Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 17 de xullo de 2013 Páx. 28542

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela

EDICTO (132/2013).

Sentenza.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2013.

Susana Villarino Moure, maxistrada xuíza do Xulgado do Social número tres de Santiago de Compostela, unha vez vistos os presentes autos nº 132/2013 e acumulados 368/2013, promovidos ante este xulgado do social sobre despedimento, resolución contractual e reclamación de cantidade, por instancia de Victoria Martínez Lago contra APV Motor, S.A., Millarent, S.L., San Rent, S.L., que non comparecen, Fogasa, que non comparece, pronunciou a seguinte sentenza.

Resolvo que, considerando que existe unha indebida acumulación de accións respecto da reclamación de cantidade correspondente á indemnización por falta de aviso previo, se considera efectuada a opción a favor das restantes accións exercidas, sen prexuízo do dereito da parte a exercer esa reclamación de cantidade por separado.

Que debo estimar e estimo a acción de resolución contractual, a acción de reclamación de cantidade (salarios e liquidación de vacacións) e a acción de despedimento interpostas por Victoria Martínez Lago contra APV Motor, S.A., Millarent, S.L., San Rent, S.L. e, en consecuencia:

1. Declaro resolto o contrato de traballo que une a demandante coas empresas demandadas na data desta sentenza e por causas imputables ás demandadas, condenando a estas a pagar solidariamente á demandante 19.842,09 euros en concepto de indemnización.

2. Declaro a improcedencia do despedimento efectuado con data de efectos do 2 de marzo de 2013. Considero que a parte demandante desistiu da pretensión de declaración de nulidade do despedimento.

3. Condeno as demandadas solidariamente a lle aboar á demandante os salarios de tramitación que se devindicasen desde o 2 de marzo de 2013 ata a presente sentenza, a razón de 50,69 euros brutos por cada día dese período en que a demandante non permanecese en situación de incapacidade temporal.

4. Condeno as demandadas solidariamente a lle aboar á demandante 10.247,53 euros netos en concepto de salarios e liquidación de vacacións devindicados ata a data do despedimento.

5. Condeno as demandadas ao aboamento das custas procesuais, incluídos os honorarios do letrado da parte demandante, que se fixan na suma de 200 euros.

Non procede condenar nesta instancia o Fogasa, sen prexuízo da súa responsabilidade nos termos do artigo 33 do Estatuto dos traballadores.

Notifíquese esta resolución ás partes e fágaselles saber que contra ela poden interpor recurso de suplicación no prazo de cinco días desde a súa notificación.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2013