Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29761

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 18 de xullo de 2013 pola que se designa o órgano estatístico sectorial da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, regula os órganos estatísticos sectoriais da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e o procedemento para a súa designación. No punto 1º do seu artigo 2 establécese que este órgano está integrado por unha ou varias unidades administrativas que se designarán por resolución da persoa titular do departamento no que se integra organicamente.

Mediante a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 29 de xullo de 2010, designouse o órgano estatístico sectorial da Presidencia da Xunta de Galicia.

O Decreto 88/2013, do 30 de maio, de estrutura orgánica dos órganos superiores e de dirección dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, no artigo 2, parágrafo 4.1.3, establece que son funcións do Servizo de Planificación, Análise e Xestión Económica, a formación de estatísticas nas materias que sexan competencia dos órganos dependentes da Presidencia, sen prexuízo das funcións nesta materia doutros órganos ou unidades.

Polo indicado anteriormente, cómpre proceder a unha nova designación do órgano estatístico sectorial da Presidencia da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido nos artigos 1, 2, 3 e 7 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro,

DISPOÑO:

Primeiro. Designar o órgano estatístico sectorial da Presidencia da Xunta de Galicia, que estará integrado pola unidade administrativa que se especifica a continuación:

a) Posto de traballo: Servizo de Planificación, Análise e Xestión Económica, dependente da Secretaría Xeral da Presidencia.

b) Coordinador ou coordinadora: o funcionario ou funcionaria titular do posto de traballo que se designa.

c) Localización física: dependencias da Secretaría Xeral da Presidencia, Edificio Administrativo San Caetano, Santiago de Compostela.

Segundo. Para efectos do rexistro ao que se refire o artigo 3 do Decreto 24/2008, do 21 de febreiro, a Secretaría Xeral da Presidencia comunicaralle ao Instituto Galego de Estatística os datos relativos á identidade da persoa que, en cada momento, ocupe o posto de traballo que se identifica no punto primeiro, que se nomeará seguindo os procedementos de provisión establecidos na normativa vixente en materia de función pública.

Terceiro. A presente orde de designación do órgano estatístico sectorial da Presidencia da Xunta de Galicia deixa sen efecto a Orde do 29 de xullo de 2010, pola que se designa o órgano estatístico sectorial da Presidencia da Xunta de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza