracidade de tal aspecto mediante o padrón municipal que figure na páxina web do Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. De idéntico xeito, para aqueles proxectos presentados coa cualificación de plan comunitario de intervención en prevención de drogodependencias, as entidades concorrentes deberán presentar o certificado municipal de poboación que din abranguer, isto é, a bisbarra, concello, distrito municipal ou barrio en que desenvolven ou pretenden desenvolver, a súa intervención comunitaria.

9. Así mesmo, as entidades a que se refire a clase 4 do artigo 8 da presente orde deberán presentar certificación do seu alcance de poboación por parte do organismo con competencias sobre o caso.

10. As entidades optarán á clase que lles corresponda segundo o indicado no artigo 8 desta orde. Se unha entidade privada se asociar con outra co fin de desenvolver un proxecto común nun mesmo ámbito territorial de actuación, nomearán entre elas a responsable interlocutora e receptora da subvención ante a Consellería de Sanidade para todos os efectos.

11. Presentar a documentación completa requirida no artigo 11 desta orde no prazo establecido nel.

Artigo 4. Contidos dos proxectos

1. Serán programas e actividades de carácter obrigatorio no eido da prevención universal, selectiva e indicada.

a) Aqueles proxectos que desenvolvan programas de prevención das drogodependencias nos ámbitos escolar, familiar e xuvenil recollidos no catálogo de programas contidos na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade
(http://www.sergas.es/Publicaciones/DetallePublicacion.aspx?IdPaxina=40008&IDCatalogo=1774)

2. Serán programas e actividades de carácter complementario e voluntario igualmente valorables neste eido da prevención:

a) Aqueles programas e actividades encamiñadas á prevención das drogodependencias dirixidos a outros ámbitos que, recollidos ou non no nomeado catálogo, se estean levando a cabo ou propoñan pór en marcha as entidades privadas. Para tal fin, poderanse desenvolver programas no ámbito da prevención laboral, xénero ou outras actividades transversais de información, sensibilización e formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.

3. Para proxectos de prevención indicada dirixida a programas de redución de riscos e diminución de danos a drogodependentes en situación de emerxencia social, o proxecto contará con carácter obrigatorio cos seguintes programas e as súas respectivas actividades:

a) Programa de captación de persoas drogodependentes e intervención na rúa.

b) Programa de centro de encontro e acollida, coa infraestrutura física indispensable para o seu desenvolvemento.

c) Programa de redución de riscos e diminución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos etc.

d) Programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

Tanto nas actividades de carácter obrigatorio como nas complementarias e voluntarias deberase prever a perspectiva de xénero, no relativo á súa metodoloxía e contidos.

Artigo 5. Funcións da unidade/servizo de prevención de condutas adictivas

1. Atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación en relación coas drogas no seu ámbito territorial de actuación.

2. Planificar, programar, coordinar, executar e avaliar programas de prevención de drogodependencias nos diferentes ámbitos de intervención: educativo, familiar, xuvenil, laboral, poboacións vulnerables, preferentemente comunidade xitana, programas en clave de xénero e outras actividades transversais de información-sensibilización, así como formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.

3. Mecanizar todos os programas preventivos realizados, así como cada unha das variables que conforman o Sistema de información da Consellería de Sanidade na área da prevención das drogodependencias, a través da aplicación informática para a Xestión do Sistema de Avaliación de Programas de Prevención (Xesapi).

4. Ser un nexo de unión e de coordinación coas distintas entidades que potencialmente podan estar implicadas no proxecto no ámbito do seu territorio de actuación, tales como concello, centros escolares, sociais, sanitarios e entidades de todo tipo e a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

5. Difundir á sociedade por todos os medios de comunicación ao seu alcance as estratexias preventivas que se estean realizando no seu territorio, así como os resultados alcanzados con elas: visualización social do proxecto no contexto que se aplica.

6. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos de normativa sobre promoción, publicidade, venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

7. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública emanadas dos principios e directrices do Plan de trastornos adictivos da Xunta de Galicia 2011-2016 en materia de prevención.

8. Elaborar os informes que permitan o correcto seguimento e avaliación dos proxectos segundo os procedementos de seguimento e avaliacións intermedias, que determine a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 6. Dispoñibilidades orzamentarias

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde aos proxectos de prevención de drogodependencias e condutas aditivas ascende a 455.586 euros, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 1002.413A.481.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, distribuíndose en dúas anualidades:

Ano 2013: 213.586 €.

Ano 2014: 242.000 €.

2. No entanto, estas contías pódense ver incrementadas a través, se for o caso, das oportunas modificacións orzamentarias por maior dispoñibilidade de crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia incluíndo a dispoñibibilidade de fondos procedentes do Estado, aplicándose, en todo o demais, o disposto no mencionado no citado artigo.

3. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento de resolución de concesión. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, están suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

Artigo 7. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía da subvención non poderá ser superior á cantidade solicitada ou ao 95 % do orzamento total do proxecto para o cal se solicita á subvención.

2. Ademais, a contía máxima destas subvencións non poderá, en ningún caso, superar o custo do proxecto que desenvolvan as entidades beneficiarias, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. Poderán subvencionarse os programas e actividades recollidas no proxecto que abrangan a súa realización desde o 1 de decembro de 2012 ata o 30 de maio de 2014.

4. Só se subvencionará un proxecto por cada entidade ou agrupación de entidades. Por iso, só se poderá optar á subvención e concorrer a unha das clases especificadas no artigo 8 da presente orde. No caso de entidades cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un único proxecto común.

5. Os proxectos serán seleccionados dentro da clase a que opten a/s entidade/s solicitante/s con base na puntuación que acaden en aplicación dos criterios especificados no artigo 9 da presente orde.

6. Só serán seleccionados para a definitiva adxudicación da contía subvencionable aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 50 puntos da puntuación máxima teórica de 100 puntos acadable na fase de baremación.

7. Para o procedemento de selección e asignación da correspondente contía que resulte daquela, aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8. O empate na puntuación acadada entre entidades que presenten un proxecto de actuación para un concello ou agrupacións de concellos resolverase a favor daquel proxecto que xa fose subvencionado con anterioridade a través de convenios de colaboración coa Consellería de Sanidade, coa fin de darlle continuidade temporal. A posible persistencia no empate resolverase por sorteo simple.

Artigo 8. Clases e contías das subvencións

a) Clase 1.

Para proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais ou agrupacións de concellos que abrangan unha poboación igual ou superior aos 50.001 habitantes, a concorrencia competitiva terá carácter autonómico.

Destínanse a esta clase 75.300 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, outorgáselle subvención só ata un máximo de 3 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase a subvención mínima que se pode outorgar a cada proxecto acadará a contía de 18.850 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1.

b) Clase 2.

Para proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais ou agrupacións de concellos que abrangan unha poboación igual ou superior aos 10.001 habitantes e igual ou inferior a 50.000, a concorrencia competitiva terá carácter autonómico.

Destínanse a esta clase 110.690 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outórgaselle subvención só ata un máximo de 4 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase, a subvención mínima que se pode outorgar a cada proxecto acadará a contía de 22.130 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1

c) Clase 3.

Para proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos nos cales as entidades sen ánimo de lucro solicitantes pretendan desenvolver plans comunitarios de prevención das drogodependencias, a concorrencia competitiva terá carácter autonómico.

Destínanse a esta clase 126.500 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outórgaselles subvención só ata un máximo de 4 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase, a subvención mínima que se pode outorgar a cada proxecto acadará a contía de 21.050 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1

d) Clase 4.

Proxectos de prevención de drogodependencias dirixidos a comunidades étnicas con especial risco.

Destínanse a esta clase 26.352 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outórgaselles subvención só ata un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase, a subvención mínima que se pode outorgar a cada proxecto acadará a contía de 13.175 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1.

e) Clase 5.

Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva nun programa de intervención precoz con drogodependentes en situación de emerxencia social, que teñan carácter autonómico ou, ao menos, supraprovincial.

Destínanse a esta clase 116.744 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outórgaselles subvención só ata un máximo de 2 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase, a subvención mínima que se pode outorgar a cada proxecto acadará a contía de 58.352 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1.

Artigo 9. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que serán aplicados á hora de seleccionar os proxectos presentados e que permitirán facer a proposta razoada das contías subvencionadas son os seguintes:

1. Calidade técnica, rigor metodolóxico e definición dun proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas: ata 58 puntos.

a) Para proxectos de prevención universal, selectiva e indicada especificados no artigo 4.1 e 4.2 valorarase, segundo o índice recollido no anexo II, da forma seguinte:

• Valorarase ata 49 puntos totais: ata 7 puntos por cada programa de carácter obrigatorio que se desenvolva no ámbito especificado no artigo 4.1.

• Valorarase ata 9 puntos totais: ata 3 puntos por cada programa de carácter voluntario que se desenvolva noutros ámbitos, segundo o especificado no artigo 4. 2.

b) Para proxectos de prevención indicada especificados no artigo 4.3 valorarase, segundo o índice recollido no anexo II, da forma seguinte:

• Valorase ata 12 puntos o programa de captación de persoas drogodependentes e intervención na rúa.

• Valorarase ata 18 puntos o programa de centro de encontro e acollida, coa infraestrutura física indispensable para o seu desenvolvemento.

• Valorarase ata 16 puntos o programa de redución de riscos e diminución de danos propiamente dito: intercambio de material de inxección, dispensa e distribución de kits hixiénicos, preservativos etc.

• Valorarase ata 12 puntos o programa de información-formación ás persoas destinatarias do proxecto.

Para a avaliación dos programas e a asignación da súa correspondente puntuación, cada un deles computará ata un índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 7 puntos alcanzables por cada programa de carácter obrigatorio e de ata 3 puntos por cada un dos programas de carácter complementario e voluntario. O cálculo da puntuación obtida farase efectuando a conversión das unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Grao de interacción da entidade coas estruturas existentes no concello/s: implicación e coordinación cos recursos escolares, sociais, sanitarios e sociosanitarios do ámbito municipal, mediante as oportunas acreditacións dos organismos e instancias aludidos: ata 5 puntos.

3. Emprego da lingua galega na redacción do proxecto e no desenvolvemento das actividades propostas: ata 1 punto.

4. Coa fin de fomentar a agrupación de entidades, incentivaranse aqueles proxectos que promovan o asociacionismo mutuo presentando un proxecto común, segundo a seguinte puntuación:

• Proxecto que agrupe dúas ou máis entidades: 4 puntos.

5. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde, nesta materia:

• Valorarase con ata 6 puntos aquela entidade que colaborase coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde durante 15 ou máis anos.

• Valorarase con ata 4 puntos aquela entidade que colaborase coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde entre 10 e 14 anos.

• Valorarase con ata 2 puntos aquela entidade que colaborase coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde nove ou menos anos.

• Valorarase con 0 puntos aquela entidade que nunca colaborase con anterioridade coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde.

No caso de se presentaren dúas entidades agrupadas que con anterioridade contasen, ambas, coa expresada colaboración, só se valorará esta epígrafe unha vez, e puntuaráselle á agrupación os puntos da entidade con maior tempo de colaboración coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde.

6. Experiencia acreditada no desenvolvemento de programas de redución de riscos e danos e prevención no eido das enfermidades transmisibles como VIH ou hepatite: ata 2 puntos.

7. Polo número de concellos en que desenvolven os programas e actividades de prevención presentadas no proxecto:

a) Valorarase ata con 5 puntos se abranguen 5 ou máis concellos.

b) Valorarase ata con 2 puntos se abranguen entre 4 e 3 concellos.

c) Valorarase ata con 1 punto se abranguen só 2 concellos.

8. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) de consumo de alcohol e outras drogas do espazo xeográfico en que desenvolven o proxecto:

a) Valorarase con 10 puntos se o IRE está definido como alto.

b) Valorarase con 5 puntos se o IRE está definido como medio-alto.

c) Valorarase con 1 punto se o IRE está definido como menor.

9. Tendo en conta a formación profesional e modalidade de contratación do persoal con que vaia contar a entidade para levar a cabo o proxecto, puntuarase ata un máximo de 9 puntos de acordo coa seguinte puntuación:

a) Contratación a xornada completa: por cada titulado/a superior (grupo I laboral da Xunta de Galicia) 3 puntos; por cada titulado/a de grao medio (grupo II) 2 puntos e por especialistas e persoas encargadas (grupo III) 1 punto.

b) Contratación a media xornada: por cada titulado/a superior (grupo I laboral da Xunta de Galicia) 1,5 puntos; por titulado/a de grado medio (grupo II) 1 punto e por especialistas e persoas encargadas (grupo III) 0,5 puntos.

Artigo 10. Cálculo das contías das subvencións

1. Só se subvencionarán aqueles proxectos que teñan acadado como mínimo 50 puntos na fase de baremación-selección, segundo o estipulado no artigo 7.6 da presente orde.

2. Aos proxectos que resulten seleccionados segundo a súa clase asignaráselle o crédito dispoñible segundo a relación ordenada que se obteña de maior a menor ata completar a contía global ou orzamento asignado á clase, segundo o especificado no artigo 8.

3. Para fixar a contía das subvencións que se outorguen dividirase o total do orzamento correspondente a cada clase entre a suma de puntos obtida pola valoración de todos os proxectos seleccionados nesa clase, e obterase, deste xeito, a cantidade en euros establecida para cada punto.

Unha vez obtido, na clase correspondente, o valor en euros de cada punto, multiplicarase pola puntuación obtida por cada proxecto presentado, para obter a contía da axuda.

4. Se nunha clase un ou varios proxectos fosen excluídos da asignación das axudas, ben por non acadaren a puntuación mínima exixida na fase de selección, ben porque a contía que outorgarlle, resultante de aplicar o método antes descrito, non acadase a subvención mínima a outorgar, expresada, segundo a clase no artigo 8, ou por calquera outra circunstancia debidamente xustificada, a contía que se asignará aos proxectos restantes seleccionados na clase faríase da seguinte maneira:

a) Se o número de proxectos seleccionados nunha clase fose só un menos do número máximo para subvencionar, ese orzamento non variará e adxudicarase entre os seleccionados segundo o método especificado no punto anterior.

b) Se o número de proxectos seleccionados fose dous menos, ou máis, dese máximo para subvencionar na clase, o importe global da clase se reducirá. O cálculo da redución farase da seguinte maneira.

Procederase a minorar do importe global da clase a suma das contías mínimas que estaban previstas para eses proxectos non seleccionados, repartindo esa suma como segue: o 50 % para incrementar o importe que se adxudicará entre os seleccionados da clase e o outro 50 % pasará a incrementar por igual o orzamento das demais clases.

5. De semellante maneira, se for o caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nunha determinada clase ou quedar deserta a concorrencia nunha clase por mor de non presentarse ningún proxecto a ela, o orzamento global destinado a esa clase irá destinado en exclusiva a incrementar por igual os orzamentos das demais clases.

6. A subvención que se conceda para cada proxecto será aboada en función das porcentaxes e exercicios establecidos no artigo 20, relativo á forma de pagamento e xestión económica.

Artigo 11. Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. Documentación.

As solicitudes deberán presentarse xunto coa totalidade da documentación que se relaciona a seguir:

a) Anexo I de solicitude dirixida á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

b) Copia do NIF da entidade solicitante.

c) Copia compulsada do DNI do representante no caso de non autorizar a consulta dos seus datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no anexo I e documentación acreditativa da representación .

d) Anexo II memoria do proxecto en soporte papel e extensión recollida neste anexo.

e) Anexo III de declaración responsable e comprensiva do feito de non atoparse a entidade solicitante incursa nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de entidades que realizan a súa xestión asociadas, xuntaranse as declaracións de cada participante no proxecto conxunto.

f) Anexo IV de declaración da entidade solicitante da subvención en que figure o conxunto de subvencións e axudas solicitadas para o proxecto que presenta ou proxectos cos mesmos fins, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Tal como prevé o artigo 3.10 da presente orde, no caso de que unha solicitude sexa presentada por unha entidade que pensa realizar a xestión do proxecto asociada a outra, ou varias, ademais da documentación exixida no apartado anterior, estas entidades deberán amosar individualmente a aceptación do nomeamento da entidade privada solicitante como única representante do proxecto común, que actuará como representante ante a Consellería de Sanidade. Para tales efectos, téñense que achegar cubertos os anexos V e VI, de nomeamento de representante das entidades agrupadas e da aceptación conforme de tal condición, respectivamente.

2. Lugar de presentación.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Neste caso a documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío debera ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Autorizacións.

A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente da Xunta de Galicia, cando sexan pertinentes. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 12. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se achegar a documentación exixida, requirirase a entidade interesada para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no devandito artigo.

Artigo 13. Instrución e comisión de valoración

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, quen, a través do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación das solicitudes establecidos no artigo 9 da presente orde, avaliará os proxectos das entidades solicitantes e emitirá o correspondente informe coa puntuación acadada polos proxectos presentados, realizará a selección e emitirá informe ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en que delegue, a persoa que exerza de secretario/a e, polo menos, a metade dos/as seus/súas membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes algún dos/as membros que a compoñen non puidera asistir, será substituída pola persoa que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión.

Para o seu funcionamento, a comisión rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

A comisión de valoración, facendo a motivación oportuna poderá requirir ás entidades solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

A comisión de valoración estará integrada polos/as seguintes membros:

• Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

• Vogais:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

– A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas.

– Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

– Un/unha ou dous/dúas avaliadores/as externos alleos á Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión.

Na composición da comisión de valoración, procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada, que será notificada individualmente ás entidades interesadas, concedéndolles un prazo de dez días para presentar alegacións.

Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar a entidade beneficiaria a reformular da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable, de conformidade do establecido no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

4. Examinadas, de ser o caso, as alegacións aducidas ou as solicitudes reformuladas polas entidades interesadas, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública formulará a proposta de resolución definitiva.

5. As propostas de resolución provisional e definitiva no crean dereito ningún a favor da entidade beneficiaria proposta mentres no se lle teña notificado a resolución de concesión.

Artigo 14. Resolución

1. A proposta de resolución definitiva será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade, que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva. A dita resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación de entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse ás entidades beneficiarias no prazo de 3 meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Notificación e publicación

1. A resolución deberá ser notificada ás entidades beneficiarias de forma individualizada de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A notificación de forma individualizada farase sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas, de conformidade co establecido nos artigos 15 e 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia deberá conter a relación de entidades solicitantes ás cales se conceden, desestimen e non concedan as subvencións para os respectivos proxectos, con indicación da norma reguladora, a súa correspondente contía e as causas de denegación, cando sexa o caso.

3. De conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13.3 e 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

4. Conforme o establecido no artigo 14.1 m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos ao abeiro desta orde se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento, e pódense exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á:

Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela. A Coruña.

6. Segundo o establecido no artigo 14.1.ñ), da Lei 9/2007, informamos as entidades interesadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da mesma lei.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa, entenderse tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A aceptación da subvención ou a súa renuncia poderase facer axustándose aos modelos que se inclúen como anexos VII e VIII respectivamente ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

3. No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a conselleira de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1. da mesma lei.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución do procedemento que pon fin á vía administrativa, as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a conselleira de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade interesada.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, de 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non for contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 18. Conceptos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á naturaleza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 7.3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal, ás retribucións en nómina sumaranselles os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal laboral.

b) Axudas de custo por mantenza e desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización social do proxecto, gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo tales como os correspondentes a alugueres dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos xudiciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a preparación ou execución dela.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando a entidade beneficiaria desta axuda os aboe efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) Os gastos de amortización calculados de conformidade coas normas de contabilidade xeralmente aceptadas consideraranse subvencionables sempre que se refiran ao período indicado e que os bens obxecto de amortización non fosen adquiridos mediante subvencións da Consellería de Sanidade ou do Servizo Galego de Saúde.

i) Non obstante, en ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

2. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, e os pagamentos ou as súas obrigas débense acreditar a través de facturas e os xustificantes de pagamento bancarios correspondentes. En todo caso, a forma de xustificación deberá atender ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Xustificación

Unha vez rematado o desenvolvemento do proxecto e, en todo caso, antes do 30 de xuño de 2014, as entidades beneficiarias remitirán á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a seguinte documentación, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida:

1. Declaración da entidade peticionaria da subvención en que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas ou concedidas ou as pendentes de resolución, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención (anexo IV, actualizado).

2. Memoria dos programas e actividades realizadas no período obxecto da subvención. Será presentada segundo o sistema de información con que conta a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Informes de Memoria que recolle o Sistema de Avaliación de Programas de Prevención de Drogodependencias (Xesapi).

3. Presentarase un resumo de gastos, en que figurarán a suma de cada concepto, derivados do desenvolvemento do proxecto, debidamente asinados polo/a tesoureiro/a da entidade e co visto e prace do/a presidente/a da entidade, gastos que terán que ser iguais ou superiores ao importe do proxecto subvencionado. En todo caso, a forma de xustificación deberá atender ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na cal segundo o seu número 6 a xustificación deberá comprender a totalidade dos gastos dos programas e actividades desenvolvidas, debendo acreditar os gastos da subvención outorgada. Ademais, atenderá ao previsto no artigo 29.2 desa mesma lei con relación ao concepto de gasto realizado.

4. Segundo o artigo 7.3 da presente orde, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1 de decembro de 2012 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse a gastos xerados a partir dese período. Non entanto, e motivado polos prazos impostos polo peche do exercicio orzamentario anual, a documentación será requirida con anterioridade ao seu pagamento efectivo na forma que oportunamente se especifica no artigo 20, coa finalidade de ser realizado pola Comunidade Autónoma o correspondente recoñecemento da obriga.

5. Para poder efectuar os pagamentos previstos deberanse acreditar os gastos efectuados mediante xustificacións orixinais ou copias compulsadas de facturas ou documentos con valor probatorio equivalente, nóminas ou boletíns de cotización á Seguridade Social. As facturas deberán estar debidamente cubertas de acordo coa normativa vixente, e nelas constarán:

• Número de factura.

• Nome e apelidos ou denominación social, número de identificación fiscal e enderezo, tanto do expedidor como do destinatario.

• Descrición da operación, e a súa contraprestación total, indicando o tipo impositivo aplicado.

• Lugar e data da súa emisión.

6. A estas xustificacións deberá xuntárselles unha relación en listaxe simple consecutiva, ordenadas segundo os conceptos de gasto a que se atribúen (persoal, materiais, ou gastos xerais de mantemento e xestión) e dentro destes, correlativas segundo a súa data de emisión.

7. Nesta relación figurará para cada un dos conceptos o número de orde da factura, o número de factura, a data de emisión, o provedor, a descrición do gasto, o programa a que se atribúe e o importe da factura.

8. Tanto a presentación das facturas como a demais documentación xustificativa dos gastos e a súa relación ordenada son requisitos imprescindibles para a tramitación do mencionado pagamento e devolverase toda a xustificación que non o cumpra.

9. O pagamento final da subvención correspondente quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu, nos termos e na forma que estableza a resolución da concesión.

10. Ao remate do proxecto, xunto coa memoria dos programas e actividades obxecto do período correspondente, xuntarase copia de todos os materiais divulgativos xerados.

11. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 20. Pagamento e xestión económica

1. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade beneficiaria farase sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención, o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

2. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 62.2 e 4 e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2013.

• Primeiro pagamento de carácter anticipado, equivalente ao 46,88 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de preparación, posta en marcha e execución inicial de actividades do proxecto. Este pagamento de carácter anticipado efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, logo de aceptación da subvención concedida, e deberá ser xustificado posteriormente con ocasión da presentación de pagamentos á conta.

b) Anualidade de 2014.

• Segundo pagamento, á conta da liquidación definitiva, equivalente ao 33,12 % da contía total outorgada, segundo o especificado no artigo 62 do citado Decreto 11/2009. Efectuarase tras a presentación dun informe de seguimento por parte da persoa coordinadora do proxecto, en concepto de gastos de continuación da execución das actividades programadas, e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento e Estilos de Vida Saudables.

Este pagamento á conta librarase despois da debida xustificación dos gastos executados efectivamente pagados que correspondan ás actividades desenvolvidas desde o 1 de decembro de 2012 ata o 31 de xaneiro de 2014.

Para unha mellor e máis eficiente xestión, a solicitude deste pagamento a conta deberá presentarse ante a Consellería de Sanidade antes do 28 de febreiro de 2014.

En todo caso, os ditos importes (anticipo e pagamentos a conta) non poderán superar o 80 % da subvención concedida, logo de autorización polo Consello da Xunta para superar a porcentaxe máxima prevista no artigo 63.3 do Decreto 11/2009.

• O libramento do pagamento do 20 % final non se levará a cabo ata que estean integramente xustificados a totalidade dos gastos correspondentes á actividade subvencionada, e efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 19, á vista do informe das avaliacións intermedias que realice, de ser o caso, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, e da memoria final, en concepto de execución conforme das actividades do proxecto subvencionado.

Para a unha mellor e máis eficiente xestión, a solicitude deste derradeiro pagamento deberá presentarse ante a Consellería de Sanidade antes do 30 de xuño de 2014.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

1. Serán obrigas das entidades beneficiarias as recollidas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Quedarán tamén obrigadas a dar adecuada publicidade e difusión, por calquera clase de medio escrito ou audiovisual, da participación da Xunta de Galicia nas actividades que se desprendan do proxecto subvencionado.

3. Calquera outra das obrigas establecidas na normativa vixente en materia de subvencións.

Artigo 22. Revogación e reintegro das axudas

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Artigo 23. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións, de Galicia, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

Disposición derradeira primeira

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, pola que se aproba o seu regulamento e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda

A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira terceira

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permiten a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

missing image file
missing image file

ANEXO II

Proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas.

1. Título do proxecto.

O título deberá ir acompañado dos datos identificativos da/s entidade/s sen ánimo de lucro que o presentan.

2. Extensión do proxecto.

A memoria do proxecto que se presente en ningún caso poderá exceder de 30 folios en Din A-4 polas dúas caras. Acompañando o anexo I de solicitude de axuda, xuntarase un exemplar impreso en Din A-4.

3. Índice e contidos do proxecto.

Relacionaranse os programas e actividades para cada ámbito de actuación segundo a carteira de servizos en materia de prevención de drogodependencias.

Os programas de carácter obrigatorio susceptibles de subvención son:

Ámbito escolar.

• Programa de Prevención universal do consumo de drogas no ámbito educativo: PPCDE/Saúde na escola e intervención socioeducativa na aula.

• Programa de prevención selectiva Non pasa nada, Pasa algo.

Ámbito familiar.

• Programa de prevención universal Mais que un teito.

• Programa de prevención selectiva En familia todos contan.

• Programa de prevención indicada Entre todos.

Ámbito xuvenil.

• Programa de prevención universal Activa.

• Programa de prevención selectiva Cambio de sentido.

Os programas e/ou actividades de carácter complementario e voluntario susceptibles de subvención son:

• Programa de prevención laboral Ao alcance.

• Programa de prevención en clave de xénero Penélope.

• Actividades transversais de Información-sensibilización e formación de mediadores sanitarios e sociais.

Para a avaliación dos programas e a asignación da súa correspondente puntuación, cada un deles computará ata un índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 7 puntos alcanzables por cada programa de carácter obrigatorio e de ata 3 puntos por cada un dos programas de carácter complementario e voluntario. O cálculo da puntuación obtida farase efectuando a conversión das unidades en puntos mediante regra de tres simple.

a) Definición do programa.

• Descrición da poboación destinataria.

• Definición dos obxectivos.

• Definición das actividades e metodoloxía.

• Temporalidade/ cronograma.

•Avaliación.

b) Calidade do programa.

• Xustificación da necesidade ou análise da situación.

• Modelo teórico e metodoloxía.

• Recursos económicos e materiais previstos.

• Concreción do orzamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file