Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Mércores, 17 de xullo de 2013 Páx. 28502

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 3 de xullo de 2013 de aprobación definitiva dunha modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros.

O Concello de Oleiros solicita a aprobación definitiva da modificación puntual referida, en virtude do establecido no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Examinada a documentación achegada polo Concello de Oleiros e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Oleiros dispón, na actualidade vixente, dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente de forma parcial pola Orde da CPTOPT do 11.3.2009, coas condicións e nos termos establecidos nela.

2. O concello acordou a formulación da modificación en pleno con data do 29.9.2011.

3. O concello non solicitou o informe previo á aprobación inicial da modificación previsto no artigo 85.1 da LOUG, ao abeiro do establecido no artigo 93.4.

4. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental decidiu, o 5.12.2011, non someter a proposta ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica.

5. No expediente figuran informes da coordinadora dos servizos urbanísticos do concello do 12.9.2011, 15.2.2012 (artigo 85.1 da LOUG) e do 14.9.2012 (sobre as alegacións e a aprobación provisional), da secretaria do concello do 20.9.2012 (sobre a aprobación provisional); e do arquitecto municipal con datas 20.12.2010, 8.9.2011, 16.1.2012, 6.2.2012 e 10.2.2012 (artigo 85.1 da LOUG) e 10.9.2012 (sobre as alegacións e aprobación provisional). Así mesmo, o expediente incorpora informe dos redactores da modificación con data do 17.8.2012 sobre as alegacións presentadas.

6. A modificación foi aprobada inicialmente polo concello en pleno do 31.3.2012 e sometida a información pública polo prazo de dous meses (Diario Oficial de Galicia do 19 de abril, El Ideal Gallego e La Voz de Galicia, do 13 de abril). A aprobación inicial foi notificada aos concellos limítrofes (A Coruña, Sada, Cambre e Culleredo) segundo o previsto no artigo 85.2 da LOUG. Foron presentadas oito alegacións segundo o informe sobre o resultado do trámite de información pública do 20.6.2012 incluído no expediente.

7. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, con data do 14.6.2012, informe sobre que a nova ordenación proposta resulta compatible cos principios, criterios e normas do Plan de ordenación do litoral de Galicia (Decreto 20/2011).

8. O proxecto foi aprobado provisionalmente polo pleno municipal do 25.9.2012.

9. O concello remitiu o 22.10.2012, expediente administrativo, documento de inicio, proxecto aprobado inicialmente e proxecto aprobado provisionalmente, redactado polos arquitectos Mateo Miyar Olaiz e Gonzalo Serantes Conchado. Requirida, ao abeiro do artigo 85.7 da LOUG, a emenda das deficiencias observadas mediante escrito do 21.11.2012, completouse o 12.12.2012, achegando informes da coordinadora dos servizos urbanísticos municipais do 3.12.2012 e do arquitecto municipal do 29.11.2012.

II. Ámbito, obxecto e descrición da modificación proposta.

1. O ámbito da modificación é o POL-16 rúa das Viñas do PXOM, no núcleo urbano de Perillo, así como o seu contorno inmediato, acadando os 20.125 m2. Está rodeado de solo urbano consolidado, con presenza de vivendas unifamiliares e colectivas de ata B+3+BC de altura, nalgúns puntos con medianeiras vistas en contacto co polígono.

2. A modificación ten por obxecto a mellora da ordenación detallada do polígono e a inclusión nel das conexións e zonas de bordo necesarias para garantir unha axeitada inserción do polígono na estrutura urbana lindeira:

a) Apertura dunha nova vía na parte central do ámbito en prolongación da rúa Zaire.

b) Alteración da zona verde V-93, dándolle un maior contacto coa rúa das Viñas.

c) Relocalización do equipamento RE-40 para a mellora da accesibilidade urbana.

d) Mellora da ordenación da edificación mediante a eliminación das pantallas edificadas e cubrición das medianeiras situadas no bordo do polígono.

3. O proxecto redelimita o polígono fundamentalmente mediante a inclusión da execución das súas conexións co contorno. Así mesmo, establécense unhas ordenanzas de aplicación ao polígono resultante que son variacións da 2A e 5 do plan xeral.

III. Análise e consideracións.

1. A modificación fundaméntase en razóns de interese público consistentes na mellora substancial da ordenación detallada vixente do polígono POL-16, que poden considerarse suficientes para a xustificación da modificación.

2. Froito da modificación prodúcese un aumento da edificabilidade de 848,73 m2. Séguese a cumprir o estándar de sistemas xerais previsto polo plan xeral.

3. Canto aos sistemas locais (artigo 94.3 da LOUG) cúmprese o estándar requirido polo artigo 47.2 da LOUG. A modificación prevé o incremento das dotacións públicas correspondente ao aumento da edificabilidade do ámbito.

4. Como a modificación produce afección a terreos cualificados como zonas verdes ou espazos libres públicos, a súa aprobación definitiva require do informe favorable previo da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia (artigo 94.4 da LOUG) que se acadou na súa sesión do 20 de xuño de 2013.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións de planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 de Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas,

IV. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Oleiros, no polígono, rúa das Viñas.

Segundo. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Terceiro. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

Cuarto. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas