Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 30 de xullo de 2013 Páx. 30229

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2013 pola que se convoca un curso de dirección e control para mandos dos corpos de bombeiros.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realicen algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teñan como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que poidan producirse en Galicia: derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de dirección e control para mandos dos corpos de bombeiros, con 1 edición, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Tipo

Curso

Denominación

Dirección e control para mandos dos corpos de bombeiros

Modalidade

Presencial

Edicións

1

Horas lectivas

35

Prazas por edición

16

2. Obxectivos e contido:

Obxetivos:

• Desenvolver as calidades propias dun mando.

• Adestrar ao alumno nun método de traballo básico para desenvolver as técnicas e procedementos para a correcta xestión dunha emerxencia.

• Coñecer e aplicar de forma unificada os plans de actuación e tácticas de control diante dunha emerxencia, avaliando os riscos e desenvolvendo unha preplanificación da intervención, tomando decisión estratéxicas e tácticas a curto e medio prazo.

Contido:

Divídese nunha parte teórica e outra práctica. Na teoría márcanse os conceptos necesarios para poder desenvolver as prácticas. Nas prácticas desenvólvense simulacros de distintas situacións diarias de traballo operativo dos bombeiros.

1. Contido teórico (5 horas):

a. Calidades de líder.

b. O mando en bombeiros.

c. Delegación de funcións en emerxencias.

d. Principais funcións do control e do mando.

e. Avaliación de prioridades en emerxencias.

f. A substitución do mando.

g. O posto de mando e o protocolo de comunicacións.

h. Seguridade en actuacións.

i. Planificacións para emerxencias.

2. Contido práctico (30 horas): desenvolveranse diferentes simulacros de intervención, facendo prácticas de mando á totalidade dos alumnos.

a. Proba de esforzo, comprobación dos límite físicos.

b. Coñecemento do material; vehículos de emerxencia e equipamento de intervención.

c. Exercicio de comunicacións para unha correcta resolución dunha emerxencia.

d. Simulacro de intervención nunha vivenda unifamiliar, rescate e extinción.

e. Simulacro de intervención nun taller de vehículos. Implicación de diversas mercadorías perigosas.

f. Simulacro de intervención nunha vivenda de dúas plantas. Rescate e extinción.

g. Incendio en local comercial.

h. Emerxencia en subestación eléctrica, incendio de aceite de refrixeración.

i. Rescate de vítimas atrapadas en galerías subterráneas.

j. Intervención en gran incendio en centro comercial.

k. Simulacro intervención nun incendio dun edificio residencial de 4 plantas.

l. Simulacro final conxunto dun edificio incendiado con locais comerciais.

3. Destinatarios/as e requisitos de participación.

a) Destinatarios/as: o curso vai dirixido a profesionais dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

b) Requisitos de participación: os solicitantes seleccionados deberán acreditar a súa categoría profesional o primeiro día do curso mediante un certificado da súa xefatura de persoal.

4. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Centro de Formación Integral de Emerxencias da empresa Seganosa (Alxén, s/n, Salvaterra de Miño, Pontevedra).

Horario: das 8.00 ás 15.00 horas (5 xornadas).

Datas: do 16 ao 20 de setembro de 2013.

5. Inscrición.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá inscribirse na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Con carácter previo á inscrición é necesario darse de alta como usuario da páxina web da Agasp. Nesta alta previa é imprescindible facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición é de 15 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 12,
886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico
formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

6. Criterios de selección do alumnado participante.

1º. Cada parque de bombeiros terá dereito a unha soa praza.

2º. Se hai dúas solicitudes que cumpran os requisitos dun mesmo parque, seleccionarase a persoa de rango máis alto.

3º. Se hai solicitudes de dúas persoas co mesmo rango no parque, seleccionarase a que teña menos cursos feitos na Agasp nos anos 2011 e 2012.

4º. Se despois de aplicar os criterios anteriores persiste o empate, aplicaranse os restantes criterios de selección establecidos no artigo 20 da Orde do 4 de febreiro de 2009 pola que se aproba o Regulamento de réxime interior da Academia Galega de Seguridade Pública.

5º. Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existir suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

7. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

As persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con cando menos 48 horas de antelación ao comezo desta. Esta renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as cales reúnan os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp).

8. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG nº 30, do 12 de febreiro).

9. Faltas de asistencia.

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, penalizándoas disciplinariamente, en caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado/a non apto/a, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a non asistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o/a director/a xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso, a xefatura de ensino proporá ao/á director/a xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/do alumna/o ao longo do curso.

10. Certificado de aproveitamento.

Ao remate da actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen a proba final.

11. Financiamento da actividade.

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

12. Facultades da Agasp.

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións desta ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 22 de xullo de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública