Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29791

III. Outras disposicións

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

RESOLUCIÓN do 16 de xullo de 2013 pola que se convocan, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, as probas de acreditación das competencias dixitais en ofimática para o persoal ao servizo das administracións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 218/2011, do 17 de novembro, polo que se regula a certificación galega de competencias dixitais en ofimática (DOG número 229, do 30 de novembro) establece no seu artigo 6.1 que obterán a certificación galega de competencias dixitais en ofimática as persoas que acrediten as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia, mediante a superación dunha proba convocada para ese fin pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Así mesmo, o decreto indica no artigo 6.3 que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia elaborará o Plan formativo ofimático de Galicia. Ata que se elabore o primeiro plan, o seu contido será o descrito no módulo formativo MF0233_2. Ofimática (190 horas), asociado á unidade de competencia UC0233_2: manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e da documentación, do Catálogo nacional de cualificacións profesionais.

Esta certificación (CODIX ofimática) ten como obxectivo fundamental o fomento do uso das tecnoloxías da información e as comunicacións mediante o apoio e recoñecemento dos esforzos realizados para a adquisición de capacidades e aptitudes no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, en desenvolvemento da liña estratéxica L3: Cidadanía dixital, no seu punto L3-P3: Programa de acreditación de competencias dixitais, da Axenda Dixital 2014.gal.

Para o caso concreto do persoal ao servizo das administracións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, supón un recoñecemento que coadxuva á modernización da Administración e achega un valor engadido aos servizos que se prestan á cidadanía. Con este fin, asinouse o Convenio de colaboración con data do 30 de xaneiro de 2013 entre a Escola Galega de Administración Pública (en diante, EGAP) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (en diante, Amtega) para o desenvolvemento de actividades de formación, divulgación e investigación.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar, en colaboración coa Escola Galega de Administración Pública, probas de acreditación das competencias dixitais en ofimática dirixidas ao persoal ao servizo das administracións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática, cuxas bases, características e contidos se detallan no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2013

María del Mar Pereira Álvarez
Directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia

ANEXO
Bases

Primeira. Obxecto da convocatoria

Convócanse 200 prazas de acceso libre para a acreditación das capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no Plan formativo ofimático de Galicia.

O temario para a avaliación será o descrito no módulo formativo MF0233_2. Ofimatica (190 horas) do Repertorio nacional de certificados de profesionalidade, asociado á unidade de competencia UC0233_2: manexar aplicacións ofimáticas na xestión da información e a documentación, do Catálogo nacional de cualificacións profesionais. As capacidades e criterios de avaliación do dito módulo formativo pódense consultar no Real decreto 558/2011, do 20 de abril, polo que se complementa o Catálogo nacional de cualificacións profesionais, mediante o establecemento de dúas cualificacións profesionais correspondentes á familia profesional de Administración e Xestión (BOE número 109, do 7 de maio).

O contido das probas abranguerá materia das unidades formativas seguintes:

UF0319. Sistema operativo, busca de información: internet/intranet e correo electrónico.

UF0320. Aplicacións informáticas de tratamento de textos.

UF0321. Aplicacións informáticas de follas de cálculo.

UF0322. Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais.

UF0323. Aplicacións informáticas para presentacións gráficas de información.

Para a realización das probas, cada aspirante poderá optar, no momento da matrícula, pola plataforma Windows 7 ou Ubuntu 10.04, Microsoft Office 2010 ou OpenOffice.org 3.2.1.

Segunda. Requisitos dos participantes

Poderá participar nas probas convocadas por esta resolución o persoal ao servizo das administracións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia que se encontre en situación de servizo activo, incapacidade temporal por maternidade ou excedencia polo coidado dun fillo ou dun familiar e que reúna os requisitos establecidos na presente convocatoria.

Terceira. Datas e lugares de realización

As probas terán lugar nas dependencias da Escola Galega de Administración Pública, situada na rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela, os días 10 e 11 de setembro de 2013, das 9.00 ás 15.00 horas. A información será actualizada e ampliada na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es

Cuarta. Solicitudes

a) O persoal que desexe participar nas probas de avaliación libre dos cursos convocadas nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula electrónico na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es/ofimatica, que estará dispoñible desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 14.00 horas da data de finalización. Non serán admisibles outros modelos de solicitudes. Recoméndase facilitar a conta de correo electrónico e o teléfono móbil para enviar mensaxes ás persoas seleccionadas.

b) No formulario de matrícula electrónico deberá achegar a documentación acreditativa dos méritos alegados e das circunstancias específicas para os efectos da selección en formato electrónico. Poderá pedirse a emenda ou a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan no formulario de matrícula deberán estar convenientemente acreditados. Non presentar os documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión das probas do/a solicitante previamente seleccionado/a.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática da proba de avaliación solicitada, así como á imposibilidade de participar en ningunha outra durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas aquelas solicitudes que, logo do prazo de emenda, non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude oficialmente establecido na letra a) ou se presenten fóra de prazo.

e) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas no enderezo da internet http://egap.xunta.es/ofimatica unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

f) O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

g) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Amtega a través do número de teléfono 881 99 50 29 ou do correo electrónico ofimatica@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

h) O tratamento dos datos que proporcionen as persoas participantes efectuarase conforme a lexislación de protección de datos de carácter persoal.

Quinta. Criterios de selección

A participación nas probas de avaliación exixe que os solicitantes teñan un nivel adecuado de coñecemento da materia en que se van examinar. Con esta finalidade, terán prioridade as persoas que acrediten ter superado ou impartido o módulo formativo MF0233_2. Ofimática ao abeiro do Acordo de formación para o emprego nas administracións públicas (AFEDAP).

A continuación, todas aquelas persoas que teñan superado ou impartido unidades formativas do módulo formativo MF0233_2. Ofimática. Terán preferencia as actividades formativas no marco do AFEDAP.

A seguir, terán preferencia as persoas que acrediten ter superados ou impartidos cursos de ofimática desenvolvidos por outras entidades de formación do persoal ao servizo das administracións públicas.

Os criterios selectivos supletorios que serán empregados son os sinalados con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (Diario Oficial de Galicia número 7, do 10 de xaneiro). Para os efectos do previsto no punto segundo da citada resolución, o baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60 % estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos dous últimos anos e o 40 % restante á antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo. Para o ano 2013, segundo a Resolución do 15 de xaneiro (DOG do 22 de xaneiro), comezarase pola letra X.

Sexta. Publicación da relación do persoal seleccionado

A EGAP publicará na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar nas probas de acreditación, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión, serán informadas da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica aquelas que faciliten os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Cambios ou substitucións na selección, renuncia, asistencia e puntualidade

a) Cambios ou substitucións na selección:

En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

b) Renuncia:

1. As persoas seleccionadas só poderán renunciar ás actividades formativas:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

2. A renuncia debe ser comunicada, nun prazo de cinco días hábiles desde a publicación da listaxe definitiva de persoas seleccionadas, no enderezo de correo electrónico ofimatica@xunta.es, ademais do previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

3. As persoas que renuncien sen cumprir o previsto nos anteriores puntos pasarán ao final das listas das actividades formativas e probas de acreditación de competencias dixitais en ofimática convocadas pola Amtega, cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

c) Asistencia e puntualidade:

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade ás probas de avaliación. Para estes efectos, realizarase un único chamamento por orde alfabética. En ningún caso se admitirán cambios na asignación de quendas das probas.

2. As persoas participantes deberán vir provistas de DNI ou dun documento fehaciente acreditativo da súa identidade. Non se permitirá o uso de dispositivos electrónicos durante o desenvolvemento das probas.

3. As faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os responsables das probas das actividades formativas nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización das probas.

4. As persoas que non se presenten ás probas na quenda asignada perderán o dereito ao certificado de superación da proba. No caso de incumprir o previsto no punto anterior, pasarán ademais ao final das listas das actividades formativas e probas de acreditación de competencias dixitais en ofimática convocadas pola Amtega, cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde a finalización desta actividade.

Oitava. Realización das probas

a) A proba de avaliación constará de 50 preguntas tipo test. Os alumnos disporán de 2 horas e 30 minutos e unha única tentativa, sen posibilidade de emenda, para a súa realización.

b) Para superaren as probas de avaliación deberán responder de forma correcta a un 70 % das preguntas da proba. As respostas incorrectas non descontarán acertos.

Algunhas preguntas farán referencia a arquivos que deberán manexar coa ferramenta ofimática correspondente (Microsoft Office 2010, OpenOffice.org 3.2.1, Windows 7 ou Ubuntu 10.04).

Novena. Certificado

A Amtega outorgará o correspondente certificado galego de competencias dixitais en ofimática (CODIX ofimática) ao alumnado que supere a proba de avaliación e o solicite a través da sede electrónica.

Décima. Facultades da Amtega e da EGAP

a) A Amtega e a EGAP resolverán aquelas incidencias que se poidan producir no desenvolvemento e xestión das probas de avaliación. Así mesmo, corresponde a ambas prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.

c) A Amtega e a EGAP poderán modificar o desenvolvemento e os contidos das probas, as datas e os lugares de realización, así como resolver todas as continxencias que poidan xurdir.

José Luis Somoza Digón, xerente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.