Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29759

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 113/2013, do 24 de xullo, polo que se modifica o Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

En virtude do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, apróbase a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar.

A necesidade de revisar a incidencia da nova estrutura en determinadas disposicións normativas vixentes comporta a inclusión dunha nova disposición adicional que determine a adscrición de determinados órganos e a atribución das competencias derivadas do dito decreto.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar

Engádese a disposición adicional cuarta que se indica a seguir:

«Disposición adicional cuarta

1. As referencias ao órgano superior que teña atribuída a función de coordinación dos servizos sociais no número 3 do artigo 5 do Decreto 246/2011, do 15 de decembro, polo que se desenvolve a Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación, entenderase realizada ao órgano competente en materia de familia e inclusión.

2. As referencias á Secretaría Xeral de Política Social no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 dependentes desta consellería, entenderanse realizadas ao órgano competente en materia de familia e inclusión.

3. As referencias que con carácter xeral se efectúen nas normas sectoriais vixentes en materia de servizos sociais á Secretaría Xeral de Política Social entenderanse realizadas ao dito órgano superior ou á Dirección Xeral de Familia e Inclusión, de conformidade coa distribución de competencias establecida neste decreto».

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar